Gontán, no concello de Abadín, acollerá este vindeiro sábado, 2 de novembro, unha nova edición da súa tradicional Feira de Santos, unha cita que congrega anualmente a un grande número de gandeiros e visitantes procedentes de Galicia e Asturias.
O feito de non coincidir este ano coa Feira de Santos de Monterroso, outra das citas de referencia neste tempo en Galicia e que se celebra este ano o día antes, o venres 1 de novembro, axudará a incrementar a concorrencia á feira de Abadín. A Feira de Santos de Gontán conta con máis de dous séculos de antigüidade e celébrase sempre o primero sábado do mes de novembro.
A cita, con toda seguridade, repetirá éxito de gando e de público, que aproveitará para facer compras, comer o polbo e churrasco nos postos de comida que se montan ou botar uns bailes coas actuacións musicais previstas durante todo o día.

Á Feira de Santos de Gontán acoden gandeiros e visitantes de toda Galicia e de Asturias
A cita conta cunha programación tradicional baseada no mercado gandeiro, expositores de diversos produtos de alimentación, onde destacan os de tempada, como as noces, as castañas ou o mel, así como os embutidos e os derivados da matanza do porco, ferramenta e apeiros de labranza, roupa e calzado, artículos para montar a cabalo ou artesanía.
As casetas para degustar o polbo e o churrasco son outros dos atractivos para os visitantes, que tamén poden achegarse para comer a algún dos restaurantes da zona, afamados entre outras cousas polas súas carnes. Non faltará tampouco a verbena pola noite, polo que a celebración de Santos alongarase como vén sendo habitual durante todo o día.
Premios do concurso de gando
O máis destacado da mañá será o certame de gando que organiza o Concello de Abadín e para o que dispón de premios en distintas categorías: ao mellor exemplar bovino, equino, mellor cría bovina, mellor cría equina, maior número de cabezas de gando bovino e equino ou mellor exemplar equino de silla.
Para animar a participación na feira, o Concello repartirá tamén varios premios de 100 euros cada un entre os mellores e máis numerosos exemplares que se acheguen a Gontán. A organización establece sete categorías no concurso de gando e cada unha está dotada cun cheque de 100 euros pero é habitual que se dean algúns premios a maiores coa intención de gratificar ao maior número de gandeiros asistentes polo esforzo de traer o seu gando, polo que a contía final sempre se achega aos 1.000 euros.
Abadín conta con explotacións de carne aos pés da serra do Xistral, ganderías de leite na chaira e unha importante empresa transformadora, Queixos Lorán
Non faltarán algúns dos gandeiros habituais coas súas reses, tanto do propio concello como de concellos limítrofes ou mesmo doutros máis afastados coma Ferrol ou Asturias. Abadín segue a manter un importante sector agrogandeiro, cun peso importante na produción de carne en parroquias como Labrada, Romariz, Fanoy ou Baroncelle e con explotacións de leite na chaira.
Cara a serra do Xistral o gando en extensivo aproveita os pastizais que hai nos montes producindo unha carne de excelente calidade. O municipio conta ademais cunha importante industria queixeira, Lorán, que transforma o leite producido polos gandeiros da zona aportándolle valor engadido cun alto grado de diversificación e unha importante rede de distribución por Galicia, Asturias e León.
A Feira de Santos mantense como a feira de ano de Gontán

O certame gandeiro establece premios tanto para exemplares de vacún como cabalar
O primeiro sábado de novembro, por tradición, veciños e veciñas de Abadín e doutros lugares achéganse a Gontán para participar na feira das feiras anuais no municipio. Ante a chegada do inverno, os gandeiros e gandeiras da comarca apuraban a vender as súas reses. A pesar de que esta práctica na actualidade non se concentra nunha única época do ano, Gontán mantén a tradición da celebración da Feira de Santos como a feira de ano máis importante de cantas se celebran no recinto feiral ubicado a carón do río Labrada.
Gontán é tamén coñecido polas súas feiras quincenais. Todos os meses, o primeiro e terceiro sábado, celébrase feria e mercado. Outra das ferias por excelencia de Abadín, e que tamén ten lugar no recinto feiral de Gontán cara a finais de febreiro, é Expogrelo, unha cita adicada a este produto do inverno que se celebra coincidindo co momento de recollida desta verdura imprescindible no caldo e os cocidos desta época.