A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

A Xunta reforza a prevención na loita contra os lumes e adapta o operativo á emerxencia da Covid-19

O dispositivo anti incendios está integrado en total por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións, que disporán de 360 motobombas, entre outros medios

A Xunta reforza a prevención na loita contra os lumes e adapta o operativo á emerxencia da Covid-19

O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2020 ten como obxectivo xeral o de reducir ao máximo posible, tendo en consideración os recursos dispoñibles, as consecuencias ecolóxicas, económicas e sociais producidas polos incendios forestais na nosa comunidade.

O Pladiga 2020 mantén, en liñas xerais, o esforzo en materia de medios e persoal de loita contra o lume, incorporando algunhas novidades importantes, como son a súa adaptación ás condicións establecidas pola emerxencia sanitaria a causa da covid-19 e, especialmente, a implementación dun completo e detallado plan de prevención. Así, o dispositivo humano é moi semellante ao de anos anteriores, pero con maior presenza temporal dos efectivos sobre o territorio, xa que o persoal fixo descontinuo permanece despregado seis meses, un máis que na anterior campaña.

O operativo está integrado en total por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións, que teñen á súa disposición 360 motobombas, entre outros medios terrestres. Con respecto aos medios aéreos, o Pladiga 2020 ten entre as súas novidades a dotación de maior capacidade de transporte de auga e a incorporación dun total de 12 drons, tanto para vixilancia e disuasión como para prestar apoio á extinción.

O dispositivo anti incendios está integrado en total por máis de 7.000 persoas

No que respecta á adaptación do Pladiga á emerxencia sanitaria, o documento conta cos protocolos necesarios para permitir o traballo do persoal en condicións óptimas de seguridade e hixiene. Así, establecéronse máis dunha ducia de instrucións e protocolos para os profesionais do Servizo, con esa finalidade.

Nesta liña, cómpre destacar tamén o esforzo realizado polos axentes ambientais e bombeiros forestais do Servizo durante a emerxencia sanitaria, levando a cabo máis de 7.000 desinfeccións nos exteriores dos centros de saúde, residencias de maiores e discapacitados e outro tipo de instalacións, como parte da súa colaboración voluntaria para previr o contaxio do coronavirus. As desinfeccións leváronse a cabo de forma recorrente en ata 200 municipios galegos con menos de 5.000 habitantes.

Prevención

A prevención ocupa, así mesmo, un lugar destacado no Pladiga 2020, cun plan monográfico que supón un investimento de 30,5 millóns de euros para actuar, con traballos preventivos, en preto de 46.000 hectáreas e en case 5.800 quilómetros de pistas e estradas. Ademais, prevé a construción de 121 novos puntos de auga e o mantemento dos 3.207 xa existentes, entre outras medidas.

Así, traballarase en case 8.400 hectáreas, con diferentes tipos de labores silvícolas, así como mellorar uns 3.100 quilómetros de pistas forestais e adecuar á normativa de distancias uns 100 km de estradas e vías de ferrocarril. Ademais, fanse traballos de mantemento en 3.207 puntos de auga.

Desta forma, lévanse a cabo labores relacionados coa creación e mellora de devasas e faixas auxiliares, coa mellora e mantemento de pistas no monte ou coa eliminación de residuos forestais. Así mesmo, supervísase o estado dos puntos de auga e fanse labores de roza mecanizada arrastrada, roza manual e roza mecanizada de brazo.

O Pladiga ten entre as súas novidades a dotación de maior capacidade de transporte de auga e a incorporación dun total de 12 drons,

As actuacións recollidas neste plan realízanse por unha banda en montes e terreos forestais e, por outra, nas faixas secundarias de xestión de biomasa, as dos 50 metros de terreo rústico máis próximas ás vivendas. Todo isto, de acordo coas obrigas establecidas na Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

No que atinxe ás subvencións para a prevención dos danos causados por lumes, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor), ao abeiro deste plan preventivo traballarase no control selectivo de combustible en case 9.700 hectáreas, así como na construción dun total de 121 puntos de auga.

Por outra, parte, no que se refire aos convenios con municipios para a súa participación e defensa contra incendios forestais, actualmente están subscritos acordos cun total de 263 concellos e 5 mancomunidades. Estes convenios céntranse en tres vías de colaboración: a participación mediante a actuación de vehículos motobomba, a realización de tratamentos preventivos de xeito mecanizado e a contratación durante tres meses de brigadas para o desenvolvemento de labores de vixilancia e defensa, así como para a realización de traballos de prevención mediante o control do combustible de xeito manual.

