A Xunta aproba cambios no prego de condicións da IXP Vaca Gallega-Buey Gallego

A partir de agora, a obrigatoriedade dun período de acabado mínimo de seis meses aplicarase só aos animais procedentes de explotacións lácteas, quedando como recomendación no caso dos animais procedentes de granxas cárnicas

marcaxe vaca e boi de galicia horizontalO Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola cal se aproban as modificacións do prego de condicións da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Vaca Gallega-Buey Gallego, referida maioritariamente a cuestións técnicas relacionadas coa súa calidade e comercialización.

As canais deste distintivo proceden exclusivamente de animais adultos coidadosamente alimentados e engordados, que destacan pola súa boa conformación e por ofrecer un alto rendemento carniceiro, acorde cos estándares de excelencia asociados a esta indicación xeográfica protexida. Por iso mesmo, cunha das modificacións incluídas no prego, preténdese conseguir unha maior homoxeneidade das canais certificadas e reforzar así a calidade do produto. Neste sentido, fíxase como conformación mínima admisible das canais a O+ , de forma que quedarían como categorías certificables as seguintes: E, U, R, e O+ . Exclúese, polo tanto, a categoría O, que ata o de agora era admisible.

En relación co período mínimo de acabado, ata o de agora esixíanse seis meses antes do sacrificio para todos os animais, independentemente da orientación produtiva da explotación da que procedesen. Co cambio aprobado hoxe, a obrigatoriedade en dito período aplicarase só aos animais procedentes de explotacións lácteas, quedando como recomendación no caso dos animais procedentes de granxas cárnicas.

Outra das modificacións está vencellada coa inclusión de determinadas prácticas que tratan de favorecer a protección medioambiental e o benestar dos animais, así como as boas condicións hixiénico-sanitarias, que se asocian de maneira directa coa obtención de produtos de calidade e, por tanto, considérase necesario incluílas explicitamente no prego de condicións.
Por último, inclúese no prego de condicións a posibilidade de conxelación da carne amparada por esta IXP para a súa comercialización en mercados de terceiros países fóra da Unión Europea.

Ligazón á resolución no DOG

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información