Convocadas as axudas para plantar piñeiros e frondosas trala corta de madeira

A Xunta destina máis de 8 millóns de euros a financiar reforestacións no periodo 2026 - 2027

Publicidade
Publicidade

Administración convocante: Consellería de Medio Rural

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260129/AnuncioG0426-080126-0003_es.html

Prazo: Ata 12/03/2026

Resumo:

castinheiros plantacionA Consellería do Medio Rural convocou unha nova liña de axudas destinada a financiar investimentos en reforestacións produtivas de frondosas e coníferas naquelas zonas onde se realizase un aproveitamento madeireiro previo nos últimos 3 anos.

Estas achegas contan cun orzamento total de 8.483.000 de euros para os anos 2026 e 2027 (4.133.000 para 2026 e 4.350.000 para 2027), distribuído pola súa vez en tres liñas de achegas. Destínanse 6,6 millóns a coníferas, 1,3 millóns a frondosas caducifolias e 400.000 euros a chopo.

Esta orde de axudas busca potenciar a produción de madeira de calidade con valor engadido, especialmente no caso das frondosas autóctonas, e contribuír á prevención dos incendios forestais e á mellora da resiliencia dos ecosistemas forestais.

Por outra banda, e dende unha perspectiva ampla que pon o foco nas positivas repercusións que terán estas axudas para o monte galego, xérase tamén actividade económica no medio rural.

Poden beneficiarse destas achegas as comunidades de montes veciñais en man común (40% dos fondos) as agrupacións forestais de xestión conxunta (40% dos fondos) e aquelas persoas silvicultoras activas (20% dos fondos) que estean inscritas no Rexistro de Silvicultor Activo. No caso de non estar inscritas no Rexistro, poden facelo de xeito paralelo á presentación da axuda.

O prazo de presentación abriuse este xoves e remata o próximo 12 de marzo.

Os terreos en que se poderán implantar estas reforestacións son aqueles -situados en Galicia- que fosen obxecto dun aproveitamento madeireiro ou terreos conveniados coa Administración forestal en que se executase o dito aproveitamento. A superficie mínima de plantación será dunha hectárea dividida en 3 coutos redondos.

Importes por hectárea en función da actuación

As accións subvencionables estrutúranse en tres liñas diferenciadas ás que se lles aplican módulos normalizados de concesión e xustificación ao abeiro da opción de custos simplificados. Estes módulos establecen importes fixos por hectárea en función da tipoloxía de actuación, da densidade da plantación e das especies empregadas, co fin de garantir a homoxeneidade, a transparencia e a simplificación administrativa na xestión destas axudas.

Liña 1. Coníferas
Deste xeito, a primeira liña de axudas céntrase na reforestación produtiva de coníferas para as actuacións posteriores a aproveitamentos madeireiros de coníferas, eucalipto ou especies invasoras, cun orzamento total de 6,6 millóns de euros divididos a partes iguais para os anos 2026 e 2027.

As achegas económicas por hectárea para esta liña son de 3.691,67 euros para aquelas plantacións cunha densidade igual ou superior a 1.300 pés/ha; 3.383,69 euros para as que teñen unha densidade igual ou superior aos 1.000 pés/ha pero inferior aos 1.300 pés/ha, e de 3.095,71 euros para plantacións cuxa densidade sexa igual ou superior aos 850 pés/ha e inferior aos 1.000/ha.

Tamén se inclúe un módulo específico para a xestión do rexenerado natural tras a corta de masas de coníferas, que é de 2.079,89 euros por hectárea naquelas plantacións cunha densidade final entre 1.000 e 1.400 pés/ha.

Liña 2. Frondosas caducifolias (excepto chopo)
A segunda liña destas achegas vai dirixida á reforestación produtiva de frondosas, que ten como obxecto fomentar a implantación de masas de frondosas de alto valor produtivo e ecolóxico, cun orzamento total de 1,48 millóns de euros, dos cales 733.000 euros corresponden ao ano 2026 e 750.000 euros ao ano 2027.

Así, inclúe módulos cun importe de 4.230,41 euros/ha para plantacións de frondosas cunha densidade igual ou superior a 1.000 pés/ha, 2.569,50 €/ha para as zonas cuxa densidade oscile entre os 50 e os 150 pés/ha e 3.888,12 euros por hectárea para as plantacións mixtas de frondosas e coníferas cunha densidade igual ou superior a 1.000 pés/ha, mantendo unha proporción do 60 % de frondosas e do 40 % de coníferas.

Liña 3. Chopo
Por último, inclúese unha liña específica para a reforestación produtiva de chopo, cun módulo específico de 4.229,60 euros/ha para as plantacións de chopo cunha densidade de entre 250 e 300 pés/ha que empreguen a variedade Populus x interamericana. Esta liña conta cun crédito total de 400.000 euros, distribuído en 100.000 euros no ano 2026 e 300.000 euros para o ano 2027.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información