A Xunta convoca o Comité de Coordinación Policial contra os Lumes

A Administración autonómica quere que as forzas de seguridade reforcen a súa actuación nas zonas con máis incendios. En Agolada, rexistráronse nas últimas horas 9 lumes en zonas próximas

A Xunta convoca o Comité de Coordinación Policial contra os Lumes

Os lumes tenden a producirse ano tras ano nas mesmas zonas.

Se houbese que facer unha quiniela sobre os concellos que máis lumes rexistran cada verán, o resultado non sería moi complicado de acertar. Boa parte dos incendios en Galicia repítense ano a ano nas mesmas zonas. Coa intención de que as forzas de seguridade reforcen a súa presencia nos puntos críticos, a Xunta vén de convocar para o próximo martes unha reunión do Comité de Coordinación Policial contra os Lumes.

O detonante da reunión foron os 9 incendios rexistrados nas últimas horas no Concello de Agolada (Pontevedra), en concreto nas parroquias de Órrea, Carmoega, Ferreiroa e Santa Comba. Parte dos lumes afectaron a superficies da Rede Natura 2000 (Sobreirais do Arnego).

O Concello de Agolada, ubicado na comarca do Deza, ten unha parroquia catalogada como de alta actividade incendiaria (Berredo), se ben os incendios adoitan afectar tamén a outras parroquias do municipio. No 2012, un veciño de Agolada xa fora detido e acusado de máis de 150 presuntos incendios, tanto no seu concello como en municipios próximos e doutras provincias.

En Galicia, no 2015 a Xunta ten identificadas 79 parroquias como de alta actividade incendiaria pola reiteración dos incendios nos últimos anos ou a gran virulencia dos mesmos. Na reunión do próximo martes, a Administración solicitará das forzas de seguridade un control especial das zonas máis problemáticas.

A Xunta tamén demanda a colaboración cidadá para que se denuncie ás forzas de seguridade calquera conduta sospeitosa que se detecte no monte. En caso de lume, hai que dar a alarma no número telefónico 085.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información