A Xunta asegura que actualizará en 2017 as axudas por ataques do lobo

A Consellería de Medio asegura que vai ampliar o orzamento da orde de axudas para poder aboar as indemnizacións de 2016. Afirma que se observa un descenso na poboación de xabaril en Galicia.

A Xunta asegura que actualizará en 2017 as axudas por ataques do lobo

Os mastíns son unha das medidas de prevención fronte aos ataques do lobo. Foto: Beealia

A directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, asegurou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta actualizará en 2017 os baremos das axudas por danos do lobo ao gando.

A representante da Consellería de Medio compareceu este venres na Comisión de Agricultura do Parlamento de Galicia para responder a unha pregunta do deputado do PsdeG-PSOE, Pablo García quen denunciou que a partida de 360.000 euros é “totalmente insuficiente” para facer fronte aos danos do lobo, á vez que criticou que polo prezo ao que se abonan as reses mortas “non vale moito a pena denunciar os danos

Neste sentido, Ana María Díaz recoñeceu que o prezo que se paga por cada cabeza de gando “posiblemente sexa baixo”, aínda que sinalou que para 2016 “non se van a modificar os baremos dos custos”. Con todo, avanzou que haberá prezos “actualizados” para o próximo ano. Así mesmo, adiantou que tamén en 2017 a Consellería de Medio Ambiente prevé revisar a rezonificación de áreas de ataque.

406 subvencións polos ataques do lobo en 2015 e ampliación do crédito en 2016

Polo demais, a directora xeral de Conservación da Natureza, informou de que a Xunta tramitou as axudas pendentes por danos do lobo producidos ao gando nos ano 2014 e 2015, que ascenden a un total de 757 beneficiarios por uns 340.000 euros. En concreto, en 2014 foron 351 beneficiarios de axudas pendentes por un importe total de 162.000 euros, mentres que en 2015 houbo un total de 406 subvencións por preto de 179.000 euros.

Neste sentido, Ana María Díaz recoñeceu ao deputado do PsdeG-PSOE que a orde de 360.000 euros para o pago de axudas de danos esgotouse cos pagos dos danos pendentes de 2014 e 2015, polo que a Xunta ten previsto ampliar os fondos para facer fronte así ás indemnizacións de 2016.

En Galicia hai 96 mandas estables de lobos

A directora xeral de Conservación da Natureza tamén informou de que existen na actualidade 96 mandas de lobo en Galicia (16 delas compartidas con Asturias, Castela e León e Portugal), unha poboación que “aínda que non diminuíu nos últimos anos, tampouco aumentou de forma exponencial”

Ana María Díaz recoñeceu que “existe un problema” cos ataques do lobo ao gando en Galicia, pero lembrou que “non hai solucións máxicas” aos danos da fauna salvaxe. Asegurou que a Xunta de Galicia traballa en medidas de prevención e lembrou que a Administración tamén debe cumprir un papel na conservación do lobo.

Descenso na poboación de xabaril

Por último, a Directora Xeral de Conservación da Natureza asegurou que “vese un descenso da poboación de xabaril” en Galicia, un animal que provoca cuantiosos danos en plantacións de millo e en prados, principalmente.

Neste sentido, informou de que no ano 2015 abatéronse en Galicia 14.000 xabaríns, case o dobre que en 2014.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información