A sede do Consello Regulador foi o escenario onde se celebrou este xoves unha xornada técnica sobre as enfermidades e as pragas na viña, unha actividade enfocada aos profesionais da viticultura da D.O. Ribeiro e que se realizou no terceiro andar con aforo completo, ocupando as máis de 70 prazas dispoñibles.
A xornada comezou coa ponencia sobre a poda de respecto nas vides das variedades autóctonas segundo o seu sistema de condución. Estivo dirixida por Julio Prieto, asesor vitícola e enólogo. En relación á súa exposición quixo salientar que “a supervivencia produtiva da vide e en consecuencia a rendibilidade dos viñedos pasan por facer podas de calidade. Podas entendendo á pranta, coñecendo os efectos dos cortes na mesma e aprendendo a construír un viñedo, onde o impacto das podas sexa mínimo e se estruturen os órganos produtivos. Isto axudará á produción, á calidade e á ganancia. Podar mal sae caro, polo que debemos aprender a repensar as podas para ter viñas produtivas durante moitos anos”.
Seguidamente deuse paso á conferencia da man do enxeñeiro agrónomo Alberto López e o enxeñeiro técnico agrícola Antonio Rodríguez, técnicos asesores en MAJ Agroquímicos nos principais cultivos presentes en Galicia, con especial interese na viña. Versou sobre a mortalidade da planta da vide causada por enfermidades da madeira, así como posibles solucións de biocontrol. Na súa exposición indicaron que “tratamos resumidamente os principais fungos presentes nas enfermidades da madeira poñendo interese en tomar consciencia que o seu lugar de entrada é a través das feridas realizadas trala poda, polo que é moi importante empregar produtos de contrastada eficacia”. Expuxeron tamén o estudo científico máis amplo presentado este ano no último congreso de viña e realizado polos principais organismos públicos relacionados co sector a nivel europeo sobre enfermidades de madeira onde sinalaron que “demostrouse que unha das trichodermas do mercado coñecida como Esquive WP ten gran eficacia en reducir a mortalidade das cepas de vide e impide a entrada de patóxenos da madeira en plantacións novas.” Por último explicaron a través dun cálculo económico a rendibilidade do uso do produto ao evitar perdas de produción causadas polo incremento de prantas afectadas por enfermidades da madeira.
A parte teórica rematou coa exposición sobre a flavescencia dourada, o control do vector Scaphoideus titanus e a confusión sexual lobesia, impartida por Alejandro Narvaiza, responsable técnico da empresa de investigación biotecnolóxica Biogard Spain. Comentou que “tratei de amosar estratexias de biocontrol en viña centrándonos, por unha parte, no control do vector da flavescencia dourada Scaphoideus Titanus, comentando o uso do fungo entomopatóxeno beauberia bassiana e a aplicación complementaria de caolín.” A segunda parte da exposición tratou sobre o control mediante confusión sexual de lobesia botrana. Explicou a estratexia de control e como se están a desenrolar diversos proxectos colaborativos.
Para finalizar, Julio Prieto amosoulles aos máis de 70 asistentes á xornada a práctica da poda en viña. En relación á súa intervención comenta “trátase de aprender a podar respectando a carreira de secos e de verdes e que se aplicaba en todas as podas históricas antes da filoxera. É necesario desaprender algunha práctica que utilizamos e aprender a realizar novas ou recuperar algunha técnica histórica de moito interese. Trataremos de ordenar as podas para que a práctica sexa máis fácil, de menor custe e de baixo impacto para a pranta.”
A presidenta do C.R.D.O. Ribeiro, Concha Iglesias, comenta en relación a esta xornada técnica “compráceme ver que tivo unha grande acollida por parte dos viticultores con aforo completo, isto sinala o interese do sector por aprender novas técnicas e solucións para ir paseniñamente incrementando a profesionalización nas labores por parte dos nosos viticultores”.