De acordo con estes parámetros, dentro deste plan activáronse 251 brigadas municipais, cunha superficie de actuación total de preto de 19.500 hectáreas, sumando os traballos manuais e os mecanizados. A elas cómpre engadir as case 600 hectáreas de actuación preventiva dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES).

A maiores, no plan inclúense os traballos propios das actuacións preventivas no marco do convenio de colaboración subscrito entre a Xunta, a Fegamp e Seaga. Neste sentido, tendo en conta que os concellos adheridos a este acordo son 259, potencialmente poderían levarse a cabo execucións subsidiarias en case 2.600 hectáreas e actuacións de xestión de biomasa en vías de titularidade municipal ata nun total de 2.590 km en toda Galicia. Así mesmo, nas parroquias priorizadas dentro deste convenio prevese actuar noutras 5.300 hectáreas ao longo deste ano.

Actuacións complementarias

De xeito complementario a esta planificación, contémplanse tamén outras iniciativas que inciden, así mesmo, na anticipación aos lumes, como son a dotación de material e vehículos, o plan de pastos, a silvicultura preventiva, as aldeas modelo ou os polígonos agroforestais e que no seu conxunto supoñen un investimento de máis de 33 millóns de euros.

No que atinxe á dotación material, a Xunta segue coa adquisición e mantemento de motobombas, a construción e arranxos nas emisoras e bases aéreas, o aluguer de vehículos para brigadas e axentes e diferentes equipamentos e ferramentas.

De xeito paralelo, o Goberno galego puxo en marcha o Plan de pastoreo de Galicia, co obxectivo de fomentar a ordenación e posta en valor dos pastos da comunidade para un mellor aproveitamento dos recursos naturais, ao tempo que se traballa na anticipación aos incendios forestais. A iniciativa contempla ata 2.250 hectáreas que se recuperarán, co fin de dotar ás explotacións de máis base territorial e contribuír a facer rendible a actividade agrogandeira, co conseguinte apoio á remuda xeracional no agro e ao mantemento da poboación no rural.

A maiores, contribúese ao equilibrio e sustentabilidade ambiental, non só polo coidado dos pastos senón tamén porque a meirande parte das ganderías que fan uso do pastoreo nos montes veciñais son gando de produción de carne de maneira sostible e con razas autóctonas.

 En prevención estanse a investir 30,5 millóns de euros para actuar en preto de 46.000 hectáreas e en case 5.800 quilómetros de pistas e estradas

Con respecto ás iniciativas de mobilización de terras, salientan as aldeas modelo e os polígonos agroforestais, con actuacións en zonas en abandono ou infrautilización de alta ou especial capacidade produtiva para un ou varios cultivos ou aproveitamentos. No caso das aldeas modelo, execútase a limpeza das franxas arredor das vivendas, eliminando maleza, pino, eucalipto e acacia e establécese nesa franxa actividade agrogandeira, co obxecto de que constitúa unha devasa natural fronte o lume. A previsión é aprobar unhas 25 aldeas modelo en toda Galicia ao longo deste ano.

Por último, no que atinxe á silvicultura preventiva, neste 2020 incídese na prevención dos danos causados polos incendios ou desastres naturais e, por outra banda, en incrementar a capacidade de adaptación e o valor ambiental dos ecosistemas forestais.XUNTA DRON

Actividade incendiaria

Dentro do Pladiga 2020 actualízase tamén a información relativa ás Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI). Neste caso, o número delas redúcese este ano en máis do 60%, ao pasar das 71 existentes no 2019 a 28 este ano. Esta cifra axústase cada ano en función de criterios técnicos, relacionados ou ben con número de lumes rexistrados nestas parroquias ou ben coa súa virulencia.

En canto ás melloras tecnolóxicas, o Pladiga 2020 potencia as aplicacións informáticas coas que conta o persoal do servizo para a loita contra o lume. Así, intégranse novas funcionalidades, como a visualización actualizada de imaxes vía satélite, a compartición de pantalla entre varios usuarios ou a implementación de shapes (formas, siluetas) provisionais de evolución do lume.

Ademais, tamén cóntase con información en tempo real, para a xestión dun incendio sobre o territorio, nas propias tablets das que dispoñen actualmente os axentes e técnicos. Inclúense datos cartográficos actualizados como puntos de auga, límites administrativos ou espazos protexidos, así como busca de topónimos e puntos quilométricos, localización GPS dos recursos asignados, rutas de acceso seguidas polos primeiros recursos en chegar, información da evolución do lume e fotografía xeorreferenciada ou capacidades de edición para indicar puntos de encontro, devasas, perímetros provisionais do lume etc.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *