
– Este ano contabades coa asistencia de representantes doutras razas porcinas minoritarias de España. Cóntanos como foi a experiencia e en que ámbitos estades a colaborar
Xa está moi avanzada a creación da Federación Española de Razas Minoritarias Porcinas (FERAMPOR). Que nace co fin de protexer o patrimonio xenético e promover o mercado dos animais de seis razas.
O proxecto de colaboración con outras razas minoritarias de porcino do resto da península comezou hai anos a raíz dunhas xornadas técnicas nas que coincidimos con membros doutras asociacións. As xornadas tiveran lugar en Lugo e daquela estiveran representados, ademais do porco celta, o gochu asturiano, o chato murciano, o cochino negro canario e o porc negre mallorquí. Posteriormente engadiuse tamén o euskal txerría, do País Vasco.
A colaboración con outras razas minoritarias de porcino permite buscar respostas áxiles a problemas comúns
A idea era a de poder colaborar en aspectos administrativos, técnicos ou promocionais de forma conxunta. Porque representamos a cabanas de gando pequenas e somos asociacións pequenas. De feito, todas estas razas seguen estando en perigo de extinción. Aínda que todas medramos en número de cabezas ano tras ano.
Tamén detectamos problemáticas comúns que podían abordarse de forma máis efectiva se estableciamos canles de colaboración. Froito deses primeiros contactos, xa temos proxectos conxuntos con algunhas das razas.
– A presenza na Semana Verde é xa unha data fixa no calendario de Asoporcel. Cal é para vós a súa importancia?
Para os criadores de porco celta é fundamental estar representados na Semana Verde de Silleda. Levamos moitos anos asistindo. E estamos presentes tanto no pavillón de gandería como no de alimentación. Dese xeito, os visitantes coñecen de primeira man tanto as características da raza como as dos produtos cárnicos que se elaboran coa súa carne.

Asoporcel estivo acmpañada doutras razas autóctonas galegas englobadas na Federación Boaga
Tentamos que sexa unha participación dinámica e interactiva, de xeito que as persoas que nos visitan poidan ter toda a información que precisen por parte de técnicos e de criadores. E que proben as diferentes e abondosas elaboracións que ofrece o porco celta.
Na Semana Verde acudimos os pavillóns de gandería e alimentación para que se poida coñecer todo o ciclo produtivo
Ademais dos postos e stands que levamos como Asoporcel, tamén hai operadores que forman parte da asociación e que acuden de forma independente para amosar expoñer o traballo que fan como criadores e informar dos seus métodos.
– Que actividades desenvolvedes na feira?
Levamos xa oito edicións do noso concurso morfolóxico en Silleda. Son concursos que teñen moito seguemento porque non son habituais no sector porcino. Este ano viñeron 54 exemplares procedentes de 22 ganderías. Os xuíces teñen que elexir o mellor macho reprodutor, a mellor femia reprodutora e o mellor animal de recría.
Nesta edición, a gran novidade foi unha actividade dirixida en exclusiva aos máis cativos. Porque eles son o futuro da gandería. Tanto como consumidores o día de mañá como posibles continuadores da cría desta raza autóctona, senlleira e milenaria.

Os máis cativos desfrutaron dun videoxogo interactivo para coñecer o porco celta
Sen esquecer que tamén serán hostaleiros, carniceiros, propietarios de tendas, veterinarios, enxeñeiros agrónomos e moitas outras profesións vencelladas aos porcos. Queremos que saiban como é a raza, onde se cría, que se obtén dela…e que beneficios económicos, sociais e ambientais aporta a Galicia.
Este ano demos prioridade os cativos porque son o futuro da sociedade e algúns deles serán os responsables da raza o día de mañá
O que fixemos, no pavillón de gandería, foi concertar visitas de centros de ensino primario. Os alumnos e alumnas puideron adquirir coñecementos sobre o porco celta a través dun sinxelo videoxogo interactivo de preguntas e respostas.
– Aínda que levades case 27 anos traballando, segue sendo imprescindible a promoción e divulgación?
Nós traballamos moito os aspectos técnicos e sanitarios. Mellora xenética, estudos sobre alimentación, modelos de manexo e melloras dos mesmos, sanidade e bioseguridade das granxas…e con especial coidado en manter os métodos ancestrais de cría en extensivo, se ben non pechamos a porta a ningún sistema.
Froito dese traballo de 27 anos xa, estamos a conseguir un libro xenealóxico rigoroso e exhaustivo, unha crecente profesionalización do sector e unha oferta cárnica que vai moito máis aló das tradicionais salgaduras, embutidos e frescos. E sempre antepoñendo os criterios de calidade.
A promoción é imprescindible para que se coñezan os nosos métodos tradicionais e artesanais e o resultado dos mesmos
Pero todo ese traballo tería pouco sentido se non fose acompañado dun intenso labor de promoción. Hoxe en día é imprescindible acudir a todo tipo de eventos para dar a coñecer o que fan os criadores e como o fan. Porque queremos que nos vexan e nos pregunten. Así, entenderase o que facemos e chegará a máis lugares.
E tamén para que, unha vez que nos coñecen, haxa máis persoas que se decidan a montar unha explotación, independentemente do tamaño que teña. Coa promoción tamén se consegue ampliar o número de gandeiros e de animais. Pero a promoción ten que ser constante: hai que darse a coñecer e lembrarlle a quen xa te coñece ques segues aí e que segues innovando e mellorando.
– Que credes que aporta a vosa presenza na Semana Verde?
Modestamente, consideramos que a presenza de Asoporcel, dos operadores, dos produtos e dos animais na Semana Verde aporta un plus. E esto vale para todas as razas autóctonas de calquera especie presentes no feiral.
Porque o visitante pode comprobar a existencia de exemplares, elaboracións e modelos de cría diferentes dos convencionais e que aportan un elemento diferenciador. Especialmente no tocante a métodos artesanais e tradicionais e os elementos de conservación do territorio.
Cremos que na Semana Verde aportamos o elemento diferenciador que supoñen as razas autóctonas e a tradición
Ademais, contribuímos a manter a biodiversidade mediante a conservación dun patrimonio xenético propio de Galicia. Esto é algo que os visitantes nos trasladan como un elemento positivo. Así como a calidade dos produtos cárnicos, que é o noso principal motor.

Dar a coñecer os produtos cárnicos é unha das actividades principais, xunto co coñecemento da raza
– Que actividades ides desenvolver o resto do ano?
No relativo á liña de promoción, temos previstas actividades practicamente todas as fins de semana nos vindeiros meses. De maior ou menor dimensión, todas elas son importantes. Ata a máis pequena de todas as festas ou feiras é relevante porque reafirma o noso compromiso co concepto de proximidade.
E, por suposto, seguiremos co noso traballo diario de asesoría e acompañamento ás granxas. Co obxectivo claro de incrementar granxas e animais e con criterios o máis profesionalizados posible. Esa é a parte menos visible do noso labor pero a máis importante.

Galego









Control OJD