A Xunta convoca axudas para mellorar a bioseguridade no transporte de gando

TRANSPORTE ANIMAIS VIVOS 6O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a orde pola cal se establecen as bases reguladoras da convocatoria de 2024 para as axudas destinadas a investimentos en materia de bioseguridade para a mellora ou a construción de centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando vivo. As achegas contan cun orzamento de 423.129,09 euros financiados polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia dos Fondos Next Generation.

Poderán ser beneficiarias persoas que sexan titulares ou propietarias de centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando vivo. Tamén poderán solicitar as achegas as persoas que se comprometan a construír un novo centro de limpeza e desinfección. Serán subvencionables aquelas actuacións relacionadas coa modernización ou mellora dos equipamentos para acadar unha maior eficiencia nos sistemas de limpeza, a instalación de novas tecnoloxías para a limpeza e desinfección de vehículos para o transporte do gando e a construción de novos centros.

O seu obxectivo é modernizar estes centros e que haxa o número suficiente para evitar a transmisión de enfermidades polo uso de vehículos sen limpeza axeitada. Nesa liña, cabe apuntar que moitos destes vehículos son empregados para o transporte de diversos tipos de gandarías, pertencentes a múltiples explotacións. Coas achegas, poderíanse financiar solados, peches ou lectores de matrículas, entre outras actuacións. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes a partir de hoxe.

Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240619/AnuncioG0426-100624-0003_gl.html

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información