“A volatilidade de prezos obriga a mellorar a xestión da terra na PAC”

Tassos Haniotis, da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea, considera que a UE debe evitar unha política de axudas orientada a protexer prezos. O sector gandeiro demanda unha rede de seguridade para o mercado lácteo

“A volatilidade de prezos obriga a mellorar a xestión da terra na PAC”

Unha mellor xestión da terra permitiría que as granxas reduciran custos.

O sector lácteo atravesa unha crise sen precedentes en Europa que esixe da adopción de medidas a curto prazo. En marzo, a Comisión Europea revisará as propostas dos Estados membros ó respecto, se ben a Comisión, nas declaracións públicas que trascenden, continúa reticente a variar o fondo das súas políticas, que se desmarcan de influir no mercado a curto prazo e se orientan a cuestións estruturais.

Tassos Haniotis, director de Análise Económico da Dirección Xeral de Agricultura, pronunciouse onte en contra de políticas orientadas a protexer prezos. “A volatilidade de prezos obriga a mellorar a xestión da terra na PAC, ese é o gran reto que temos por diante”, sostén. “Máis que de volatilidade, cómpre falar da coexistencia de tres tendencias paralelas: volatilidade, correlación dos prezos das materias primas e incertidume sobre o futuro nivel de prezos”, analiza.

Os actuais prezos agrícolas están acompañados dunha tendencia á baixa das materias primas, caso do petróleo, dunha desaceleración das compras chinas e do embargo ruso. “A principal ferramenta para manexar o risco que ofrece a PAC radica en fomentar producións máis orientadas ó mercado fronte a controis de produción pasados” -sinala Tassos.- “Os pagos directos desacoplados contribúen a manter un nivel de renda e axudan ós produtores a tomar decisións de produción en función do mercado”, sostén.

“Políticas orientadas a apoiar prezos baixos levarían a un círculo vicioso de sobreprodución e baixos prezos” (Tassos Haniotis)

“Políticas orientadas a apoiar prezos baixos contribuirían a un aumento artificial dos prezos e axudarían a entrar nun círculo vicioso de sobreprodución, baixada de prezos e demanda de control de volumes”, mantén Tassos Haniotis.

Esquemas de seguros

O responsable comunitario compara as políticas europeas coas nortemericanas, que orientan un 60% dos pagos a plans de xestión do risco, ben a través de seguros, ben a apoiar esquemas de prezos estables anticíclicos. “Son ferramentas que poden axudar no curto prazo” -valora-, “pero se analizamos os resultados das políticas farémonos unha idea clara. Nos últimos anos, os ingresos agrícolas na UE foron menos volátiles e reducíronse menos que nos Estados Unidos”, defende.

“De feito, entre 2013 e 2015, os descensos respectivos de liquidez e de ingresos netos das granxas na UE foron dun 6 e dun 14%, en tanto en Estados Unidos as baixadas foron dun 16 e dun 34% respectivamente”, sostén Tassos Haniotis. Por que se dan esas diferencias? “A inevitable adaptación ó mercado vén despois e é máis pronunciada na agricultura de Estados Unidos”, valora Tassos.

Propostas do sector gandeiro para encarar a crise láctea

A Comisión Europea razona que apoiar prezos baixos contribúe á sobreprodución e a afondar nos baixos prezos. Ese círculo vicioso, sen embargo, tamén se está a dar no mercado libre. Os baixos prezos levan ás granxas a aumentar a produción para manter ingresos e por conseguinte, afóndase na sobreprodución e nos baixos prezos.

Cales son as propostas do sector para que a Comisión Europea poña freo á crise láctea? Enumeramos algunhas das medidas propostas estes días polo Copa-Cogeca, o organismo que agrupa a cooperativas e organizacións agrarias a nivel europeo; por Cooperativas Agroalimentarias de España e por Upa, a matriz estatal de Unións Agrarias.

O círculo vicioso tamén se dá no mercado libre. As granxas aumentan produción para manter ingresos, o que xera sobreprodución e baixos prezos

O Copa-Cogeca, entre outras, propón as seguintes medidas:

– Mellora da xestión do mercado a través dun aumento temporal dos prezos de intervención do leite en po e da extensión das axudas para o almacenamento privado de lácteos.

– Restablecer o mercado con Rusia e mellorar as exportacións a Xapón.

– O prezo dos insumos, en particular dos fertilizantes, poden rebaixarse suprimindo taxas á importación.

– Bonificacións para débedas por investimentos a través do Banco Europeo de Investimentos.

– Os Estados deben usar as ferramentas que ofrece a política de desenvolvemento rural para axudar ós agricultores a xestionar mellor os riscos.

Upa propón as seguintes medidas:
– Crear unha rede de seguridade do mercado que inclúa elevar os prezos de intervención de leite en po e manteiga; e mellorar as axudas para almacenamento privado de lácteos.

– Apoio a unha redución voluntaria e financiada da produción, que debe explorarse especialmente nos países máis excedentarios respecto o seu nivel de consumo.

– Avanzar na apertura de novos mercados.

– Fortalecer a axuda humanitaria para situacións de emerxencia.

Pola súa parte, Cooperativas Agroalimentarias de España, entre outras cuestións, incide nas seguintes:
– Potenciar as posibilidades de autocontrol da produción por parte de organizacións de produtores e interprofesionais. Posibilidade de financiamento da medida (cartos públicos, fondos da Interprofesional, etc.).

– Medidas de apoio colateral para a consolidación de estruturas que leven consigo a posibilidade de autorregulación (axudas ás organizacións de produtores (Ops) nos plans de desenvolvemento rural nacionais e autonómicos, mellora nas axudas asociadas do pago básico ós produtores integrados en Ops).

– Subida temporal do prezo de intervención da manteiga e do leite en po.

– Promoción do mercado interior e esforzos para abrir novos mercados.

– Asignar de xeito excepcional recursos financieros para apoiar a autorregulación da produción.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información