A UE valorará posibles medidas de apoio ás explotacións lácteas en caso de crises

O Consello de Ministros de Agricultura estudará accións de mercado se o fin das cotas impacta de xeito negativo sobre as granxas. A proposta portuguesa de reforma do ‘pago verde’ é apoiada por moitos estados

A UE valorará posibles medidas de apoio ás explotacións lácteas en caso de crises

O escenario que se encara co fin da cota láctea o 1 de abril do 2015 foi un dos principais temas a análise no Consello de Ministros de Agricultura da UE. O Consello comprometeuse a un exame atento da evolución do sector, co fin de recomendarlle á Comisión posibles medidas de mercado a adoptar no caso de detectarse un impacto negativo do fin da cota nas explotacións lácteas.

As previsións da Comisión Europea para o mercado do leite no 2015 apuntan, non obstante, a unha estabilidade e recuperación dos prezos no segundo semestre, cun leve aumento de produción do 1% no conxunto do ano, polo que non se agardan problemas significativos no mercado.

A Comisión agarda unha recuperación dos prezos nos próximos meses

O leite en po e a manteiga acumula xa un trimestre de subas progresivas, unha situación que a Comisión explica pola diminución estacional de produción e polo esforzo dos produtores para adaptarse á cota dispoñible. De xeito paralelo, a produción reduciuse tamén en mercados exportadores como o de Oceanía, afectado pola seca, e a demanda mundial mantense dinámica, segundo a valoración da Comisión nun recente informe de perspectivas a curto prazo.

Esta situación leva a Comisión a especular con que os prezos en orixe do leite parecen ter tocado fondo, polo que se agarda que nos próximos meses se experimente unha recuperación dos pagos percibidos polo produtor. En canto a volumes de produción, para os primeiros meses de campaña, abril e maio, non se agarda unha produción significativamente superior á do ano pasado, tendo en conta o actual contexto do mercado. De cara ó futuro, si hai previsión de incrementos de produción, xa que actualmente o número de xovencas, que entrarán en produción en próximos meses, é na UE un 2% superior ó do ano pasado.

O número de xovencas é actualmente un 2% superior ó de hai un ano

O informe da Comisión fai tamén balance das exportacións de produtos lácteos no 2014 e destaca o bo comportamento do leite en po, que aumentou as cifras de exportación en máis dun 20%, en parte pola depreciación do euro e polos baixos prezos en orixe do leite na última parte do ano. A exportación de leite líquido, principalmente a China e a Bielorrusia, tamén medrou por riba do 20%.

Pago verde
A proposta de Portugal para que a Comisión modifique os criterios do pago verde das axudas da PAC foi ben acollida no Consello de Ministros de Agricultura da UE. Moitos estados apoiaron a proposta portuguesa, segundo figura no borrador de acta da sesión. O Consello tomou nota da petición portuguesa, que se estudiará nos próximos meses.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información