A Xunta confirma que non haberá cambios no Pago Verde da PAC “ao axustarse á legalidade”

Belén do Campo informa de que a Comisión Europea ven de facerlle unha auditoría a Asturias por ter modificado en 2015 período de control de diversificación de cultivos coa finalidade de non ver penalizado o cultivo de millo forraxeiro.

A Xunta confirma que non haberá cambios no Pago Verde da PAC “ao axustarse á legalidade”

A directora xeral de Gandería da Consellería do Medio Rural, Belén do Campo, confirmou esta mañá na Comisión de Agricultura do Parlamento Galego que non haberá cambios no período de control do pago verde da PAC, xa que “se axusta á legalidade”. Contrapuxo a actuación da Xunta á doutras comunidades como Asturias que si o cambiaron e que se enfrontan a unha posible devolución das axudas.

Belén do Campo respondía esta mañá no Parlamento Galego a unha pregunta do deputado do PsdeG-PSOE, Pablo García, no que este cuestionaba a decisión da Consellería de elixir, por segundo ano consecutivo, un período de control da diversificación de cultivos, entre maio e xuño, que prexudica ás explotacións lácteas galegas, ao limitar o cultivo de millo forraxeiro a un máximo do 75% da superficie de cultivo, naquelas con más de 10 hectáreas de terra cultivable. E contrapuña esta decisión a Asturias, onde o pasado ano o goberno rexional decidiu aplicar os controis en período de inverno, e este ano realizaraos do 15 de xaneiro ao 15 de maio.

Sen embargo, a resposta da directora xeral de Gandería foi clara: “A normativa europea establece que o período de diversificación débese basear preferentemente no final da primavera-verán (….) e o último Real Decreto do Ministerio di que os meses de control son de maio a xuño”.

Neste sentido, Belén do Campo informou de que, ante as peticións do sector de cambiar o período de cultivo para permitir que as explotacións lácteas non vexan reducida nun 25% a superficie de cultivo de millo forraxeiro, “fixemos consultas ao Ministerio”.

Asturias podería ter que afrontar unha corrección financeira da Comisión Europea

“E o que nos reenviou o Ministerio a pasada semana -engadiu a directora xeral- foi a información das dúas misións que fixo a Comisión Europea a Asturias e á Comunidade Valenciana e no informe hai observacións nas que se cuestiona o establecemento por parte destas comunidades de períodos de control distintos para a diversificación de cultivo” na PAC de 2015. Ademais, informou de que a Comisión Europea pediulle a Asturias o día 15 de febreiro documentación dos expedientes para verificar se cumpren a lexislación.

Belén do Campo: “Non é unha decisión arbitraria da Xunta”

De concluír que incumpriron a lexislación europea estas comunidades terían que afrontar correccións financeiras e devolver esas axudas.

Ademais, Belén do Campo lembrou que as Comunidades que o ano pasado elixiron o período de inverno para a diversificación de cultivos, como Castela e León, Navarra, Extremadura ou Cataluña, “este ano modificaron a súa postura e elixiron un período de control de maio a xuño, igual que Galicia”. “Non foi unha decisión arbitraria da Xunta, senón que actuamos con responsabilidade e cumprindo a legalidade”, concluíu.

Pola súa parte, Pablo García pediulle á directora xeral que “actúen e reclámenlle ao resto de Comunidades Autónomas que estableceron un período distinto que devolvan as axudas, porque as súas explotacións lácteas estiveron competindo en superioridade de condicións ás nosas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información