Abeledos, a consolidación dun colleiteiro de Monterrei

A adega familiar comezou a actividade no 2009 e foi medrando de xeito progresivo ata acadar as 60.000 botellas ano. Elabora plurivarietais brancos e tintos e dous monovarietais de godello e mencía

Publicidade
Abeledos, a consolidación dun colleiteiro de Monterrei

Viñedos da adega. / Imaxes: Abeledos.

Abeledos é unha adega familiar da denominación de orixe Monterrei que naceu no 2009 co obxectivo de valorizar a colleita propia. Ubicada en Verín, Abeledos traballa máis de 9 hectáreas de viñedo no val de Monterrei, cunha aposta orientada a utilizar a maioría das variedades autorizadas na denominación. “Tiñamos ilusión por crear a nosa marca e por tirar da terra”, explica Fernando Boo, responsable de Abeledos.

A adega foi aumentando de xeito progresivo a súa produción e sitúase na actualidade en arredor de 60.000 botellas ó ano. Elabora dous monovarietais, o Tirabeque 100% godello e o Tirabeque 100% mencía, así como dous plurivarietais, o Abeledos de godello cunha pequena porcentaxe de albariño e treixadura, e o Abeledos de mencía con caiño e arauxa (tempranillo).

“O máis complicado foron os inicios. Unha vez que a xente proba o teu viño, se lle gusta, repite” (Fernando Boo)

“Na actualidade temos unha demanda bastante equilibrada entre as dúas marcas e entre brancos e tintos” -valora Fernando, que destaca a mellora progresiva que foron acadando os viños da adega no mercado-, “aínda que todavía nos queda traballo por diante”, subliña.

De cara ó futuro, o colleiteiro quere incorporar aos seus viños tamén outras variedades autóctonas das que ten viñas novas, como a bastardo (merenzao) e sousón, en tintos, ou a dona blanca e loureira en brancos.

As perspectivas para a adega son positivas: “Como en calquera negocio, o máis complicado foron os inicios. Unha vez que te das a coñecer, que a xente proba o teu viño e gusta, todo vai máis sobre rodas. Se o viño gusta, a xente repite”, salienta.

Nos poucos anos que leva en marcha, a adega xa obtivo algunhas puntuacións reseñables nas guías de referencia do sector vinícola en España, caso da Guía Peñín, onde o seu Tirabeque mencía recibiu 90 puntos (sobre 100) ou do Abeledos tinto, con 89 puntos. Ese mesmo viño recibiu un ouro na guía de Luis Padín sobre os viños galegos, en tanto o Tirabeque branco, de godello, mereceu outro ouro.

Imaxe dunha vendima.

Imaxe dunha vendima.

Mercados
Abeledos atopa en Galicia o seu principal mercado, se ben tamén vende a outras partes de España e iniciou a exportación a dous países, Holanda e Suecia. “A nosa idea é seguir traballando duro e abrindo mercados. Pensamos que estamos nunha boa época, con incrementos de consumo do viño, e nese contexto, a denominación de Monterrei está evolucionando ben. Ao comezo, os viños de Monterrei non se vían e agora atópanse en calquera punto de España. A denominación deuse ben a coñecer e está a recabar premios internacionais”, valoran desde Abeledos.

A adega incide no futuro que lle albisca ós viños da DO Monterrei, que pola súa ubicación na conca do Douro e cunha climatoloxía continental, produce viños con particularidades diferenciais no panorama galego.

Abeledos ubícase ademais nas proximidades dunha quinta romana de descanso, en cuxo xacemento arqueolóxico foi atopada a escultura romana do deus Dionisos, tamén coñecido como Baco, o deus do viño. Precedentes milenarios que falan das posibilidades dos viñedos da denominación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información