“A Superficie Agraria Útil de Galicia é só o 20% do territorio. Hai que incrementala se queremos soberanía alimentaria e un rural vivo”

Inés Santé é unha das cabezas visibles da Alianza para un Territorio Rural Resiliente que promoven a Fundación Juana de Vega e o LaboraTe da USC. Unha vez coñecido o proxecto, falamos con ela para coñecer cales son os obxectivos e os puntos de partida dun movemento que quere buscar solucións a problemas estruturais no rural galego

INES SANTE

Inés Santé Riveira (Ferrol, 1976) é doutora en Enxeñería Agrónoma e profesora da área de Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da Universidade de Santiago de Compostela (USC). E tamén unha das responsables da Alianza para un Territorio Rural Resiliente.

O pasado 28 de maio tivo lugar na Cidade da Cultura a posta de largo da Alianza, que se traduciu na celebración dun Foro no que se puxo enriba da mesa o traballo realizado ata agora e botaron a andar grupos de traballo para seguir procurando solucións para o rural galego e promovendo iniciativas nesa liña. Aproveitamos para falar coa profesora Santé sobre todo o proxecto.

-O Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da Universidade de Santiago de Compostela foi un dos organizadores, xunto coa Fundación Juana de Vega, do Foro do Territorio Rural Resiliente, que recentemente celebrou a súa primeira edición en Santiago de Compostela. Que vos levou a promover este encontro? 

O proceso que deu lugar ao Foro e o posterior evento xorden dunha preocupación compartida pola Fundación Juana de Vega e o noso grupo de investigación sobre a necesidade de intensificar as actuacións para reverter o abandono e acadar unha ordenación e xestión activa do territorio rural.

A colaboración entre o LaboraTe e a Fundación en numerosos proxectos e iniciativas dá lugar a esa reflexión, da que xurde a idea de facer algo para concienciar á sociedade sobre a importancia do problema e colaborar con outros axentes sociais e entidades que comparten esta preocupación para poñer en marcha iniciativas.

O primeiro que fixemos foi falar con entidades que sabíamos que compartían estes obxectivos, como a Fundación RIA e a Fundación Roberto Rivas, que en seguida se apuntaron á iniciativa. Despois vimos que, para que a mensaxe chegara a toda á sociedade, era preciso contar con especialistas en comunicación, polo que contactamos con Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Cómpre aclarar que non é unha iniciativa no marco dun proxecto de investigación ou dunha subvención de divulgación, senón que foi asumida por cada unha das entidades con recursos propios.

-Que valoración realiza desta primeira edición? 

Moi positiva. Creo que o primeiro obxectivo está acadado, que era activar o debate sobre o futuro do territorio rural galego e implicar a persoas e entidades preocupadas e interesadas no tema para traballar de forma conxunta e coordinada.

A resposta positiva da maioría das persoas que convidamos ás mesas de traballo e os máis de 200 asistentes ao evento final -completamos o aforo unha semana antes- permiten crer que a mensaxe chegou.

Dende a posta en marcha da Alianza temos novas adhesións cada día de persoas, colectivos e entidades

Pero o máis esperanzador, xa que nisto superamos con creces as expectativas, e o elevado número de persoas e entidades que se está a apuntar nos grupos de acción para colaborar nas primeiras actuacións que se presentaron no Foro ou para propoñer outras novas.

Eu agardaba moito apoio, a través da adhesión á Alianza para un Territorio Rural Resiliente, pero non aspiraba a que houbera tantas persoas dispostas a traballar polo obxectivo. Xa contamos con 163 persoas apuntadas á Alianza (todos os días se apunta alguén máis), das cales 161 están apuntadas a algún grupo de acción e 34 fixeron propostas novas.

O incremento da Superficie Agraria Útil galega é un dos principais obxectivos da Alianza

O incremento da Superficie Agraria Útil galega é un dos principais obxectivos da Alianza

Esto representa unha responsabilidade e un reto para nós, xa que temos que ser quen de poder organizar e coordinar a todas estas persoas e aproveitar este pulo para realizar traballos conxuntos e obter resultados.

-Que destacaría das conclusións deste foro? 

