O proxecto Viniot, centrado na viticultura de precisión, presentaba os seus resultados logo de 3 anos de traballo, nun evento final celebrado recentemente en Santiago de Compostela. Á marxe dos logros acadados, neste encontro dos participantes do proxecto e outros axentes do sector abriuse o debate sobre a continuidade e o impacto que logra este tipo de iniciativas. Está a chegar a dixitalización tamén ós viñedos? Que repercusión ten para adegas e viticultores proxectos como Viniot?
A resposta por tres das cooperativas vitivinícolas que participaron de cheo no proxecto Viniot é clara e unánime: as ferramentas de dixitalización que se empregan na viticultura de precisión están a ser de gran utilidade para a toma de decisións.
“As ferramentas de dixitalización están a permitir a recollida de datos en campo e facilítannos ofrecer recomendacións ós nosos viticultores”: Carlos Alberto, de Viña Costeira
“As ferramentas de dixitalización están a permitir a recollida de datos en campo e facilítannos ofrecer recomendacións ós nosos viticultores”, indica Carlos Alberto, director de viticultura na cooperativa do Ribeiro Viña Costeira, unha das integrantes deste proxecto. Nesa mesma liña, Débora Franco, directora de Monet, empresa de I+D, recoñece que estas ferramentas contribúen na toma de decisións destacadas como a necesidade de aplicar tratamentos fronte a enfermidades como o mildio, o oídio, o black rot ou a botrite, que poden condicionar en gran medida a colleita.
Ademais, este tipo de ferramentas está a ter unha boa acollida entre os viticultores. Así, dende a Cooperativa Martín Códax están a empregar unha plataforma de alerta sobre o risco de mildio, e aínda que ó comezo houbo algunhas reticencias, hoxe o 60% dos viticultores está a empregala.
A variabilidade do viñedo, o gran reto
O gran reto para a implantación de ferramentas dixitais na viticultura é a gran variabilidade do viñedo, como apuntaban algúns dos técnicos presentes. “Aínda falta percorrido destas aplicacións para ter aplicación directa no sector. É necesario ir máis alá dos controis que se fan e abarcar toda a variabilidade do viñedo”, valora Daniel Durán, do departamento de viticultura da adega Paco&Lola.
A sensorización e recollida de datos en cuestións como a humidade do viñedo está a resultar transcendente na optimización da rega, pero tamén inflúe no manexo que se fai do solo evitando nalgúns casos labrar a terra e mantendo cubertas vexetais. “A eficiencia na rega resulta cada vez de maior interese polos cambios no manexo que supón e polo custe que ten”, valoran dende Martín Códax, pese a que nesta denominación de orixe aínda non acusan importantes problemas de seca.
“A demanda do mercado de viños de maior calidade e sostibilidade fan que os datos cobren maior importancia, xa que son a vía para traballar por ambos obxectivos”: Iago Portela, Triple Alpha
“A demanda do mercado de viños de maior calidade e sostibilidade fan que os datos cobren maior importancia, xa que son a vía para traballar por ambos obxectivos”, apunta Iago Portela, consultor de procesos de Triple Alpha, empresa especializada na xestión de datos e propostas tecnolóxicas. “O sector do viño en Galicia sempre foi moi tradicional, pero estase dando conta da necesidade da dixitalización”, destaca.
O outro gran reto da dixitalización da viticultura é chegar ás pequenas adegas e viticultores, como se apuntaba no foro. Así, as grandes adegas xa están a incorporar tanto en adega como en campo esta tecnoloxía e vese como un ‘movemento inevitable’, porén falta ver como se resolve para os pequenos produtores. Neste senso, as cooperativas poden servir de novo de táboa de salvación ó incorporar xa solucións dixitais. Con todo, sinalan que aínda hai pouco coñecemento en campo, en comparación coas innovacións que se están desenvolvendo na adega. Ademais, moitos dos avances ou información non chega a compartirse, polo que está a ser infrautilizada.
“Estamos preocupados porque a tecnoloxía sexa realmente accesible e barata para que os viticultores poidan acceder a ela”: José Silvestre, investigador do Iniav
Dende o Instituto Nacional de Investigacións Agrarias e Veterinarias de Portugal (Iniav), o investigador José Silvestre, destacou que ademais da gran variabilidade que se atopa no viñedo, o feito de que haxa un clima moi variable, así como un custos moi cambiantes supoñen outros obstáculos á hora de integrar a dixitalización no sector do viñedo. Así, unha das súas máximas é procurar que a tecnoloxía chegue ós produtores. “Estamos preocupados porque a tecnoloxía sexa realmente accesible e barata para que os viticultores poidan acceder a ela”, afirma Silvestre.
O papel dos HUBs
No marco do proxecto Viniot tamén se desenvolveu Viniot HUB, un centro loxístico de innovación dixital centrado en dar difusión ós avances logrados con estas ferramentas e crear un punto de encontro das empresas e produtores do sector. De feito, tal e como sinalou Tamara Rodríguez, responsable de comunicación e do HUB, aquelas empresas e profesionais que estean interesados en participar no HUB poden acceder de xeito gratuíto logo de cubrir un formulario na páxina do proxecto: www.viniot.eu
Aínda que inicialmente o Viniot HUB resultaba interesante ós participantes do proxecto, a súa continuidade e éxito está condicionado pola dinamización que se logre. “Conseguir que o HUB sexa un foro de encontro dependerá de como se dinamice e do valor que aporte para os participantes”, valoraban algúns dos asistentes.
Nesta xornada de presentación de resultados tamén participaron outros Centros loxísticos de innovación dixital (HUBs) tanto do país como de Portugal que apuntaron algunhas claves para manter activos estes centros e conseguir que resulten unha ferramenta de utilidade para o sector. Ofrecer formación e vías de financiamento para que as empresas poidan incorporar a tecnoloxía é unha das prioridades para o HUB Datalife, centrado en promover a dixitalización no sector agrario en Galicia, unha entidade que, como apuntaba o experto en transformación dixital Javier Doval, integra tanto a empresas, como Clústers e Universidades galegas.
“O Viniot Hub ó estar especializado ten xa o seu espazo, que pode axudarlle á súa continuidade no tempo, pero é preciso crear sinerxías”: Edgar Delgado, do DIH de Extremadura
Dende o HUB DIH de Extremadura sinalaban que facer accesible esta tecnoloxía dispoñible ás empresas é tamén fundamental. Así, eles contan cun catálogo actualizado sobre recursos activos dos servizos de dixitalización que están dispoñibles. “Trátase de crear redes. O Viniot Hub ó estar especializado ten xa o seu espazo, que pode axudarlle á súa continuidade no tempo, pero é importante crear sinerxías entre sectores para sumar e aproveitar o que cada un pode aportar”, valora Edgar Delgado, do DIH de Extremadura.
Tamén é fundamental coñecer o punto de partida do sector en materia de dixitalización para conseguir avanzar. Neste caso, dende o HUB DIH de Andalucía, José Antonio Adame sinala que un dos métodos para dar apoio ó sector é precisamente diagnosticando o seu grao de dixitalización, para o que realizan test de madureza dixital adaptados ó sector agrogandeiro, para poder establecer un punto de inicio. “Os centros loxísticos de innovación dixital deben estar alerta e ser os intérpretes do sector para que se creen solucións para as súas necesidades” destaca Adame.