A Xunta prevé que a finais de novembro estea aprobado o novo PDR

O Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 suporá un investimento público no rural galego de 889 millóns procedentes de fondos europeos

A Xunta prevé que a finais de novembro estea aprobado o novo PDR

O novo PDR incluirá axudas para ampliar a base territorial das explotacións gandeiras

A Xunta de Galicia prevé que o Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia para o período 2014-2020 estea aprobado pola Comisión Europea para antes de final deste mes de novembro.

Así o anunciou hoxe o Goberno galego na reunión do Consello da Xunta, onde se analizou un informe sobre a situación actual do PDR, o chamado segundo piar da Política Agraria Común que mobilizará nos próximos 5 anos un investimento público de máis de 889 millóns de euros de axudas públicas europeas canalizadas a través do Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural (Feader).

Este novo PDR dará continuidade á política en materia de desenvolvemento rural que vén realizando a Xunta de Galicia co apoio das achegas comunitarias do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), máis concretamente a través do Programa de desenvolvemento rural 2007-2013, que finalizará a súa vixencia a finais de 2015.

Un PDR ao que rodeou a polémica

O novo PDR galego estivo rodeado da polémica despois de que a proposta enviada pola Xunta de Galicia fora enmedada pola Comisión Europea por presentar “problemas graves”. En concreto, en novembro de 2014 as autoridades europeas remitíronlle á Consellería do Medio Rural un total de 418 observacións por “problemas graves que requiren unha aclaración e a revisión da proposta”, tales como a baixa porcentaxe de solo forestal sometido a plans de xestión, a falta de medidas para adaptar ao sector lácteo ao novo escenario sen cotas pero, sobre todo, ao que a Comisión Europea consideraba falta de consenso do PDR proposto pola Xunta cos axentes sociais implicados.

Ao longo do primeiro semestre deste ano a Consellería do Medio Rural enviou a Bruxelas as alegacións e respostas ás observacións realizadas pola Comisión Europea e neste momento a Xunta de Galicia confía en que o PDR 2014-2020 estea aprobado a finais deste mes.

Será un dos últimos PDR de España en ser aprobados, xa que, xunto ao de Galicia, só estaban en fase de negociacións coa Comisión Europea os de Ceuta e Melilla, Extremadura, Baleares e Castela A Mancha. As autoridades europeas teñen fixado 2015 como data límite para a aprobación definitiva dos PDR 2014-2020.

Co novo PDR investiranse no rural galego 1.186 millóns de fondos públicos

Neste novo período de financiamento comunitario, Galicia percibirá 889,8 millóns de euros do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco da política agraria comunitaria. Isto suporá un desembolso público de 1.186,4 millóns de euros no rural galego a través deste programa. Deles, a Xunta achegará un importe superior a 217 millóns de euros e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente outros 79 millóns de euros.

Liñas básicas de actuación do novo PDR

Segundo a Consellería do Medio Rural, o PDR 2014-2020 establece tres liñas básicas de actuación, en concordancia cos obxectivos definidos pola política agraria común. En primeiro lugar, fomentar a competitividade da agricultura galega mediante a modernización das explotacións agrícolas e forestais, incorporando agricultores mozos en explotacións orientadas ao mercado e con capacidade de diversificación económica, ordenando o territorio e mellorando a produtividade da industria agroalimentaria e forestal. En segundo termo, conservar e revalorizar o patrimonio natural de Galicia, promovendo a xestión sustentable dos recursos naturais e a loita contra o cambio climático.

E, en terceiro lugar, mellorar a calidade de vida da poboación rural fomentando a prestación de servizos básicos que axuden á fixación da poboación no medio rural, á creación de emprego e á redución do risco de pobreza.

Remuda xeracional

O PDR fai un especial fincapé na remuda xeracional no agro galego, segundo destaca a Consellería do Medio Rural. Así, destinará 66,8 millóns de euros para apoiar os mozos e mozas que queiran instalarse para desenvolver actividades agrícolas. A mellora das explotacións contará cun apoio de máis de 166 millóns de euros. Estas liñas están acompañadas do apoio ás pequenas explotacións con 14,4 millóns de euros e de axudas á creación de agrupacións de produtores que permitan mellorar a posición negociadora fronte ao mercado con outros 5,3 millóns.

Para a mellora dos accesos ás explotacións e da súa base territorial investiranse 57,4 millóns de euros, para infraestruturas relacionadas con desenvolvemento, adaptación e modernización da agricultura e a silvicultura (concentración parcelaria e camiños).

En canto ao apoio á industria agroalimentaria, para permitir a vertebración do sector primario incrementando o valor engadido das producións agrícolas e gandeiras, o PDR apoiará o sector industrial con máis de 94,7 millóns de euros. Nesta liña, as indicacións xeográficas protexidas e as denominacións de orixe contarán co apoio de 15,84 millóns de euros.

Sector forestal
O apoio ao sector forestal é outro eixo prioritario do programa. Deste xeito, para investimentos en tecnoloxías forestais haberá un total de 53,4 millóns. Para o establecemento e mantemento de superficies forestais (forestación) o orzamento é de 49,3 millóns de euros e para investimentos destinados a aumentar a resiliencia e o valor ambiental dos ecosistemas forestais (investimentos forestais de carácter ambiental) a achega elévase a 18,7 millóns de euros.

O novo PDR considera que un medio rural dinámico non depende só do sector agroforestal, polo que a Xunta aposta tamén pola dinamización da poboación rural a través do investimento, creación e desenvolvemento de actividades non agrícolas con preto de 26,3 millóns de euros. O mantemento da poboación agraria nas zonas de montaña ou con outras limitacións naturais recibirá un apoio de máis de 116 millóns de euros.

O desenvolvemento dunha agricultura e gandaría sustentables e respectuosas co ambiente e os recursos naturais é tamén unha prioridade do Goberno galego. Con esta medida apóianse actuacións encamiñadas a prácticas extensivas de gandaría de vacún de carne e leite, apicultura e razas autóctonas en perigo de extinción de pastos. A achega será de 65,3 millóns de euros, ao que hai que engadir que, por primeira vez, se poña en marcha unha liña especificamente dirixida á produción de agricultura ecolóxica cun apoio de 12,7 millóns de euros para o conxunto do período.

Finalmente, a posta en marcha do programa apostará unha vez máis pola participación grazas ao enfoque Leader, mediante o cal a poboación rural será a protagonista, definindo ela mesma as súas estratexias de desenvolvemento local. Porase ao servizo do desenvolvemento local un orzamento de 84 millóns de euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información