A Consellería de Medio Rural comprometeuse a estudar medidas de apoio económico ás explotacións de coello ante a prolongada crise de prezos que arrastra o sector. Con carácter máis inmediato o departamento que dirixe Ángeles Vázquez iniciará unha campaña de promoción do consumo de carne de coello e comprométese a incluíla nos menús escolares e de residencias da terceira idade.
Estes foron os principais acordos da reunión mantida este xoves na sede da Conselllería entre representantes dos produtores e a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo. A reunión, á que tamén se incorporou a conselleira Ángeles Vázquez, foi a petición da Consellería do Medio Rural e os produtores coinciden en valorarala como “positiva e construtiva”.
Axudas económicas ao sector en función da disponibilidade orzamentaria
En concreto, os produtores demandaron da Administración galega axudas para o refinanciamento da débeda a longo prazo; que no novo PDR se inclúan plans de mellora para a modernización e a renovación das instalacións gandeiras, xa que unha parte delas están obsoletas; establecer axudas de mínimis de 30 euros por coella; subvencións para o seguro de retirada de cadáveres, que en Galicia é de 0,28 euros por coello, cando noutras comunidades ten custo cero paro gandeiro, ou medidas para facilitar o acceso da xente nova ás axudas de incorporación.
Segundo Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, e presente na reunión, “hai receptividade na Consellería, pero pedíronnos un prazo para ver a disponibilidade orzamentaria”. “Farán os cálculos económicos e en 15 ou 20 días esperamos volver ter unha reunión para ver os compromisos que asumen”, asegura.
Un compromiso concreto da Consellería do Medio Rural que si saíu da reunión foi o de iniciar unha campaña de promoción do consumo de carne de coello que, segundo os produtores, debería iniciarse no mes de xaneiro, xusto despois da baixada de consumo desta carne que se sole rexistrar nas festas de Nadal.
Ademais, Medio Rural comprometeuse a introducir a carne de coello nos menús escolares e nas residencias da terceira idade.
Alegacións á nova norma de matadoiros de proximidade
Ademais, Xosé Luis Santaclara, produtor e representante de COAG e do Sindicato Labrego Galego en Intercún, trasladou a necesidade de que a Consellería de Medio Rural faga alegacións ao proxecto de matadoiros de proximidade para o sector cunícola que está a ultimar o Ministerio de Agricultura.
O borrador do Ministerio establece que os produtores poderán matar na granxa un máximo de 100 coellos semanais e vendelos nun radio que non debe exceder os 80 quilómetros. “Na distancia estamos de acordo, pero parécenos moi pouca a cantidade e que mesmo sería contraproducente para vender o resto ao matadoiro, polo que pedimos que se poda sacrificar na explotación entre un 50 e un 60% dos coellos disponibles, e mesmo un 100%, o que para unha granxa de 600 coellas viría sendo uns 800 coellos á semana”, explica Santaclara.
Unha reivindicación que, segundo o representante do SLG, “a Consellería viu como lóxica e se comprometeu a estudar co MAGRAMA”.
Concentración ante a Xunta o vindeiro martes
En todo caso, os produtores de coello manteñen a concentración diante da sede da Xunta de Galicia prevista para o vindeiro martes, día 24.
Os produtores protestarán deste xeito polas perdas que lles provocan uns prezos que non cobren os custos de produción e polo que consideran uso da carne de coello como produto reclamo por parte da distribución.
Galicia é a segunda produtora de coello de España, cun total de 276 explotacións cunícolas, con 756.350 cabezas e un valor estimado da súa produción en 28,5 millóns de euros.