No evento final do Foro expuxéronse dous resultados principais. O primeiro corresponde ás conclusións das mesas de traballo deste ano, que sentaron as bases da alianza e que definen as liñas estratéxicas e medidas de actuación para conseguir un territorio rural resiliente e, polo tanto, activo, xestionado, produtivo, sostible e vivo.

Estre esas liñas e medidas, que son máis de 200, destacaría o consenso entre todas as persoas que participaron na mesa de traballo que definiu a visión estratéxica para o rural galego. Esta visión propón, entre outros aspectos, un sistema produtivo diversificado, innovador e capaz de xerar valor económico engadido mediante a transformación e industrialización dos recursos locais, reforzando a soberanía alimentaria.

Entre as medidas relativas á ordenación do territorio rural, incidiuse na necesidade de abordar a ordenación dos usos agroforestais a través da aprobación do Catálogo de solos agropecuarios e forestais, de coordinar e simplificar a normativa que afecta ao desenvolvemento destes usos sobre o territorio e de considerar o risco de incendio na planificación, por exemplo, mediante os polígonos cortalume.

Sobre recuperación e xestión activa da terra, propuxéronse medidas para impulsar a investigación da titularidade, mellorar a información sobre propiedade, facilitar a xestión de terras en abandono e impulsar os instrumentos regulados na Lei de recuperación da terra agraria.

Hai que ver o relevo xeracional no campo como un proceso integral que require duns itinerarios e un acompañamento específicos

A mesa sobre remuda agraria deseñou medidas para a creación de itinerarios integrais de incorporación agraria, a adecuación das axudas e a fiscalidade con este propósito ou o reforzo da cadea de valor. Tamén houbo propostas para favorecer a gobernanza territorial, promover a pedagoxía sobre a necesidade de planificación e xestión territorial e mellorar o relato sobre o rural.

-Cal é a folla de ruta que planteades a partir de agora, e en concreto da Alizanza para un Territorio Rural Resiliente?

A idea é seguir aplicando un procedemento colaborativo de co-deseño entre todos os membros da Alianza, de mesmo xeito que fixemos para elaborar as súas bases. Neste caso orientándoo a deseñar e poñer en marcha actuacións reais no territorio.

Xa nos puxemos en contacto cos participantes no Foro e con quenes se adheriron á Alianza para agradecerlles a colaboración. Agora toca organizar os grupos de acción coa idea de facer a primeira reunión ou actividade de cada grupo antes do verán.

O obxectivo é que ao longo deste ano se poñan en marcha as primeiras actuacións para poder presentar resultados no evento final do Foro do ano que vén. Os grupos de acción definirán as primeiras actuacións que se levarán a cabo.

Ao longo deste ano desenvolveremos as primeiras accións no marco da Alianza para poder presentar resultados no seguinte Foro

Por exemplo, algunhas actuacións propostas o 28 de maio inclúen unha rede de colaboración e apoio técnico entre iniciativas de xestión activa do territorio, unha plataforma web de recursos de apoio á incorporación agraria, una rede galega de apoio á remuda agraria, o desenvolvemento de esquemas de pago por servizos ecosistémicos ou a creación dunha rede de xornalistas e comunicadores para mellorar a comunicación sobre o rural.

Técnicas como a agroforestería permitirían un dobre aproveitamento dos terreos forestais

Técnicas como a agroforestería permitirían un dobre aproveitamento dos terreos forestais

-Dende a Xunta de Galicia, administración coas competencias en ordenación territorial, xa se puxeron en contacto con vós como organizadores para colaborar na implementación das propostas?

Polo momento non, aínda que nas mesas de traballo participaron representantes da Consellería de Vivenda, que ten as competencias en ordenación do territorio, e da Consellería de Emprego. O primeiro grupo de acción estará dedicado ao diálogo e cooperación coa administración pública, xa que moitas das medidas propostas implican a participación da Administración ou, incluso, deben ser impulsadas por ela, como é o caso da ordenación do territorio, que resulta inviable sen a supervisión dos poderes públicos. Pero o obxectivo principal do Foro é impulsar o papel da sociedade civil e poñer en marcha actuacións de iniciativa privada que indiquen o camiño a seguir.

-Que grandes eivas detectades no que é a organización do territorio rural en Galicia? 

Eu destacaría a falta de ordenación do territorio rural e dos usos agroforestais. A Lei de recuperación da terra agraria regulou o instrumento para facer esta ordenación, o Catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia, pero a súa aprobación está pendente.

