A Xunta abre cinco expedientes sancionadores por vendas a perdas

A Administración detectou a venda ó público de aceite, viño, carne de coello e leite por baixo dos prezos pagados polos supermercados, que utilizaban estes produto como reclamo para atraer consumidores

A Xunta abre cinco expedientes sancionadores por vendas a perdas

O sector produtor está a denunciar de xeito reiterado situacións de vendas a perdas.

A Consellería de Economía emprendeu no que vai de ano 21 investigacións por posibles vendas a perdas en produtos agroalimentarios, das que 5 xa se plasmaron en expedientes sancionadores tras confirmarse que efectivamente os alimentos se estaban vendendo ó público a un prezo inferior ó pagado polo supermercado. Os casos nos que se iniciou un expediente sancionador afectan ó aceite (2), ó viño (1), á carne de coello (1) e ó leite (1).

O uso de determinadas gamas de produtos alimentarios como reclamo nas cadeas de supermercados é unha denuncia reiterada de cooperativas e organizacións agrarias. O sector produtor considera que a distribución comercial emprega de xeito habitual a venda a perdas, unha práctica prohibida pola lexislación comercial que acaba repercutindo de xeito negativo en toda a cadea de aprovisionamento, do produtor á industria transformadora.

A venda a perdas no supermercado repercute de xeito negativo sobre produtores e industrias

As denuncias cursadas polo sector produtor suscitaron unha parte das inspeccións da Xunta, en tanto outras debéronse a controis de oficio e a comunicacións do Ministerio de Agricultura. En total, a Consellería de Economía levou a cabo este ano 21 inspeccións, das que 8 están todavía abertas. Outras 9 pecháronse tras identificarse unha marxe comercial positiva e noutros 5 casos abríronse expedientes sancionadores. A venda a perdas é unha infracción considerada moi grave castigada con sancións de entre 1.500 e 50.000 euros.

Os controis realizados en Galicia pola Xunta centráronse no leite (8 inspeccións), no aceite (7), na carne de coello (2), nas laranxas e mandarinas (2), na carne de polo (1) e no viño (1). A maiores, fíxose tamén unha inspección nun ámbito non alimentario, na venda de inodoros e material de construcción.

A Consellería de Economía sinala que, ademais do labor de inspección, realiza de xeito constante unha vixilancia do mercado en materia de prezos para coñecer os valores medios do mercado e proceder, de ser o caso, a realizar accións concretas de control.

Controis da AICA
O traballo da Administración autonómica no control das vendas a perdas complementa ó que realiza á Agencia de Información y Control Alimentario (AICA) en canto a outros aspectos da cadea alimentaria, coma o respeto ós prazos de pago ou a suscripción de contratos entre as partes. Desde o inicio do seu labor, no 2014, a AICA, dependiente do Ministerio de Agricultura, abriu un total de 110 expedientes sancionadores en España.

Desde o sector produtor valórase en positivo o progresivo aumento de inspeccións e controis sobre a cadea alimentaria, se ben advírtese de que pouco se está cambiando nas prácticas dos supermercados, que apuran os límites no uso de determinados produtos como gancho para atraer consumidores. Organizacións agrarias e cooperativas denunciaban recentemente o caso dunha cadea galega que estaba vendendo o leite a 50 céntimos, unha cifra que, no caso de non ser venda a perdas, tampouco remunera axeitadamente nin á industria transformadora nin ós gandeiros que produciron o leite.

O Goberno, segundo trascendeu nos últimos días, prepara un código de autorregulación para o sector alimentario co que trata de evitar o uso de ‘produtos gancho’, de xeito que se garanta unha axeitada remuneración para produtores e industrias. Será esa unha solución válida?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información