A Universidade de Santiago de Compostela presenta un novo xogo educativo para as escolas: ‘Come san, come sostible’

Presentado unha ferramenta didáctica na USC, o xogo busca fomentar hábitos alimentarios saudables e sostibles entre o alumnado de Primaria

A Universidade de Santiago de Compostela presenta un novo xogo educativo para as escolas: ‘Come san, come sostible’

A Universidade de Santiago de Compostela (USC), a través dos seus grupos de Biotecnoloxía Ambiental (BioGroup) e de Investigación Esculca, lanzou unha nova ferramenta didáctica titulada ‘Come san, come sostible’. Este xogo, deseñado para o alumnado de Educación Primaria, busca conciencialos sobre a importancia das súas eleccións alimentarias tanto para a súa saúde como para o medio ambiente.

O xogo desenvolveuse no marco dunha colaboración interdisciplinar entre o Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) e a Facultade de Ciencias da Educación. Utiliza como base educativa a pegada de carbono e a pegada hídrica dos 62 alimentos máis consumidos en España en 2023, combinados co coñecemento dos principais grupos nutricionais necesarios para unha dieta equilibrada.

‘Come san, come sostible’ foi probado inicialmente por estudantes do dobre grao en Mestre/a de Educación Infantil e Educación Primaria da USC, nunha actividade que contou coa participación de investigadores do CRETUS e docentes da Facultade de Ciencias da Educación. Este piloto serviu para afinar os contidos e a metodoloxía antes da súa presentación pública.

Este recurso didáctico xorde a partir dun traballo publicado en 2020 que promoveu a concienciación ambiental entre estudantes de Enxeñaría Química. Agora, adaptouse para empregar entre estudantes de primaria, coa idea de ampliar o seu alcance e impacto.

A guía didáctica do xogo foi elaborada por Esculca, mentres que o BioGroup encargouse do deseño e da conceptualización. A xestión da propiedade intelectual e distribución do xogo corre a cargo da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC.

Centros educativos interesados en incorporar esta ferramenta nas súas aulas xa poden solicitar unidades a través do correo avte@usc.gal, abrindo unha nova vía para que o alumnado aprenda sobre sustentabilidade alimentaria de maneira divertida e interactiva.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información