En aplicación da Lei da Cadea Alimentaria, o pagamento da uva aos viticultores por parte das adegas deberá efectuarse nesta campaña, como máximo, 30 días despois a contar dende o día de finalización da entrega da uva. O cumprimento desta norma será obrigatorio para as vendas de uva superiores a 2.500 euros.
Así explicouno onte o director da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), José Miguel Herrero, que interveu nunha xornada informativa co sector vitivinícola para explicar a aplicación da Lei da Cadea Alimentaria no sector do viño e, en concreto, a Nota interpretativa elaborada polo Ministerio sobre a aplicación nos contratos de compravenda de uva de vinificación dos prazos de pagamento previstos na citada Lei.
Segundo aclarou Herrero, a Nota interpretativa permite aos inspectores de AICA contar con criterios obxectivos e claros á hora de realizar as súas inspeccións e comprobar o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria. De non cumprir esta norma, as adegas enfróntanse a sancións de entre 3.000 e 100.000 euros.
Para Herrero, “o principal obxectivo desta Nota é aclarar a interpretación do cómputo dos prazos de pagamento nas operacións de compravenda de uva de vinificación”. Segundo explicou, o pagamento do prezo acordado “será de 30 días, que se empezará a contar dende o día da finalización da entrega da uva”.
En Galicia o método de pagamento ao viticultor por parte da adega vixente ata agora consistía nun pagamento a tres prazos: un 45% do importe págase no ano natural (dende a entrega en setembro ata decembro); un 30% págase en abril do seguinte ano e un 25% en xuño.
Toda a uva deberá contar cun contrato
Ademais, o director de AICA subliñou que “nesta vendima toda a uva entregada polos viticultores deberá contar cun contrato, un prezo determinado ou determinable, e ser pagada cun prezo base, nun prazo máximo de 30 días,”. Desta obriga, tanto de prazos de pagamento coma de contratos, quedan exentas as cooperativas.
Miguel Herrero tamén anunciou que, coincidindo coa próxima vendima, a AICA vai realizar inspeccións no sector para comprobar a existencia de contratos nas operacións de compravenda.