A Consellería do Medio Rural reduce o efecto que terá en Galicia a súa decisión de suprimir este ano as axudas da PAC para as superficies de pastos arbustivos e baixo arborado de menos de 0,3 hectáreas.
Así, en primeiro lugar, e en resposta a Campo Galego, a Consellería recoñece que “é certo que na nosa Comunidade estes recintos con superficie inferior a 0,3 ha quedan fóra das axudas da PAC”.
Unha decisión motivada, segundo a Xunta, porque estas superficies “orixinaron nos últimos anos problemas importantes coa Comisión Europea en España e noutros Estados membros, polo que a UE obrigou a que se tomen medidas correctoras -a través do CAP 2015- para evitar pagos indebidos sobre estas superficies”.
Sen embargo, lembran que “a superficie total de uso pasto arbustivo e pasto arborizado declarada en Galicia en 2015 supón menos do 10% do total de superficie declarado”.
Ademais, dende o departamento que dirixe Ángeles Vázquez aseguran que “non é certo que se reducira moito a axuda por este motivo”. Así, aclaran que “esta decisión non supón ningunha redución nin penalización nos importes dos dereitos de pago básico que se asignan este ano”, pois:
– A estes recintos asígnaselles unha superficie admisible para as axudas igual a cero, polo que non computarán a efectos das mesmas.
– A redución da superficie declarada considérase unha corrección da Administración non imputable ao beneficiario, polo que non provoca penalizacións sobre o resto da superficie.
– O mesmo importe total de dereitos de pago básico por beneficiario asignarase sobre o resto da superficie da explotación, polo que recibirán o mesmo valor total de dereitos pero cun importe algo superior por dereito.
Sen embargo, Medio Rural elude entrar a valorar como afectará ao cobro de outras axudas directamente vencelladas ao mantemento da carga gandeira e polo tanto da superficie declarada.
Por último, a Consellería de Medio Rural informa de que se revisaron miles de recintos destes pastos arbustivos e baixo arborado de máis de 3.000 m2 para comprobar que hai unha predominancia de pasto herbáceo e que se mantén unha actividade agraria anual, tal e como esixe a Comisión Europea para cobrar as axudas da PAC.
O resultado en Galicia, despois de revisar 6.000 recintos, dos cales 600 tamén se inspeccionaron en campo, foi que “a correspondente análise estatística dos resultados obtidos levou a facer cero a superficie declarada neste tipo de recintos en gran parte da nosa Comunidade e noutra parte a reducir lixeiramente o CAP 2015 (nesta última parte de Galicia está o 45% da superficie destes usos declarada na nosa Comunidade)”, aseguran dende a Consellería do Medio Rural.
Lamentablemente na resposta da Consellería ocultan claramente un par de detalles:
– A redución da superficie forraxeira que van sufrir os gandeiros implicará en tódolos casos un aumento da carga gandeira, podendo esta superar os límites de 2 UGM/ha e, nese caso, perderán automaticamente dúas axudas moi importantes como as Agroambientais e a Indemnización Compensatoria. Un efecto QUE NON MERECE A PENA COMENTAR…
– En tódolos casos a medida reducirán as axudas agroambientais ata 2020, xa que os gandeiros, o ano que ven, non poderán incrementar a superficie asignada a esta axuda.
– Non dan ningunha explicación de porqué se fai isto despois do período de solicitude e modificacións da PAC 2015. Pero empregan a “apisonadora legal” e de facto o van aplicar sen publicidade ningunha. E non piden nin unha desculpa ós gandeiros…