A Xunta tramita 38 expedientes para a inscrición no rexistro de masas de frondosas

As masas consolidadas de frondosas destas solicitudes suman 1.900 hectáreas. A primeira tramitación é a dun monte do concello coruñés de Mesía

A Xunta tramita 38 expedientes para a inscrición no rexistro de masas de frondosas

A Consellería do Medio Rural está a tramitar actualmente un total de 38 expedientes de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, que supoñen en conxunto unhas 1.900 hectáreas de terreo. Destes expedientes, 7 corresponden á provincia da Coruña, 15 á de Lugo, 5 á de Ourense e 12 á de Pontevedra.

O primeiro monte en inscribirse neste rexistro é a Fraga de Areosa, un souto de castiñeiros e bosque de ribeira de especiais valores, titulariedade do Concello de Mesía, na provincia da Coruña. Precisamente hoxe publícase no Diario Oficial de Galicia o anuncio de información pública desta petición.

En Galicia existe, de acordo co 4º Inventario Forestal Nacional, unha superficie de masas de frondosas autóctonas dunhas 415.000 hectáreas, dominadas principalmente polo carballo, cerquiño, castiñeiro e bidueiro, xa sexa en forma de masas de unha soa especie ou en mesturas de dúas ou máis especies.

Rexistro de masas de frondosas

Tal e como indican dende a Consellería de Medio Rural, o rexistro pretende favorecer a xestión forestal activa das masas inscritas. Para iso, no propio decreto establécense unha serie de medidas, como son a prioridade na concesión de axudas públicas, a divulgación dos seus valores e das utilidades directas destas masas de frondosas ou o fomento do desenvolvemento de vantaxes fiscais para os seus titulares.

O Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas está regulado polo Decreto 167/2019, do 5 de decembro. Nel inscríbense aquelas masas cunha superficie mínima de monte de 15 hectáreas que poden estar constituídas por tres coutos redondos, sempre que cada unha delas teña un mínimo de 3,75 hectáreas (25% da superficie mínima) e unha idade media de 20 anos.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información