A Xunta modifica o pago verde para que as ganderías podan aumentar a superficie de millo

A conselleira Ángeles Vázquez presentou en rolda de prensa a nova campaña da PAC, cuxa orde se publica hoxe no DOG. Toda a tramitación se realizará de forma electrónica e non se terá que declarar o NIF das fincas arrendadas

A Xunta modifica o pago verde para que as ganderías podan aumentar a superficie de millo

A conselleira Ángeles Vázquez na rolda de prensa

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde da Consellería do Medio Rural pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control, no marco da Política Agraria Común (PAC).

A titular deste departamento da Xunta, Ángeles Vázquez, acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, presentou esta mañá, en rolda de prensa, os detalles desta convocatoria.

A campaña de axudas da PAC en Galicia 2016-2017 suporá un investimento de fondos europeos no rural galego próximo aos 190 millóns de euros, que chegarán a máis de 33.000 beneficiarios. Estas achegas proceden dos pagamentos directos da PAC (Fondo Europeo de Garantía, FEAGA) e das medidas agroambientais de desenvolvemento rural (axudas a zonas con limitación naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas). O prazo de solicitude comeza hoxe e esténdese ata o 30 de abril.

Todas as solicitudes deberanse tramitar de forma electrónica

Como novidades da PAC 2016 a conselleira do Medio Rural salientou que “o 100% das solicitudes tramitaranse de forma electrónica”. Neste sentido, informou de que nas próximas semanas “ábrese un período formativo para todas as entidades colaboradoras, tanto entidades financeiras como de aconsellamento, así como cambios nas comarcas para explicar os cambios”. Ademais, a consellería do Medio Rural enviaralles a todos os beneficiarios da PAC unha carta explicando estes cambios así como unha presolicitude.

Permítese o aumento da superficie de millo nas explotacións lácteas

Pero sen dúbida, a novidade máis salientable para as explotacións lácteas galegas é que se modifica o pago verde para permitir un aumento da superficie de millo, tal e como demandaba o sector.

Así, Ángeles Vázquez asegurou que “en relación coas superficies de interese ecolóxico (SIE) para o chamado “pago verde” (greening), é dicir, barbeitos ou cultivos fixadores de nitróxeno, que non haberá que telas obrigatoriamente no verán e poderanse sementar no outono declarándoas como cultivo secundario”. Con isto evítase que moitas explotacións teñan que deixar de cultivar superficie de millo para deixala a barbeito, tal e como sucedeu na pasada campaña.

 “Inclúese tamén o trevo como superficie de interese ecolóxico”

A implantación en Galicia no 2015 do chamado pago verde ou ‘greening’ obrigou ás explotacións lácteas con máis de 10 hectáreas a limitar a superficie cultivada a millo a un 75% do total. Na PAC deste ano, a Xunta de Galicia, como xa fixo Asturias o pasado ano, realizará a inspección dos cultivos antes do mes de maio, o que lle permitirá ás explotacións facer un manexo da superficie con herba no inverno e con millo cara o verán. Un cambio que ampara a lexislación europea, xa que a norma do pago verde establece que aquelas granxas que teñan alomenos o 75% da superficie a herba nun dos ciclos agrícolas (inverno ou verán) non terán que cumprir os requisitos de diversificación de cultivos.

Ademais, a solicitude da Xunta de Galicia ante o Ministerio de Agricultura, e atendendo ás peticións do sector, o trevo incluíuse no Real Decreto como superficies de interese ecolóxico SIE.

Xa non haberá que aportar o NIF dos propietarios das fincas arrendadas

Outra das novidades da PAC de 2016 en Galicia é que os solicitantes xa non terán que declarar o NIF do propietario das parcelas que teñen alugadas, un trámite que ata o de agora dificultaba o cobro da PAC por parte dos gandeiros. Isto será posible porque Galicia ten implementado un sistema que permite aos propietarios indicar que parcelas non poden ser solicitadas ao non estar arrendadas, evitando así a súa utilización fraudulenta.

Nas novas axudas para zonas con limitacións naturais non haberá carga gandeira máxima que as condicione

No que se refire ás achegas do PDR de Galicia 2014-2020 que se inclúen nesta orde, a titular de Medio Rural salientou, en primeiro lugar, que se convocan de novo as axudas de Agroambiente e clima e de Agricultura ecolóxica “atendendo ao elevado interese que amosou o sector o ano pasado por estas axudas”.

Ademais, Ángeles Vázquez avanzou que se convocan por primeira vez as novas axudas para zonas con limitacións naturais (montaña e distintas de montaña) que veñen substituír as anteriores indemnizacións compensatorias. En relación con estas achegas, a conselleira destacou que “non hai carga gandeira máxima que as condicione, o cal permitirá acceder a elas a moitas explotacións que antes non podían, por ter unha carga gandeira superior a 2 UGM/ha, especialmente do sector lácteo”

Igualmente, salientou que o importe máximo da axuda por hectárea pasa dos 150 aos 200 euros.

A maiores, a titular de Medio Rural salientou que estas axudas terán un destacado importe por hectárea e que contarán cun orzamento de 20 millóns de euros, fronte os 11,1 millóns da convocatoria do ano pasado, é dicir, un incremento do 80%. Na pasada campaña foron aprobadas 2.700 solicitudes.

Campaña 2015-2016: quedan pendentes de ingresar 73 millóns

Por outra banda, a conselleira sinalou que a campaña 2015-2016 da PAC aínda está en marcha, dado que estas tempadas -no relativo ao primeiro piar, de pagamentos directos- comezan o seu prazo ordinario de pagos o día 1 de decembro de cada ano e rematan o 30 de xuño do ano seguinte.

 “Agardamos poder facer os ingresos nos meses de marzo-abril”

E neste sentido, indicou que xa se se realizaron adiantos por valor de 98 millóns de euros e quedan pendentes de ingresar 73 millóns de euros de axudas da PAC “debido a que para moitas destas axudas non estaba contemplado o anticipo e non se puido levar a cabo”. A este respecto, anunciou que “imos adiantar os controis sobre o terreo e agardamos poder facer os ingresos nos meses de marzo-abril”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información