Isto fai que o desenvolvemento do usos agrícolas, gandeiros e forestais sobre o territorio na actualidade se regule mediante a aplicación interdependente de varias leis (a lei de montes, a lei de recuperación da terra agraria, a lei do solo e a lei de avaliación ambiental), polo que en moitos casos resulta difícil saber os usos que se poden desenvolver sobre unha parcela concreta ou incluso hai que agardar a que se resolvan procedementos administrativos.

Un traballo pendente é o de determinar a regulación que abrangue a cada parcela, que non sempre está clara

Fixemos un estudo que demostra que a ordenación clara e efectiva dos usos a través dun instrumento de ordenación como o catálogo repercute nunha maior eficiencia e rendibilidade dos usos agroforestais e, ao mesmo tempo, nun maior valor ambiental e redución do risco de incendio.

-Hai especificidades galegas nas problemáticas do abandono e falta de ordenación do territorio rural? Con que outros territorios teríamos similitudes?

Si. Aínda que o abandono da terra non é un problema exclusivo de Galicia, vémolo agravado pola complexidade da estrutura da propiedade. O minifundismo, a fragmentación unida ao desvencellamento dos propietarios da terra, agrava o problema do abandono ao dificultar o acceso á terra a quenes queren poñela en produción.

Hai que engadir o descoñecemento da propiedade; en zonas con elevado grao de abandono a superficie de titulares descoñecidos pode acadar o 30-40%. No evento do Foro a alcaldesa de Larouco comentou que no polígono agroforestal que se está a desenvolver no seu concello, o descoñecemento da propiedade afectaba ao 70% da superficie.

A profesora Santé participou activamente na recollida de propostas no Foro Territorio Rural Resiliente

A profesora Santé participou activamente na recollida de propostas no Foro Territorio Rural Resiliente

Tamén temos unha elevada fragmentación dos usos do solo -que se pon de manifesto nos 16 millóns de recintos de uso do SIGPAC, a metade dos núcleos de poboación de España, un relevo e unha hidroloxía complexos, unha das maiores redes viarias rurais, etc. Todo isto fai máis complexa, e máis necesaria se cabe, a ordenación do territorio rural.

Hai concellos, como o de Larouco, con áreas nas que se descoñece a propiedade de ata o 70% da superficie

O territorio máis similar sería Asturias, pero con menor complexidade. A cornixa cantábrica ten unhas características territoriais moi diferentes ás do resto de España. Sen embargo, o abandono da terra agraria non é exclusivo de aquí, é un problema común a outras comunidades autónomas, que tamén están poñendo en marcha normativas e instrumentos para afrontalo.

-Sen pretender caer en mimetismos, en que outros territorios ou iniciativas nos poderíamos inspirar para afrontar esta problemática en Galicia e por qué?

Unha proposta do Foro foi a dun pacto polo territorio rural. É necesario un consenso e unir forzas entre os diferentes axentes sociais, económicos e políticos para dar estabilidade ao marco xurídico e as iniciativas destinadas a mellorar a xestión do territorio rural, como pode ser a Lei de recuperación da terra agraria.

A primeira iniciativa inspiradora que presentamos no Foro foi o Pacto Rural que acaba de aprobar o Goberno de Asturias e que une á Administración Autonómica, a Federación Asturiana de Empresarios (Fade), a Universidad de Oviedo, a Federación Asturiana de Concejos, a Federación de Cofradías de Pescadores, a Red Asturiana de Desarrollo Rural (Reader), as cooperativas agroalimentarias e as organizaciones agrarias cun obxectivo común.

-Como inflúe a estructura administrativa no desenvolvemento rural? Non é casual que os países nos que os concellos, a administración máis cercana, teñen moitas máis competencias e recursos, caso de Portugal, ou sobre todo Francia, teñen mellores datos de desenvolvemento rural que aqueles nos que hai unha centralización a nivel autonómico ou provincial?

Dende hai anos o modelo proposto para o desenvolvemento rural de abaixo a arriba, é dicir, dende o local, é o programa LEADER. Sen embargo, o desenvolvemento rural non pode acadarse cun único programa de investimento ou cunha única política sectorial, senón que para acadar os seus obxectivos é necesario que conflúan moitas políticas, por non dicir todas.

