A Xunta crea un servizo para facer cumprir a lei da cadea alimentaria e frear a venda a perdas

A Consellería do Medio Rural modifica a súa estrutura orgánica e crea o Servizo da Cadea Agroalimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais. Analizará a cadea agroalimentaria galega, desde os axentes que interveñen ata o custes de produción

A Xunta crea un servizo para facer cumprir a lei da cadea alimentaria e frear a venda a perdas

Produtos de Galicia Calidade que forman parte da cadea agroalimentaria galega

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes o decereto polo que se establece a nova estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural para crear o Servizo da Cadea Agroalimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais. Deste xeito, o Goberno galego asume as competencias de supervisión do cumprimento das obrigas en materia de información e control alimentarios, consonte ao establecido pola Lei da cadea alimentaria, de acordo coa súa modificación de decembro de 2021.

Este servizo de nova creación terá diferentes competencias, entre elas, de xeito destacado, a análise e estudo da situación da cadea agroalimentaria en Galicia e dos axentes que interveñen nela, así como da formación dos prezos e dos custos de produción en cada un dos elos da cadea. Con base nisto, realizarán tamén as actuacións de inspección e control necesarias para comprobar o cumprimento da normativa de aplicación.

Ademais, en virtude deste decreto, modificarase a Relación de Postos de Traballo para crear as correspondentes xefaturas de sección e de negociado dentro deste Servizo, incluíndo os técnicos provinciais, que serán os encargados dos labores de control sobre o terreo.

Equilibrio e xestión da cadea

Este novo servizo, que se crea dentro da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, terá entre os seus cometidos a mellora do funcionamento e a vertebración da cadea agrolimentaria, acadar un maior equilibrio e transparencia nas relacións comerciais entre os diferentes operadores da cadea alimentaria e procurar o fortalecemento do sector produtor e a potenciación das actividades das organizacións interprofesionais agroalimentarias, de forma que se materialicen nuns prezos xustos que sempre cubran os custos de produción.

Ademais, centrarase en garantir a unidade de mercado para a mellora da competitividade da cadea alimentaria e traballará na elaboración dun observatorio de prezos e de custos de produción, así como no desenvolvemento da coordinación e o intercambio de información coa Agencia de Información y Control Alimentarios e outras comunidades autónomas, no marco dos plans nacionais de control.

A posta en marcha desta nova unidade compleméntase co funcionamento do Observatorio da cadea alimentaria galega, que se vén de poñer en marcha. Fíxose mediante a sinatura dun convenio de colaboración entre a Vicepresidencia 2ª e as consellerías de Emprego, e do Medio Rural. Por medio deste acordo regúlase a colaboración entre estes departamentos da Xunta para a realización conxunta de actividades asociadas a este observatorio, que serán coordinadas pola Consellería do Medio Rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información