A Xunta pide o apoio dos concellos para promover o leite Galega 100%

A conselleira do Medio Rural e do Mar presentoulle aos municipios este selo para que, aqueles que o desexen, se unan á súa promoción. A Xunta deseñou unha ampliación da campaña adaptada ás entidades locais que desexen voluntariamente sumarse e apoiar ao sector

A Xunta pide o apoio dos concellos para promover o leite Galega 100%

Rosa Quintana durante a presentación da campaña

A Consellería do Medio Rural e do Mar invita aos concellos galegos a que se sumen á promoción do consumo de leite de calidade Galega 100%. A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, presentou esta mañá en rolda de prensa o material específico deseñado para os concellos galegos para que aqueles que o desexen se unan á promoción do consumo de leite galego de calidade co selo Galega 100%.

Rosa Quintana explicou que, desde que o seu departamento puxo en marcha a campaña no mes de agosto, “a presidenta da Deputación de Lugo, numerosos concellos e outras entidades locais amosaron o seu interese en sumarse á súa difusión”. Trasladou que diante disto, e co obxecto de sumar esforzos na promoción do sector lácteo e de evitar unha multiplicidade de mensaxes e marcas diferentes, a Xunta deseñou unha ampliación da campaña adaptada ás entidades locais que desexen voluntariamente sumarse e apoiar ao sector. Así, a Xunta pon a disposición das entidades locais, totalmente de balde, o deseño do material promocional para que desde as institucións o reproduzan da maneira que consideren axeitada , asumindo éstas os gastos de publicidade.

A titular de Medio Rural e Mar lembrou que as entidades locais teñen moita capacidade para promocionar esta marca entre a súa veciñanza. “Hai moitos concellos con intereses leiteiros en Galicia, quen mellor ca eles para promocionar o sector da man da Xunta de Galicia”, dixo Rosa Quintana.

A responsable de Medio Rural e Mar apelou ao consumo de produtos Galega 100% “porque contribúe e redunda en beneficios económicos para o sector lácteo e por conseguinte nunha mellora no nivel de vida dos nosos gandeiros”.

Que garante Galega 100%?

Propostas da campaña para os concellos

Propostas da campaña para os concellos

Este selo de calidade identifica o leite e os produtos lácteos feitos con materia prima galega, elaborados e envasados en Galicia. A materia prima que se emprega nos produtos amparados con esta marca procede exclusivamente de explotacións leiteiras que acadan de modo continuado parámetros de calidade superiores aos esixidos pola normativa comunitaria. Esta distinción ten como principal obxectivo facer posible a identificación, por parte dos consumidores, dos produtos lácteos galegos de calidade diferenciada con tan só ver un selo.

Esta marca e a súa xestión é propiedade do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), organismo no que están representadas as industrias lácteas e os produtores de leite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información