Aínda que o Foro se centra na ordenación e xestión do territorio rural, non esquecemos que para esa xestión fai falta poboación, que necesita servizos públicos e privados, vivenda, transporte e diversificación económica, polo que dedicamos unha mesa de traballo a estas cuestións.

Cada unha destas políticas presenta unha estrutura administrativa diferente. O máis importante é que a Administración responsable de aplicalas dispoña dos medios e os recursos necesarios para facelo.

Unha reclamación frecuente dos concellos rurais é a imposibilidade de asumir as competencias ou servizos que se lles atribúe sen os recursos correspondentes. Esta foi a primeira conclusión da xornada Acuerdo Rural impulsada pola FEMP en Ourense o pasado mes de outubro.

Dotar as administracións públicas de máis recursos foi unha das peticións da Alianza

Dotar as administracións públicas de máis recursos foi unha das peticións da Alianza

-Na súa análise distinguen tres Galicias dende o punto de vista da organización do rural. Cales son e  que as caracteriza?

Esta zonificación xorde dun estudo do compañeiro do LaboraTe, Eduardo Corbelle, que identifica tres zonas con diferentes dinámicas territoriais: unha Galicia urbanizada e forestada, localizada principalmente na franxa atlántica e zonas periurbanas, con dinámicas de urbanización e forestación do solo rústico; unha Galicia activa, correspondente a zonas de interior cun sector gandeiro e agrícola dinámico; e unha Galicia abandonada, en zonas de montaña e do interior, onde predomina o mato e o bosque non xestionado.

-Chama a atención o dato de que Galicia precisaría unhas 350.000 hectáreas produtivas a maiores das que xa ten xa ten para producir suficientes alimentos para toda a súa poboación e que, sen embargo, no territorio galego hai 500.000 hectáreas que poderían estar en produción agrogandeira e permanecen abandonadas. Que está fallando? 

O primeiro dato procede da tese de doutoramento de Xurxo Loureiro, do LaboraTe. Alerta sobre algo do que creo que a sociedade galega non é consciente. Hoxe, se nun momento determinado non puideran entrar alimentos de fóra de Galicia, non teríamos a capacidade produtiva necesaria para cubrir o consumo alimentario da poboación galega.

A Superficie Agraria Útil (SAU) apenas acada o 20% do territorio galego, pero ademais case a metade desta SAU non se atopa nos terreos máis produtivos. A pesar da capacidade que ten o territorio galego para producir biomasa, segundo o Mapa de Capacidade Produtiva dos solos de Galicia, tan só o 35% do chan reúne condicións favorables para a produción agrícola intensiva.

A Superficie Agraria Útil de Galicia é só o 20% do territorio. Hai que incrementala se queremos soberanía alimentaria e un rural vivo

Para garantir a soberanía alimentaria necesitamos incrementar a SAU, que representa unha porcentaxe do territorio moi inferior á do resto de España e de Europa. E dáse o paradoxo de que temos case un 20% da terra agraria en estado de abandono ou infrautilización e unha demanda crecente de terra por parte das explotacións agrogandeiras. Falla o acceso á terra, pola fragmentación e o descoñecemento da propiedade ou o desvencellamento dos titulares das terras do seu uso.

-Tedes cuantificado a nivel económico, tanto en custo do servizo de prevención e de extinción de incendios, como de custos de oportunidade, que supón esta crecente superficie abandonada en Galicia?

Cuantificouse a nivel de custo de oportunidade. Un estudo das universidades de Santiago de Compostela e Vigo para a Xunta de Galicia cifra o impacto económico directo que tería a posta en produción desta terra abandonada nun incremento do sector agrario galego en 413 millóns de euros. E do 1% do Valor Engadido Bruto total de Galicia, que ascendería ao 3% se se ten en conta o impacto económico inducido.

En canto ao custo en extinción de incendios, máis alá das cifras anuais elevadísimas de custe do servizo segundo o PLADIGA, o importante é que resulta moito máis rendible investir en acondicionar os terreos para reverter o abandono e facilitar a súa posta en produción que en apagar lumes. Como mostra pode darse o dato de que co custe dun día ou día e medio dun hidroavión pode executarse unha aldea modelo ou acondicionar 15-30 ha abandonadas para uso gandeiro.

