A Xunta saca a poxa 50 lotes de madeira en Lugo por valor de 3,2 millóns

A poxa pública terá lugar o vindeiro 19 de novembro. Como novidade, os lotes foron analizados desde o punto de vista da súa calidade para madeira estrutural e un total de 40 contan con certificación de xestión forestal sostible

madeira piñeiroO Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes a resolución da convocatoria dun alleamento de madeiras en Lugo, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, nunha poxa pública electrónica que terá lugar na Delegación Territorial da Xunta na provincia lucense, no que se adxudicarán 50 lotes cun valor total de 3.199.302,12 euros.

Como novidade e co obxectivo de optimizar o aproveitamento da madeira cara produtos de maior valor engadido e larga duración, por primeira vez ofrécese información da probabilidade de que os lotes produzan madeira de alta calidade para o seu emprego en estruturas. Ademais, catro destes lotes foron seleccionados para a determinación da súa calidade mediante resistógrafo unha vez cortada a madeira. Este servizo ofrécese sen custo para os adxudicatarios.

Respecto da certificación de xestión forestal sostible, 36 lotes contan con certificado PEFC e 4 dispoñen da dobre autenticación PEFC e FSC, os dous sistemas de verificación máis implantados no mundo. Case todos os lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común que teñen convenios ou consorcios de xestión forestal coa Consellería do Medio Rural.

As empresas que opten aos lotes deben ter un certificado de cadea de custodia, que garante a trazabilidade da madeira. A certificación forestal sostible asegura que a xestión dos bosques de onde procede a madeira é respectuosa co medio ambiente, mentres cumpre con outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais. Os lotes suman 116.511 metros cúbicos de madeira de piñeiro, verde -non queimada nin seca- que será vendida baixo a modalidade de alleamento de risco e ventura.

Plataforma de consulta

Ao igual que en poxas electrónicas anteriores, os licitadores realizarán os trámites de forma telemática, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Para seguir todo o proceso, disporán dunha sala virtual creada para tal fin.

Ademais, os interesados en poxar por algún destes lotes dispoñen dunha plataforma desenvolvida pola Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para consultalos e obter información sobre as súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio. A maiores, este espazo tamén permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato PDF os planos ou descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles, para localizar facilmente as superficies arboradas obxecto de poxas públicas.

Por outra banda, os licitadores terán que presentar as súas ofertas económicas a través da sede electrónica da Xunta, apoiándose nun videotitorial elaborado para axudar nesta situación.

Ligazón á publicación do DOG

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información