A venda de leite a 20 céntimos nun súper dispara o malestar

A cadea de supermercados El Árbol retira a oferta logo de que Unións Agrarias activara o protocolo contra a banalización do produto establecido entre a Interprofesional Láctea e as patronais das cadeas de distribución. Medio Rural anuncia que intensificará a vixilancia sobre a venda de leite a perdas

A venda de leite a 20 céntimos nun súper dispara o malestar

Oferta a 20 céntimos, xa retirada de El Árbol.

A venda de briks de Reny Picot a 20 céntimos na cadea de supermercados El Árbol, en Asturias, suscitou unha denuncia formal de Unións Agrarias ante o comité mixto conformado pola Inteprofesional Láctea (Inlac) e as patronais das cadeas de distribución.

O protocolo contra a banalización do leite establecido polo sector funcionou e esa oferta xa foi retirada dos lineais. Con todo, Unións demanda unha maior fiscalización das Administracións sobre as vendas de leite a perdas.

O sector denuncia que hai industrias que mercan no campo leite a prezo de po para envasalo nun brik

Os últimos informes do Ministerio situaban os problemas de banalización do leite baixo mínimos, pois o que se vende por baixo dos 55 céntimos é menos do 2% do total. Sen embargo, as organizacións agrarias temen un repunte das malas prácticas en vista dos baixos prezos que se están a pagar no campo e das ofertas á baixa que algunhas industrias lles están trasladando ás cadeas de supermercados.

O sector reclama un maior control sobre as prácticas das cadeas de distribución, así como a garantía de que o leite que se vende a prezos de po no campo vaia efectivamente para ese uso e non remate envasado nun brik.

Reny Picot, a industria que tiña o seu leite nos lineais a 20 céntimos, é precisamente unha das industrias baixo sospeita dos gandeiros, pois en Galicia recolle en explotacións a prezos de po, por baixo de 20 céntimos, e ten tamén a granxas baixo contratos con fórmulas 60-40, pagando o 60% das entregas a prezo de mercado e o 40% restante a prezos de po.

Controis da Xunta
A Xunta, pola súa banda, vén de anunciar que intensificará os controis sobre as vendas a perdas na distribución. A Dirección Xeral de Comercio efectuou no que vai de ano 42 controis sobre vendas a perdas en supermercados, 39 deles correspondentes ó sector lácteo.

Desde Medio Rural destacan que ante os indicios de novas prácticas banalizadoras do leite, contrarias ó acordo lácteo de setembro, intensificaranse os controis nos próximos días.

De todos os xeitos, os maiores problemas de banalización do leite adóitanse concentrar en comunidades de gran consumo, en tanto os prezos medios de venda do leite nas zonas produtoras, como Galicia, son máis elevados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información