A Xunta apoia a internacionalización das cooperativas agroalimentarias

Traballo e a Escola de Organización Industrial impulsarán a internacionalización das cooperativas agroalimentarias galegas. Ao abeiro desta iniciativa, organizaranse tres xornadas máis, unha por provincia, e seleccionaranse a 30 cooperativas para asesoralas no deseño de plans estratéxicos de acceso a mercados exteriores

A Xunta apoia a internacionalización das cooperativas agroalimentarias

Beatriz Mato, conselleira de Traballo e Benestar

A Consellería de Traballo e Benestar e a Escola de Organización Industrial (EOI) están a promover un programa de impulso á internacionalización das cooperativas agroalimentarias galegas, que lles ofrecerá formación e asesoramento para que poidan acceder a mercados exteriores.

Así o adiantou hoxe a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, que participou na Coruña na xornada inaugural deste programa, xunto co director da Fundación EOI, Fernando Bayón.

Ao abeiro deste iniciativa, organizaranse catro xornadas en todas as provincias. Así, á celebrada hoxe na Coruña, sumarase mañá unha en Ourense; o mércores en Lugo; e o xoves en Silleda.

30 cooperativas serán seleccionadas

As cooperativas participantes poderán solicitar que se realice un diagnóstico sobre as súas capacidades de acceso a novos mercados exteriores. Posteriormente, seleccionaranse ás 30 que teñan maior potencial de internacionalización para asesoralas no deseño de plans estratéxicos.

Actualmente, en Galicia están funcionando 350 cooperativas agrarias, 21 de explotación comunitaria da terra e 43 do mar. En total, supoñen un terzo de todas as cooperativas da comunidade autónoma, que son a día de hoxe 1.268, un 13,5 por cento máis das que había en 2009. Deste total, forman parte 93.000 socios e xeran cerca de 21.000 postos de traballo directo, isto é, “máis do 2 por cento dos ocupados en Galicia están vinculados a esta fórmula de economía social”.

Ao respecto destas cifras, Mato fixo fincapé en que o número de cooperativas “segue aumentando ano a ano. Só en 2014 creáronse 69, a maior cifra de constitucións na última década”. Con todo, o obxectivo é que o sector continúe avanzando, de aí que a Xunta estea a impulsar distintas iniciativas para conseguilo.

Rede Eusumo e apoio ao cooperativismo entre a xente nova

Deste xeito, ademais do programa presentado hoxe, a conselleira puxo en valor outras iniciativas como a creación en 2012 da Rede Eusumo. Actualmente, conta con 72 entidades adheridas, ten organizado máis de 600 actividades formativas ata o momento, e ao seu abeiro téñense creado xa 100 cooperativas que xeran 400 empregos directos.

Ademais, estase promovendo esta fórmula entre a mocidade. Xa o ano pasado impulsouse a figura das cooperativas xuvenís (nas que a maioría dos seus membros son mozos e mozas), e neste exercicio consolidouse de novo esta aposta ao volverse a convocar axudas para o fomento e creación de cooperativas impulsadas pola mocidade, cun investimento de 200.000 euros. A esta convocatoria súmase a orde de fomento do cooperativismo para inscritos no sistema de Garantía Xuvenil, que dispón dun orzamento de 775.000 euros. Así, en total, destínase preto dun millón de euros para a promoción do cooperativismo entre os mozos e mozas galegas.

“En definitiva”, rematou Mato”, “imos seguir esforzándonos para garantir o presente e futuro do cooperativismo en Galicia e para ofrecer novas e mellores oportunidades a todos os socios e traballadores destas sociedades”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información