A Xunta actualiza o currículo da familia profesional agraria

O Consello da Xunta tamén iniciou os trámites para crear a Axencia Pública de Desenvolvemento Rural, que fusionará a actual Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

Publicidade
A Xunta actualiza o currículo da familia profesional agraria

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde aos novos currículos de, entre outros, o ciclo formativo de grao superior en Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal, co cal a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria completa a actualización das titulacións das familias profesionais de Agraria.

Deste xeito, quen obteña o título de técnico superior en Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal poderá exercer a súa actividade tanto na área de produción gandeira como en empresas relacionadas coa cría, o adestramento, a monta e a exhibición de gando equino e en institucións ou organismos públicos ou privados que realicen actividades de xestión e control sanitario de animais.

As ocupacións e os postos de traballo máis salientables que poderán desenvolver son os de encargado de explotación gandeira, de máquinas e equipamentos gandeiros; responsable da produción en cooperativas, en sociedades agrarias de transformación e noutras asociacións de gandeiros; da produción en explotacións ou empresas gandeiras, en empresas de servizos relacionados coa produción gandeira; de inseminación artificial en explotacións gandeiras ou en centros de recollida de seme; do manexo e dos coidados do gando e das instalacións en centros de adestramento e doma de gando equino; do manexo e dos coidados do gando, e das instalacións en escolas e clubs de equitación; do manexo, dos coidados e da administración de terapias en centros de pupilaxe, descanso e recuperación de gando equino; de empresas de servizos relacionadas co sector equino, ou responsable xestor de gandarías equinas.

Tamén poderá desenvolver os traballos de visitador de produtos de veterinaria, integrante en comisións de valoración, selección e compra de gando equino, asesor e supervisor para a planificación, a montaxe e o funcionamento de empresas e entidades asociadas a eventos, espectáculos, demostracións ecuestres e actividades recreativas, deportivas e terapéuticas (hipoterapia); axudante de veterinaria en facultades e centros de investigación animal, en equipos veterinarios especializados en animais de granxa e produción, en explotacións gandeiras, en agrupacións de defensa sanitaria, en asociacións de produtores ou en empresas do sector agroalimentario e de servizos á gandaría.

Inicio dos trámites para crear a Axencia Pública de Desenvolvemento Rural

Por outra parte, e coa finalidade de racionalizar a Administración pública e mellorar a coordinación das actuacións en materia de desenvolvemento rural, o Consello da Xunta iniciou hoxe os trámites para crear a Axencia Pública de Desenvolvemento Rural, a través da fusión da actual Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

Deste xeito, dáse cumprimento á Lei de organización e funcionamento da Administración xeral e o sector público autonómico (Lofaxga), que establece a regulación dos entes instrumentais para racionalizar o sector público autonómico.

En concreto, conforme a disposición transitoria terceira da Lofaxga, Agader adáptase ao tipo de axencias públicas autonómicas. Deste xeito, conséguese aglutinar nun só ente todas as competencias e funcións en materia de desenvolvemento rural, o que permitirá contar cun ente público único como instrumento básico de actuación para o fomento. A través desta fusión, todos os órganos e persoal que prestaban servizo na Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural se adscribirán á nova Agader.

Funcións da Axencia

A nova Axencia será o instrumento básico de actuación do Goberno galego para o fomento e a coordinación do desenvolvemento do rural galego, para mellorar as condicións de vida e evitar o despoboamento dese territorio, é dicir, será o órgano planificador da política autonómica de desenvolvemento rural. Polo tanto, este ente encargarase da creación e a ampliación de explotacións agrarias e gandeiras, en canto que son actividades produtivas relevantes no medio rural galego, mediante a promoción e xestión do Banco de Terras de Galicia, así como da dinamización comarcal e de exercer as competencias sobre as estruturas e infraestruturas do medio rural e o regadío.

Cómpre recordar, ademais, que Agader é, e seguirá sendo, un dos xestores do Programa de desenvolvemento rural 2014-2020 que máis liñas de financiamento desenvolverá ao longo de todo o período de programación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información