A Xunta quere reducir os fondos da PAC destinados á rotación de cultivos para trasferilos a agricultura ecolóxica

O SLG oponse a esta decisión e pide que se garanta o cobro aos produtores inscritos no CRAEGA sen minguar as axudas previstas para o resto de explotacións

CRAEGA_01_standarAs protestas do sector ante a insuficiente dotación de fondos para a agricultura ecolóxica en 2022, que impediu que un importante número de granxas puideran acceder a estas axudas públicas malia que cumprían os requisitos para ser beneficiarias, motivou que a Xunta de Galicia veña de realizar unha proposta de modificación do Plan Estratéxico da PAC 2024-2027 (PEPAC), na parte de xestión de competencia autonómica, os fondos de desenvolvemento rural, de cara a poder cubrir economicamente as solicitudes de axudas agroambientais para a agricultura ecolóxica que se realizarán no período 2023-2027.

Esta proposta de modificación foi tratada este martes no Comité de Seguimento Rexional do Plan Estratéxico da Política Agrícola Común 2023-2027, onde foi aprobada, paso previo a ser trasladada ao Ministerio de Agricultura.

A gandeira e técnica en Política Agraria Común no Sindicato Labrego Galego, Ana Rodríguez, presente na xuntanza do Comité de Seguimento Rexional, chama a atención sobre o feito de que no texto aprobado figuran cuestións que non foron tratadas nos encontros preparatorios coa Consellería do Medio Rural, co Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) e con outros departamentos administrativos da Xunta de Galicia.

Esiximos que a cobertura das agroambientais de ecolóxico non se realice a costa de reducir partidas con alto nivel de execución

A procedencia dos fondos que a Xunta pretende derivar para cubrir as axudas agroambientais de ecolóxico ata 2027 proceden de minguas noutras partidas. En concreto, a Xunta propón eliminar do PEPAC 40 millóns para zonas con limitacións naturais, 11 millóns para cultivos sostíbeis e 7,5 millóns de gasto público xeral.

“Os últimos datos do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2022, revelan con claridade que entre as medidas de maior grao de execución están as agroambientais e os pagos a zonas con limitacións naturais e outras limitacións específicas. A porcentaxe de eficacia total de medidas como as de áreas de montaña e zonas distintas ás de montaña, por exemplo, estaban por riba do 80%. De feito, todas as medidas que teñen que ver coa agricultura e gandería teñen un nivel de execución moi alto, contrastando con outras medidas que non chegan ao 40% de eficacia”, explica Ana.

Á vista destes datos, a representante do SLG solicitou no Comité de Seguimento Rexional do PEPAC que o orzamento preciso para cubrir as axudas agroambientais para a agricultura ecolóxica que se realizarán no período 2023-2027 non foran obtidas a costa de reducir fondos das medidas que historicamente mellor funcionaban, como finalmente se fixo.

É totalmente improcedente retirar cartos precisamente de onde máis se solicitaba

En primeiro lugar, a Xunta decidiu unha diminución de 40 millóns de euros asociados á medida de zonas con limitacións naturais. “Se ben a Xunta afirma que vai convocar estas axudas nos anos 23, 24 e 25 con fondos sobrantes do PDR 2014-2022, os cálculos revelan que sería preciso dispor de alomenos 60 millóns de euros para cubrir estas tres convocatorias, pero dende o Sindicato Labrego Galego non temos ningún dato que garanta que existe unha dispoñibilidade real destes fondos”, alerta Ana.

Unha segunda sustración de fondos sería aplicada na medida de rotación de cultivos sostibles, de onde se extraerían 10.855.750€. “A Consellería argumentou que pensa que esta intervención non vai ser atractiva para as persoas posibles solicitantes. Dende o SLG consideramos que este non é un argumento sólido para operar unha redución de varios millóns de euros nas cuantías das axudas. Primeiro polo menos deberían convocalas, e a partir de aí extraer algún criterio”, sinala a técnica do SLG especialista na PAC.

Nas axudas agroambientais para rotación de cultivos mantéñense unicamente os fondos para introducir un terceiro cultivo nas rotacións de pataca e cereal pero elimínanse os fondos para as rotacións plurianuais de millo e raigrás destinados a explotacións de vacún de leite

Canda estas dúas reducións orzamentarias nas axudas destinadas á actividade agrogandeira no marco da Política Agraria Común, a modificación presentada pola Xunta tamén diminúe gasto público total do PEPAC en 7,5 millóns de euros, neste caso de financiación autonómica e do Estado, trasladando os fondos de intervencións cun cofinanciamento FEADER do 65% a un cofinanciamento FEADER do 80%. “Non resulta coherente eliminar fondos de medidas de apoio ao sector para dotar de orzamento outras, en todo caso a solución é aumentar os fondos, non movelos dun lado para o outro. Dende o Sindicato Labrego Galego consideramos, e así o trasladamos na xuntanza do PEPAC, que en ningún caso se debe eliminar ningunha partida orzamentaria, polo tanto estes sete millóns e medio, así como o resto de contías indicadas, deben seguir figurando no cadro previsto”, considera a representante do SLG.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información