A continuidade ata 2025 das axudas ás ganderías de Ternera Gallega foi un dos temas que se abordaron este venres na primeira Comisión de agricultura tralo parón estival. O grupo socialista buscaba coñecer se para o vindeiro ano tamén se activarían estas axudas, logo de terse anunciado dúas convocatorias cun orzamento total de 24 millóns de euros.
Dende a Consellería de Medio Rural, o director de Gandería, José Balseiros, ratificou o compromiso co sector de vacún de carne galego, pero apuntou que polo momento se aprazaría a convocatoria desta liña de axudas compensatorias pola perda de poder adquisitivo das ganderías. Este aprazamento débese, en gran medida, á suba de prezos da carne de vacún que se experimentou nos últimos meses. “Aínda que esta suba non sexa aínda suficiente, vai dificultar que Competencia nos autorice a activar unha liña de axudas compensatorias”, explicaba Balseiros na súa intervención. “Tanto dende o Ministerio como dende Competencia xa nos solicitaron numerosos informes na primeira convocatoria porque consideraban que estas liñas de axudas podían interferir no mercado e xerar unha competencia desleal, finalmente amosámoslle que se producira unha suba de custos de produción que as facían necesarias, pero custou moito traballo”, indica Balseiros.
O importe das axudas que xa percibiron na primeira convocatoria as ganderías solicitantes é outro dos condicionantes que esgrime Balseiros para xustificar que se aprace esta liña de axudas. “Moitas das ganderías recibiron axudas por 20.000 euros e por un período de 3 anos non poden recibir outra axuda destas características, tal e como sinala o marco lexislativo estatal, polo que se valorou co sector aprazar esta orde para que poidan beneficiarse o maior número de ganderías”, apunta.
Impacto da liña de axudas
Nesta primeira convocatoria o importe das axudas fixouse en 34 euros por animal de Ternera Gallega para cebadeiros e de 200 euros por animal para o resto de ganderías de Ternera Gallega Suprema. O importe medio de axudas foi de arredor de 2.500 euros por gandería.
Balseiros aproveitou tamén a súa intervención para amosar o impacto desta liña de axudas. Así, en concreto subvencionáronse 31.620 animais de Ternera Gallega e de 51.177 de Ternera Gallega Suprema, o que deixa un montante de case 12 millóns de euros.
A provincia de Lugo, con maior carga gandeira de vacún de carne, foi a máis beneficiada nesta liña de axudas. So nesta provincia presentáronse 3.345 solicitudes que supuxeron case 8 millóns de euros. “En 29 concellos, boa parte deles lucenses, as subvencións ascenderon a máis de 100.000 euros e nalgúns casos mesmo foron superiores ós 500.000 euros”, explica.