A Xunta di que “é un magnífico acordo” e espera que os gandeiros o acepten

Comeza a reunión entre Alberto Núñez Feijóo e Rosa Quintana con representantes da industria e dos gandeiros. A Conselleira do Medio Rural di que “é un acordo magnífico” polo que espera que os representantes dos gandeiros galegos o acepten. As organizacións agrarias din que segue sen garantir un prezo sostible para os productores nin tampouco a súa aplicación inmediata.

A Xunta di que “é un magnífico acordo” e espera que os gandeiros o acepten

Reunión de hoxe

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e a Conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, reúnense nestes momentos na sede da Xunta de Galicia en San Caetano cunha ampla representación dos gandeiros galegos, integrada por membros da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego, asi como tres representantes da asemblea de gandeiros de Lugo, encabezada por Roberto López, e un representante dos gandeiros do Deza.

Por primeira vez, tamén acude unha representación da industria, encabezada por José Luis Antuña, director xeral de FEIRACO. O obxectivo da reunión é valorar o preacordo presentado onte en Madrid polo Ministerio de Agricultura para solucionar a crise de prezos do leite en orixe e antes da reunión prevista para o próximo martes na que o Goberno pretende que se aprobe definitivamente.

A Xunta di que “é un magnífico acordo”

En declaracións aos medios antes de entrar na reunión, a Conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana valorouno como “un magnífico acordo” xa que “non só as asociacións, senón que todos -os representantes de industria e da distribución- están dispostos a poñer a súa sinatura para avalar este compromiso para transparentar a cadea de valor do leite”

Ademáis, a conselleira asegurou que “a ministra está traballando para trasladar este acordo a un Real Decreto que se publicará o máis rápido posible”.

Rosa Quintana tamén valorou que “tal e como me comentaba José Luis Antuña onte, na INLAC é a primeira vez na que se adoptou un documento de consenso entre industria e distribución”. Neste sentido, salientou que “esta mañá estiven falando con toda a distribución e están todos dispostos a transparentar a cadea de valor do leite e poñer o seu gran de area”. Engadiu que “ao sector produtor o único que se lle pide é organización” a través de organizacións de produtores.

A conselleira lembra que “nas outras Comunidades o sector está tranquilo”

Ademais, a conselleira do Medio Rural advirte que “o resto de Comunidades Autónomas están tranquilas e o sector está disposto a aceptar este acordo”. En consecuencia, Quintana avanzou que “espero que hoxe en Galicia analicen o documento e sexan capaces -os gandeiros- de volver aos seus traballos e empezar a conseguir valor en torno a este produto”.

As organizacións agrarias din que o preacordo non ofrece garantías para os gandeiros

Pola contra, dende as organizacións agrarias aseguraron en declaracións aos medios antes de entrar no encontro que o texto non ofrece garantías aos gandeiros, sobre todo por parte da industria. Así, Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, botou en falta que “a definición de prezo sostible para o gandeiro e para a industria é determinante, porque para a industria é sostible o prezo actual en Galicia a 27 céntimos e para o Ministerio e o gandeiro o prezo sostible é a 34 céntimos”.

Roberto López

Roberto López

Tamén advertiu de que “o preacordo carece de seguridade xurídica, pois o único mecanismo de sanción que estable é o escrache aos que incumpren, e non queremos telo que facer os gandeiros cos tractores, senón que ten que haber un sistema de sancións que disuada de incumprir o acordo”.

E en terceiro lugar, criticou que “non podemos retrasar a súa aplicación sine die, baseado na confianza en alguén que a día de hoxe segue propoñendo baixadas de prezos”.

“Queremos asinar o documento pero o que non podemos é crear unha ficción de acordo cheo de xeneralidades e basear o seu cumprimento na boa vontade de alguén -a industria- que incumpre os contratos” concluíu Roberto García.

Isabel Vilalba: “A industria non se comprometeu a subir os prezos do leite”

Pola súa parte, Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, advertiu de que no preacordo “non hai un compromiso inmediato da industria para paralizar os contratos á baixa e eliminar os contratos lixo”. “E niso non se comprometeron en nada, e nós queremos unha solución verdadeira”, subliñou.

Por último, a responsable do SLG amosou a súa sorpresa “de que onte na asemblea de Lugo se lle falase aos gandeiros de suba de prezos cando a industria nin sequera quere paralizar as baixadas que está aplicando nos novos contratos que se están asinando estes días”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información