A Xunta asegura que a partir da semana que ven aboará o adianto da PAC

Aboaranse 65,3 millóns de euros e veranse beneficiados un total de 26.007 gandeiros e agricultores galegos. Medio Rural informa tamén de que os GDR pasarán de 31 a 21

A Xunta asegura que a partir da semana que ven aboará o adianto da PAC

Os gandeiros galegos percibirán a partir da semana que vén o adianto das axudas da Política Agraria Común (PAC), por un importe de 65,3 millóns de euros. Estas axudas correspóndense ao Pagamento Básico aos Agricultores, Pago Verde ou “Greening” e a Axuda acoplada ao sector lácteo.

Este importe beneficiará a un total de 26.007 gandeiros e agricultores, segundo informou onte a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, na Comisión 7ª do Parlamento.

Redución dos GDR

Por outra parte, o director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, informou na mesma Comisión que se realizará unha redución de Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), pasando de 31 a 21 GDR en Galicia, debido ao contexto socieconómico do novo Leader no período de programación 2014-2020, algo que segundo asegurou “non afecta aos investimentos previstos no territorio”.

Neste senso, Antonio Crespo explicou que “serán unha serie de criterios poboacionais, xunto coa calidade das estratexias presentadas polos grupos, o que definirá os fondos achegados a cada territorio, e non o número de GDR por provincia”.

Antonio Crespo sinalou que esta nova organización territorial aposta por unha concentración de esforzos e optimización dos recursos humanos, pero insistiu en que os axentes socieoconómicos do territorio seguirán sendo vitais na conformación dos grupos e na elaboración das súas estratexias.

Para rematar, o director xeral de Desenvolvemento Rural asegurou que lle foi trasladado aos grupos existentes a nova reorganización, coa intención de que puideran achegar as súas alegacións e seren estudadas para conformar o mapa definitivo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información