-Precisamente, para reverter esta situación, no 20215 aprobouse a Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (METAGA) e no 2021 a Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia, da que vostede foi unha das impulsoras. Como valora os resultados da súa aplicación?

A Lei de recuperación proporciona novos mecanismos legais e instrumentos que permiten dar resposta, por primeira vez, a algúns dos grandes problemas estruturais da xestión do territorio rural galego, como son o descoñecemento da propiedade ou a xestión eficiente de terras abandonadas.

No foro constaouse que nin sequera un sector de alto valor engadido como o do viño escapa da perda de terras útiles

No foro constaouse que nin sequera un sector de alto valor engadido como o do viño escapa da perda de terras útiles

Aínda que o máis coñecido da Lei son os novos instrumentos de recuperación de terras -as aldeas modelos, os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta ou o banco de explotacións-, a lei tamén incorpora procedementos que permiten resolver problemas aos que ata ese momento non se podía dar resposta.

O máis importante probablemente é o que outorga á administración autonómica a capacidade para investigar a propiedade da terra. Ademais, este procedemento permite poder xestionar a terras sen propietario coñecido dun xeito rápido, dende o inicio do procedemento de investigación, mediante o seu arrendamento a través do Banco de terras e asegurando en todo momento os dereitos de propiedade.

Co custe dun día dun hidroavión poden acondicionarse entre 15 e 30 hectáreas abandonadas para uso gandeiro

Os novos instrumentos dan un paso máis na capacidade da administración para mobilizar a terra; por exemplo, os polígonos agroforestais permiten á Xunta intermediar na oferta de terras en arrendamento ou propiedade, así como reestruturar a propiedade en parcelas máis grandes que a concentración parcelaria tradicional ao agrupar as parcelas en venda e as parcelas en arrendamento.

Pero hai que recoñecer que todos os procedementos que afectan á propiedade son complexos, xa que a transparencia e a seguridade xurídica dos trámites necesarios exixen os seus prazos. É imposible reverter nuns poucos anos unha situación territorial que é a consecuencia de dinámicas que se desenvolveron durante décadas.

-Sen embargo, a superficie declarada nas axudas da PAC en Galicia non deixa de caer ano tras ano. Non evidencia isto un fracaso nas medidas legais ou unha falta de efectividade da Xunta para aplicar a lei? En que considera que se está fallando?

É necesario valorar os resultados a medio prazo. Se ben é certo que para que a Lei sexa efectiva debe dárselle estabilidade, dotar dos recursos necesarios aos órganos responsables da súa execución e dar o pulo necesario á aplicación dos procedementos e instrumentos regulados nela. Instrumentos que teñen sido recoñecidos pola súa innovación a nivel internacional, pola CAP network ou a FAO.

A perda de poboación leva a que tampouco haxa man de obra para tarefas básicas como o emprego de maquinaria agrícola

A perda de poboación leva a que tampouco haxa man de obra para tarefas básicas como o emprego de maquinaria agrícola

Tamén é necesaria unha maior divulgación e explicación das novas posibilidades que ofrecen estes instrumentos, xa que hai moitos aspectos que os produtores agrarios aínda descoñecen, como a posibilidade de impulsar polígonos agroforestais de iniciativa privada ou o feito de que as parcelas incorporadas nestes instrumentos, incluído o Banco de terras, teñen acceso aos dereitos de axuda básica da reserva nacional da PAC.

-A falta de relevo xeneracional nas explotacións agrogandeiras é un dos principais desafíos para a sustentabilidade do rural galego. Por qué? 

Non é un problema único de Galicia, como demostra o feito de que se está a converter nunha das principais preocupacións dos responsables do sector agrario na Comisión Europea e é obxecto de crecente atención na PAC.

O informe sobre o relevo xeracional no sector agrario galego, elaborado por Edelmiro López, profesor da USC, e Quico Ónega, investigador do LaboraTe, para o Foro Económico de Galicia, afonda neste tema e identifica entre os obstáculos, a dificultade de acceso a terra, a imaxe do sector, os servizos no rural, a falta de capital, o acceso ao crédito ou a carencia de servizos técnicos.

