A Xunta asegura que aboará este venres outros 22 millóns de axudas da PAC

Fontes do FOGGA apuntan que probablemente boa parte das axudas a sociedades non se aboen ata o 6 de maio. A Consellería destaca que Galicia está 8 puntos por riba da media de España nos pagamentos da PAC

A Xunta asegura que aboará este venres outros 22 millóns de axudas da PAC

A Xunta aboará este venres outros 22 millóns de euros adicionais dos pagos directos da Política Agrícola Común (PAC) correspondentes á campaña 2015-2016. Comézase a satisfacer así unha reclamación unánime dos gandeiros, especialmente das explotacións lácteas que son sociedades, que ven como nun ano especialmente difícil para o sector o pago destas axudas retrasouse dende o habitual mes de decembro ata finais de abril.

Dende a Consellería do Medio Rural salientan que, con estes pagos, “Galicia está 8 puntos porcentuais por riba da media nacional nestes pagamentos da PAC”. En total, segundo un informe presentado este xoves no Consello da Xunta “a nosa comunidade leva pagadas un 81,42% das axudas, fronte á media nacional que está no 73,79%, en comparación cos pagamentos feitos na campaña anterior”. En total, lévanse tramitados 134,8 millóns de euros dos pagamentos directos da PAC en Galicia da campaña 2015-2016, cando aínda quedan dous meses para que esta remate, o vindeiro 30 de xuño.

Fontes do FOGGA apuntan a que probablemente ata o 6 de maio non cobren as sociedades

Un dos colectivos máis afectados polo retraso no cobro da PAC este ano está sendo o das sociedades civís (SAT, SL, SC…etc), no que se inclúen a maioría das explotacións lácteas de maior tamaño, as que precisamente máis necesidade de circulante teñen tanto para mitigar a caída dos prezos do leite como para afrontar importantes gastos como a sementeira do millo.

Neste sentido, fontes do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), o organismo encargado da tramitación e pago das axudas da PAC, apuntan a que “con bastante probabilidade ata o día 6 de maio non se ingresará a PAC a boa parte das sociedades”.

Explicacións do atraso deste ano en cobrar a PAC

As mesmas fontes atribúen estes atrasos tanto aos problemas creados pola adaptación á nova PAC, non só en Galicia senón tamén noutras Comunidades Autónomas, como “sobre todo á nova aplicación informática do Ministerio para tramitar a PAC, que creou un auténtico caos de traballo, sendo Galicia unha das poucas Comunidades que neste momento a usa, xa que a maioría volveron ás súas aplicacións propias”.

No informe presentado onte pola Consellería do Medio Rural tamén se recoñece que “a presente campaña de 2015 é a máis complicada de todo o período 2014-2020, dado que é a de implantación do novo modelo da PAC, que supuxo cambios de profundidade na xestión e nos controis administrativos e sobre o terreo a realizar, ademais de ser a campaña na que máis tarde se presentaron as solicitudes de axuda (15 de xuño)”.

Ademais, dende a Consellería do Medio Rural xustifícanse en que “en Galicia non é sinxelo xestionar estas axudas dos pagamentos directos da PAC” xa que “a diferenza doutras comunidades autónomas e estados membros nos que se poden empregar métodos de teledetección, en Galicia é imprescindible efectuar os controis sobre o terreo de forma presencial”. Trátase de 130.000 controis sobre o terreo, para un total de 1 ,3 millóns de parcelas declaradas anualmente na solicitude única de axudas da PAC.

Por último, o informe recolle tamén que a Comisión Europea vén de aprobar (o pasado 22 de abril) os pagamentos directos da PAC efectuados por Galicia no período 2014-2015, o que supón a súa imputación ao orzamento comunitario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información