A Xunta solicitará que as construcións agrícolas e gandeiras non computen á hora de solicitar unha bolsa

A Xunta solicitará que as construcións agrícolas e gandeiras non computen á hora de solicitar unha bolsa

Os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e do Medio Rural, Ánxeles Vázquez, mantiveron este martes unha reunión na que acordaron solicitar ao Goberno Central que, á hora de solicitar unha bolsa de apoio ao estudo, non computen como segunda vivenda as construcións agrícolas e gandeiras propiedade da familia do alumno, nomeadamente galpóns, palleiras, naves, etc.

Neste sentido cómpre sinalar que, ao abeiro do Plan de regularización extraordinaria 2013-2016 e da revisión catastral realizada no seu cumprimento, este tipo de construcións pasaron a pagar o Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), que antes non aboaban.

Porén, a Xunta de Galicia considera que a consideración destas construcións como computables no patrimonio familiar á hora de baremar a puntuación para obter bolsas do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte supoñen un claro prexuízo para os estudantes procedentes de familias do rural, especialmente as dedicadas á actividade gandeira e para as que posúan este tipo de construcións en chan urbano – casos nos que están computando como ‘segunda vivenda’.

Neste sentido ambos os conselleiros concluíron que, tendo en conta que o gandeiro e agrícola é un dos sectores básicos da nosa economía, sustento fundamental de milleiros de familias en Galicia, cómpre chamar a atención do Goberno Central sobre a necesidade de facer unha excepción sobre o caso específico deste colectivo á hora de percibir axudas. Así mesmo, coincidiron na necesidade de apoiar a estas familias no difícil momento polo que atravesa o sector.

A petición farase vía misiva que se enviará esta mesma semana asinada polos dous conselleiros ao Ministerio de Educación, Cultura y Deporte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información