A Xunta anuncia unha moratoria de dous anos nos préstamos para unhas 1.100 explotacións lácteas

É unha das medidas anunciadas hoxe na reunión da conselleira e do secretario de Agricultura do Ministerio cos representantes do sector lácteo. Sobre o acordo de Francia, o representante do MAGRAMA asegura que “a priori, non parece moi factible”.

A Xunta anuncia unha moratoria de dous anos nos préstamos para unhas 1.100 explotacións lácteas

Reunión de hoxe

A Consellería do Medio Rural e do Mar publicará próximamente no Diario Oficial de Galicia dúas ordes para mellorar a situación financeira das explotacións lácteas galegas, que presentan unhas contas moi deterioradas no último ano pola forte baixada dos prezos do leite.

Este foi un dos principais compromisos que saíu da reunión celebrada esta mañá na sede da Xunta en Santiago de Compostela entre a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, e o secretario de Agricultura do Ministerio, Carlos Cabanas, -que por primeira vez se desprazaba a Galicia para abordar a crise de prezos que padecen as explotacións lácteas- con representantes do sector: organizacións agrarias e representantes da industria láctea, entre os que se atopaba Jesús Lence, de Leche Río.

Unha moratoria de dous aos préstamos dunhas 1.100 explotacións lácteas 

Unha das medidas de carácter inmediato que veñen demandando os gandeiros foi anunciada pola conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, quen informou da próxima publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) de dúas ordes para mellorar a situación financeira das explotacións. Unha delas centrarase en procurar unha moratoria de dous anos dos préstamos que teñen concedidos os gandeiros, a interese cero por cento. Os beneficiarios potenciais son 1.100 gandeiros e o capital aprazado sitúase nos 51 millóns de euros.Tratarase de explotacións con préstamos vinculados a plans de mellora ou a incorporación dunha persoa moza. 

A outra Orde publicarase de acordo coa Consellería de Economía e Industria para conseguir dotar de liquidez ás explotacións mediante refinanciamento de pasivos e préstamos para circulante. Isto permitirá o acceso de ata 10 millóns de euros de capital circulante ás explotacións galegas.

Para o Ministerio o acordo de Francia “a priori, non é moi factible” e ata setembro non haberá resposta.

Por outra parte, o secretario de Agricultura do Ministerio, Carlos Cabanas, referiuse á posibilidade de fixar prezos mínimos para o leite, aplicando medidas semellantes ás adoptadas en Francia, Carlos Cabanas lembrou que o Ministerio remitiu á Comisión Nacional da Competencia en España e á Comisión Europea unha consulta formal para que aclaren se é posible ou non pactar prezos, e engadiu que “agardamos ter unha resposta o antes posible, cara o mes de setembro”.

En todo caso, advertiu que “esa posibilidade non parece a priori moi factible” e que polo tanto “o que temos que facer e estamos facendo é crear as condicións entre o sector produtor, industrial e a distribución para que o prezo do leite mellore”.

Medidas posta en marcha polo Ministerio e pola Xunta

Polo demais, Cabanas informou das medidas postas en marcha polo Goberno de España para apoiar este sector, tales como as encamiñadas a facilitar o refinanciamento dos créditos das explotacións, as dirixidas a reforzar as organizacións de produtores ou as encamiñadas ao fomento e promoción do consumo de leite. Nesta liña lembrou que o Ministerio destinou a estes fins un total de 11 millóns de euros.

Representantes da industria

Representantes da industria

Tamén explicou que na última reforma da PAC tanto o Magrama como a Xunta acordaron incorporar máis de 33 millóns adicionais en axudas que –segundo calculou– suporán un incremento medio dos ingresos nas explotacións, a nivel nacional, de entre 1.300 e 1.400 euros. En relación co consumo de leite, advertiu que desde o Goberno Central estase poñendo en marcha unha campaña de promoción deste produto que chegará a máis de 1 millón de escolares.

En todo caso, engadiu o responsable do Magrama que “cada axente da cadea de valor do leite ten que asumir os seus compromisos, para colaborar na saída desta difícil situación”. Así, dixo que “a distribución ten que se comprometer a non “banalizar” o produto; a industria debe recoller o leite a un prezo sustentable (para o que se lle axudará cun Plan Estratéxico) e os produtores han de agruparse para negociar mellor as súas condicións”.

Plans de apoio da Xunta ao sector

Sobre a promoción do consumo de leite en Galicia, a titular de Medio Rural e Mar anunciou que a mediados de agosto porase en marcha a campaña de posta en valor do selo de calidade Galega 100% e en setembro outra iniciativa promocional de tetrabriks pequenos para fomentar o consumo de leite entre os nenos, tamén con este mesmo emblema.

Ademais, a conselleira deu conta da próxima sinatura dun convenio coa Consellería de Economía e Industria e co Instituto Galego de Consumo para que todas as asociacións de consumidores das catro provincias galegas participen nunhas xornadas técnicas sobre a posta en valor do leite.

Outra iniciativa que en breve verá a luz será a impulsada pola Consellería de Sanidade centrada no fomento da vida saudable, na que se divulgará a imaxe dun neno consumindo leite e incidirase nos valores positivos do leite para o consumo de toda a poboación.

Por último, sinalou que Medio Rural e Mar vai colaborar cos departamentos de Traballo, Sanidade e Educación da Xunta no fomento do consumo do leite de calidade diferenciada en todos os contratos públicos que se poñan en marcha.

Una idea sobre “A Xunta anuncia unha moratoria de dous anos nos préstamos para unhas 1.100 explotacións lácteas

  1. teresa reija santiso

    Resulta dificil entender que nun pais membro da UE como è Francia se poida pactar un prezo minimo pra o leite francès e aqui en España non. Mais ben se ve pouca disposiciòn dos gobernantes a apoiar o sector làcteo.
    Galicia è unha potencia na produccion làctea e como tal deben respetarnos. Si estamos na UE pra unhas cousastamèn estamos pra outas.Exiximos un acordo semellante ao oactado en Francia.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información