A Xunta pídelle ao Goberno central que propicie un acordo para subir 4 céntimos por litro de leite

A Xunta pídelle ao Goberno central que propicie un acordo para subir 4 céntimos por litro de leite

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou hoxe por videoconferencia no Consejo Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, onde instou ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) a que propicie un gran acordo entre a distribución, a industria e os gandeiros de vacún de leite a nivel nacional, que faga que se habiliten os mecanismos necesarios para incrementar o prezo actual dos contratos de venda de leite cunha prima de emerxencia que garanta a viabilidade e sustentabilidade económica do sector.

Segundo o conselleiro, esta prima debe ser -cando menos- de ata 4 céntimos por litro, cun tope de 41 céntimos, e debería manterse durante todo este ano. O obxectivo desta prima, xa aplicada polo Goberno de Italia, é paliar as dificultades que está a atravesar o sector polo incremento dos custos de produción.

Nesa liña, o titular de Medio Rural apuntou que se vén constatando unha suba de custos de produción superior ao 10% que repercute en 4 céntimos no litro de leite e en 75 céntimos no caso do quilo de carne. Deste xeito, sinalou, queda acreditada unha venda a perdas xeneralizada, nun contexto internacional de encarecemento das materias primas e de insumos como a luz, o combustible e os fertilizantes, entre outros.

Nesta conxuntura, José González reclamou a habilitación de mecanismos específicos de control que garantan o cumprimento da prohibición de venda a perdas, especialmente nas relacións nas que interveñan os produtores primarios. Así, de cara a que as comunidades autónomas vaian asumir as funcións da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), organismo que ata agora tiña carácter estatal, o conselleiro solicitou unha mellor regulación destes mecanismos de control. A maiores, apuntou á necesidade de que o Estado contribúa de xeito financeiro ao desempeño destas novas competencias, facéndose cargo do custo que suporían ata unha vintena de inspectores na nosa comunidade a través do Proyecto estratégico para la recuperación y transformación económica (PERTE) do sector agroalimentario.

Na súa intervención, o conselleiro insistiu -ademais- en que na normativa estatal se recoñeza como medio de proba do custo efectivo de produción o que se determine a través de aplicacións ou plataformas informáticas especificamente deseñadas ao efecto por parte de organismos públicos con competencias en materia agraria, como a xa implementada en Galicia Conta Láctea. A implantación desta ferramenta está permitindo xa -apuntou- ter datos homoxéneos que sirvan de referencia para a negociación dos contratos dos gandeiros coa industria.

As prioridades do Ministerio de Agricultura para o próximo Consello de Ministros da UE

Pola súa parte, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, destaocou que os principais asuntos que se van a tratar no Consello de Ministros da Unión Europea do 21 de febreiro son a deforestación, cuestións comerciais e a seca, ningún deles relacionado coa reclamación de Galicia, onde se concentra o 40% da produción de leite de España e o 55% das granxas.

Luís Planas referiuse á preocupante situación pola que atravesan as explotacións do sur de Europa, como consecuencia da seca e á que se suma o incremento dos custos de produción. Por iso, España pedirá, xunto con Portugal, que o Consello de Ministros da Unión Europea, active medidas para paliar estas dificultades que padece especialmente o sector gandeiro.

España solicitará ao Consello que avalíe a posible aplicación de medidas como a ampliación do anticipo dos pagos directos e de desenvolvemento rural, a posta en marcha da cláusula de forza maior en relación con determinadas disposicións da Política Agraria Común (PAC) ou a implementación de medidas para compensar aos agricultores pola situación de seca. Entre estas últimas inclúense habilitar un instrumento de apoio temporal que permita dispor de fondos destinados ao desenvolvemento rural para aplicar unha axuda inmediata do mesmo xeito que se aplicou para facer fronte ao impacto da pandemia da COVID-19 ou facer uso dos mecanismos recolleitos na Organización Común dos Mercados Agrarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información