A subida de prezos do penso, alimentos e enerxía continuará polo menos até o primeiro trimestre de 2022

Máis de 130 representantes da alimentación animal analizaron a situación do sector no marco do X Foro Galis que se celebrou este venres en Santiago

Participantes no Foro GALIS, organizado por AGAFAC

Participantes no Foro GALIS, organizado por AGAFAC

O incremento dos custos de produción, unha demanda cada vez maior e a crise de subministracións son os principais responsables de que a subida de prezos que se produce en case todos os elos da cadea de alimentación siga imparable até polo menos o primeiro trimestre de 2022. Así o afirman a maioría dos expertos e así o sostivo este venres en Santiago José María O´Kean, catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Pablo de Olavide de Sevilla e profesor do IE Business School.

O experto participou  na décima edición do Foro Galis, organizado no hotel Oca Porta do Camiño pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac). Ao encontro asistiron máis de 130 representantes do sector e o acto de clausura presidiuno o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta, José Balseiros.

O´Kean pronunciou a conferencia “Previsións 2022: tendencias, mercados financeiros, transformación dixital e estratexias innovadoras” e na súa intervención asegurou que a posibilidade dunha baixada dos prezos a curto ou medio prazo será difícil porque a conxuntura económica é moi complicada. “Hai unha chea de neboeiros: a electricidade, as subministracións, a inflación”, dixo ao auditorio.

Recuperación “gradual”

Partidario de falar dunha “era postvacina” en lugar dunha “era postcovid”, o catedrático mostrouse convencido de que teremos que convivir co virus porque “o covid queda, será como unha gripe e terémonos que afacernos”. Así, cun escenario económico e social cheo de incertezas e cunha débeda pública “disparada”, nada fai prever que en España asistamos a unha baixada de prezos, senón máis ben todo o contrario. “A subida de probablemente será xeneralizada até polo menos o primeiro trimestre de 2022”, sinalou. “Tras un ano de pandemia, a demanda creceu moito e a produción non puido adaptarse”, subliñou.

Porén, o catedrático insistiu en que España non atravesa unha situación tan crítica como no ano 2008: “Non creo que podamos falar de recesión, pero a recuperación económica -advertiu- non será rápida, senón gradual”.

O X Foro Galis reuniu en Santiago a provedores e representantes das principais fábricas de pensos de Galicia. Trátase dun encontro moi esperado polo sector que tras máis dun ano de pandemia puido volver celebrar de forma presencial, cumprindo todas as medidas de seguridade establecidas fronte ao Covid-19, o seu tradicional encontro anual.

Galicia, no ranking nacional

O presidente de Agafac, Javier Barcia, presidiu o acto de apertura e lembrou os momentos complicados que atravesa o mundo agroalimentario cos mercados financeiros, os custos e as subministracións esenciais como a luz e o gas desbocados. “É a tormenta perfecta”, lamentou á vez que mostrou o apoio incondicional do sector aos gandeiros. “Somos moi conscientes da dificultade que teñen para repercutir os incrementos dos seus custos e dos baixos prezos que adoitan recibir polos seus produtos. Trasladar os aumentos dos custos ao seguinte elo da cadea en cumprimento das lóxicas regras do mercado e da Lei da Cadea Alimentaria é de xustiza”, afirmou.

No seu reencontro tras a pandemia (en 2020 o foro realizouse online), Barcia lanzou unha mensaxe de optimismo porque “fronte a esta realidade, en Agafac apostamos pola unidade, a colaboración e a formación como fórmula para construír un mellor futuro para o sector da alimentación animal”, subliñou.

Pola súa banda, o director de Agafac, Bruno Beade, avanzou o estudo sectorial da alimentación animal en Galicia onde explicou que Galicia, que o pasado ano produciu 3.295.000 toneladas, continuou sendo en 2020 unha das principais comunidades autónomas na produción de pensos en España, ocupando a quinta posición do ranking.

Na súa exposición, Beade destacou a perda de liderado de Europa na produción de pensos a nivel mundial fronte á rexión Asia-Pacífico, que ocupa o primeiro posto co 37% da produción mundial, o que sitúa a este mercado sete puntos por riba de Europa.

Doutra banda, o sector aproveitou o encontro para render unha homenaxe a un dos precursores de Galis, Jesús Méndez, con motivo da súa xubilación. Galis é o sistema de control creado en 2005 baixo o paraugas de Agafac e que realiza a diario mostraxes representativas das cargas dos barcos e das materias primas depositadas nos almacéns portuarios.

Así mesmo, o evento contou coa participación do tenor José Manuel Zapata, que pronunciou a conferencia “Como dar o do de peito?”, mentres que o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta, José Balseiros, clausurou o foro tras destacar a contribución de Agafac á calidade alimentaria. “Temos que empezar a presumir do noso talento”, indicou Balseiros, que instou o sector a potenciar e pór en valor “este selo de calidade”, en alusión a Galis.

Sobre Galis e Agafac

A Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos de Galicia (Agafac) é unha organización profesional creada para defender os dereitos dos fabricantes de pensos galegos. A entidade ten un sistema de seguridade alimentario propio para controlar as materias primas (soia, millo…). É o sistema Galis, creado en 2005 e pioneiro en España, que conta co aval da Xunta de Galicia.

Na actualidade, en Galis están integradas un total de 56 fábricas que representan o 96% da produción de pensos de toda a comunidade autónoma.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información