A sinistralidade laboral no sector agrogandeiro e forestal caeu en Galicia un 16% no 2020

A sinistralidade laboral no sector agrogandeiro e forestal caeu en Galicia un 16% no 2020

O Plan de actividades do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) para 2021 dará prioridade á Unidade de referencia covid-19 e ás campañas de prevención de riscos laborais en eidos como a pesca, a agricultura e o sector forestal. O obxectivo principal do Plan do Issga, que depende da Consellería de Emprego e Igualdade, é promover a prevención de riscos laborais nos centros de traballo e seguir loitando contra a sinistralidade laboral, como aconteceu en 2020, que pechou cun 24,45% menos de accidentes no traballo en xeral, e que no sector agrogandeiro e forestal caeu un 16%

O Plan de actividades foi deseñado co consenso das organizacións sindicais e empresariais e se enmarca na Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo que foi aprobada no seo do Diálogo Social.

Sector forestal

No ámbito forestal desenvolverase un programa de prevención de riscos e redución de accidentes na industria do sector, nas operacións de maior sinistralidade no traballo no monte, e investigación causal. Tamén se realizarán visitas aos centros de traballo da industria madeireira.

O obxectivo da Xunta de Galicia é achegar información sobre o uso seguro de equipos, en particular no manexo de maquinaria forestal, mediante cursos de información e formación de carácter practico. Estase a dar continuidade ao grupo de traballo con técnicos do sector que ven funcionando dende o ano 2017, para atallar a recorrencia dos accidentes, en moitos casos graves e mortais, nas operacións de tala nos montes, para a proposta e asunción de medidas correctoras e preventivas.

Sector agrario e gandeiro

Polo que se refire ao sector agrario e gandeiro, realizaranse campañas de sensibilización sobre o manexo seguro de maquinaria agrícola, especialmente en relación co uso do tractor e a seguridade viaria relacionada con este vehículo.

De feito, a Consellería de Emprego e Igualdade iniciou xa as actividades formativas dirixidas a alumnado e profesorado da Formación Profesional en Galicia no marco da campaña A túa vida sen voltas. Trátase de fomentar o uso seguro do tractor e que se aumente o número de tractores provistos de estrutura de protección e cinto de seguridade.

A Xunta pretende acadar con esta actuación a concienciación mediante a formación e a información respecto ao risco de envorco e as súas consecuencias entre os futuros profesionais do sector. Para avanzar vén de completarse ademais a distribución de exemplares dun documento técnico co fin de chegar ao maior número posible de agricultores, gandeiros, traballadores forestais e todos aqueles que teñan relación coa utilización do tractor no agro galego.

Unidade covid-19

A unidade de referencia covid-19 púxose en marcha para afrontar a emerxencia sanitaria na contorna laboral e seguirá a traballar coa súa dobre finalidade: apoiar ao tecido empresarial galego na implantación das medidas necesarias para loitar contra a covid-19 e dar resposta especializada aos diferentes sectores económicos para garantir a saúde laboral nos centros de traballo. A unidade constitúe unha das actuacións preferentes e prioritarias do Issga, que incidirá sobre todo na disciplina de hixiene industrial e medicina no traballo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información