No LaboraTe, dende hai anos estanse impulsado iniciativas, coordinadas por Quico Ónega, destinadas a aportar respostas e propostas para facer fronte a este reto, como foi o grupo operativo Terractiva, que tiña como obxectivo mellorar as capacidades técnicas e xerar recursos para  apoiar ás persoas entrantes que se incorporan por primeira vez á agricultura e gandaría.

O despoboamento non é un problema exclusivo de Galicia e xa supón unha preocupación principal para a Comisión Europea

Neste momento, continuamos traballando neste tema a través de proxectos como o grupo operativo TERRANOVA, liderado pola Fundación Juana de Vega e orientado a favorecer o relevo xeracional no sector agrario, dinamizando e fortalecendo os ecosistemas territoriais de apoio, ou o POCTEP GREENSEED destinado a favorecer o emprendemento en bioeconomía.

-Sen embargo, dende a conselleira do Medio Rural destácase que dende o 2009 máis de 5.000 mozos e mozas se incorporaron ao agro, pero ao mesmo tempo só o 3,9% dos titulares das explotacións agrogandeiras son menores de 35 anos . Hai que reformular estas axudas porque parece que boa parte das incorporacións non siguen activas pasados os 5 anos obrigatorios dende que se recibe a axuda?

Está claro que para afrontar este reto non é suficiente con manter as tradicionais axudas de incorporación. En Galicia, a estratexia de intervención no medio rural no horizonte 2030 elaborada pola Consellería do Medio Rural en 2021 establecía como unha das oito liñas estratéxicas o impulso ao relevo xeracional na agricultura a través de catro subliñas: acceso á terra e explotacións agrarias; apoio á instalación e creación de empresas agrarias; formación, titorización e asesoramento; sensibilización e información.

Do Foro derivouse una listaxe de medidas para favorecer a remuda agraria, como a creación de programas de mentorización para novos entrantes e de itinerarios integrais de incorporación agraria, o acceso á terra a través dos instrumentos de mobilización e recuperación da terra agraria, a modificación das axudas para permitir que cheguen a pequenos proxectos e que permitan incorporacións graduais ou actividades a tempo parcial, o reforzo do Banco de explotacións, etc.

-Poden ser os novos entrantes, tanto galegos como inmigrantes, unha das solucións ao problema da falta de remuda?  En que exemplos nos podemos fixar noutros países?

O informe do Foro Económico de Galicia conclúe que o modelo tradicional de sucesión familiar resulta hoxe insuficiente para asegurar taxas de relevo axeitadas. Por iso, o relevo xeracional na agricultura ten gañado importancia na PAC co paso do tempo.

Parece claro que hai que revisar a política de subvencións e axudas a incorporación porque non están freando a falta de relevo

Non son especialista neste tema, pero como en grande medida está vinculado con facilitar o acceso á terra, podo dicir que sempre son unha referencia as SAFER de Francia ou o servizo de mobilidade de terras de Irlanda, aínda que en número de persoas mozas responsables de explotacións parece que tamén destaca Austria.

A estratexia da Alianza pasa por crear paisaxes mosaico que combatan os lumes forestais

A estratexia da Alianza pasa por crear paisaxes mosaico que combatan os lumes forestais

-En que proxectos está a traballar no Laboratorio do Territorio da USC? 

Ademais dos encamiñados a favorecer a remuda agraria e o emprendemento rural, seguimos a traballar na ordenación do territorio, con dous proxectos que tratan de integrar a planificación dos usos agrarios e dos servizos ecosistémicos a través da infraestrutura verde.

Un destes proxectos céntrase na planificación da infraestrutura verde en zonas multifuncionais, onde debe compatibilizarse a provisión dos servizos ecosistémicos coa actividade humana, que na maior parte do territorio corresponde aos usos agroforestais.

O outro proxecto, en colaboración co GDR Terra e Auga e os concellos de Ribeira de Piquín e Carballeda de Avia, aborda o desenvolvemento real de sistemas agrarios multifuncionais nos que se acaden sinerxías entre a produción agraria e os servizos ecosistémicos.

De cara o futuro, queremos seguir desenvolvendo e aplicando en casos reais tecnoloxías que xa temos desenvoltas, como AGRUPE, un algoritmo que facilita as permutas entre parcelas con modificación de lindeiros, e OpenRULES, un software para optimizar a ordenación dos usos agrarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información