A Xunta incrementa nun 44% a súa achega ao Ligal para o control leiteiro oficial no período 2025-2028

O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun novo convenio entre ambas as dúas partes, que supón a renovación da cooperación mantida entre 2021 e 2024 por importe de 2 M€. Medio Rural continuará financiando parcialmente as analíticas a razón de 0,38 € por mostra e o Ligal asumirá a realización das analíticas, a recollida das mostras, o seu transporte e a elaboración de informes sobre a calidade físico-química do leite, entre outras funcións

MOSTRA ANÁLISE ANTIBIÓTICO LEITE LIGAL ANÁLISE COMPOSICIÓN LEITEA Consellería do Medio Rural incrementará nun 44 %, ata chegar aos 2.880.000 euros, o orzamento destinado a financiar o convenio de colaboración co Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal) para o control leiteiro oficial do gando vacún de Galicia no período 2025-2028. O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura deste acordo, que supón a renovación da cooperación entre ambas as partes e que ten como antecedente máis inmediato o convenio subscrito para o período 2021- 2024, dotado con 2 millóns de euros.

O obxectivo deste novo convenio é seguir colaborando na realización das análises de mostras de leite procedentes do control leiteiro oficial do gando vacún de Galicia nas explotacións leiteiras e facilitando o cumprimento das obrigas normativas, ademais de obter os datos que permitan avaliar xeneticamente os reprodutores que participan no programa galego de selección e mellora da raza frisoa.

Así, a Xunta seguirá financiando parcialmente as analíticas das mostras de leite a razón de 0,38 euros por mostra analizada. Ademais, facilitará ao Ligal os ficheiros informáticos cos datos das explotacións en control, entre outras accións. Pola súa parte, o Ligal asumirá, ademais da realización das analíticas, a recollida das mostras do leite, o seu transporte e a elaboración de informes sobre a calidade físico-química do leite, entre outras actividades.

O Ligal é o laboratorio oficial para realizar estas tarefas e, polo tanto, para colaborar coas entidades de control leiteiro autorizadas (neste caso, as tres africores da Coruña, Lugo e Pontevedra) e coa Consellería do Medio Rural na execución dese control en Galicia. Cómpre destacar que este laboratorio non actúa no mercado con ánimo de lucro, tal e como se recolle nos seus estatutos. Trátase dun centro independente no que están representadas de xeito paritario as industrias lácteas, a través da súa Federación Nacional, e os produtores, por medio das organizacións profesionais agrarias e das asociacións de cooperativas.

Axudas para as Africores

Por outra banda, o Consello autorizou tamén hoxe á Consellería do Medio Rural a eximir os beneficiarios (africores) da obriga de constituír garantías nos anticipos que poidan recibir con cargo ás axudas para o control de rendemento leiteiro como entidades oficialmente recoñecidas para a realización destes labores. Unhas axudas que para o 2025 estarán dotadas cun total de 1 millón de euros, o que supón un incremento do 33 % respecto da convocatoria deste ano, e beneficiarán as africores da Coruña, Lugo e Pontevedra, asociacións oficialmente recoñecidas na comunidade.

Desta forma facilítase a tarefa ás entidades oficialmente recoñecidas para a realización dese control, ao non verse na obriga de constituír garantías (avais bancarios) á hora de xestionar as achegas.

Esta liña de axudas para o control de rendemento leiteiro pretende compensar en parte, mediante achegas proporcionais, os gastos xerados ás entidades oficialmente recoñecidas para a realización do control leiteiro en Galicia, en atención aos importantes beneficios que o sector no seu conxunto recibe pola implantación xeneralizada deste sistema.

As actividades subvencionables que van realizar as entidades beneficiarias serán todas aquelas actuacións destinadas a comprobar sistematicamente as producións e outras aptitudes funcionais das femias reprodutoras leiteiras, para a determinación do valor xenético e os méritos ou outras capacidades dos animais, no marco dun programa de cría aprobado oficialmente para a raza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información