
Interior da zona de cultivo en Néboda Farms. Foto: Cedida
O proxecto AGRI-RESVAL representa unha iniciativa pioneira na procura de solucións innovadoras e sostibles para as industrias agrícola e pesqueira. O seu obxectivo primordial é a revalorización de residuos agrícolas, especificamente os descartes e refugallos xerados no cultivo de nébeda ou albáfega (Ocimum basilicum L.), para obter extractos naturais ricos en compostos antioxidantes.
Estes extractos están deseñados para inhibir a oxidación lipídica en produtos pesqueiros, un problema que causa a aparición de rancidez, a produción de compostos tóxicos e a perda de calidade nutritiva. Ao abordar este desafío, AGRI-RESVAL busca preservar a calidade alimentaria e as propiedades organolépticas dos produtos pesqueiros, prolongando a súa vida útil e fomentando así a economía circular no sector.
Oíches falar de vexetais producidos en fábricas? A empresa líder neste consorcio, Néboda Farms, é así como produce os seus cultivos. É unha startup viguesa de agricultura vertical de interior (Vertical Indoor Farming), que cultiva, maioritariamente nébeda ou néboda, no interior dunha pequena nave industrial no polígono de Fragosiño. Néboda deseñou e construíu o seu propio sistema de produción, que se distingue pola súa elevada capacidade de automatización a baixo custo e a súa optimización no uso do espazo e recursos.
A diferenza dos cultivos tradicionais en campo aberto, con este sistema é posible monitorear e manipular as condicións de cultivo (iluminación, solución de rega, temperatura, humidade etc.)/ etc.) o que permite incrementar de forma precisa o perfil de compostos antioxidantes nas plantas de nébeda, sen que se vexa comprometida a calidade da planta para a súa comercialización. Ademais, o sistema de cultivo de Néboda garante unha produción libre de patóxenos sen necesidade do uso de pesticidas, o que garante a seguridade e sustentabilidade do seu produto.
Este enfoque innovador alíñase cos obxectivos da Política Agraria Común (PAC), promovendo a modernización agraria, a innovación e a dixitalización, mentres minimiza o uso de solo fértil, reduce o consumo de auga e fertilizantes, e emprega enerxías renovables e tecnoloxías de captura de carbono.
A nébeda: Un cultivo estratéxico e adaptable
A nébeda é unha planta popular en todo o mundo, non só polo seu uso culinario fresco ou seco, senón tamén polas súas propiedades medicinais. É unha rica fonte de compostos fenólicos e aceites esenciais, o que lle confire unha elevada capacidade antioxidante e anticanceríxena. A súa facilidade de cultivo e a súa excelente adaptación aos sistemas hidropónicos e de agricultura de ambiente controlado convértena nun cultivo de alta rendibilidade.
Un aspecto clave do proxecto AGRI-RESVAL é que se aproveitan tanto os descartes das partes aéreas (follas e talos que non cumpren cos estándares comerciais) como os refugallos de raíz para a extracción dos compostos bioactivos.

Parte aérea e radicular durante o cultivo de nébeda.
O poder do espectro lumínico na produción de antioxidantes
Sabías que a luz non só axuda ás plantas para medraren, senón que tamén pode influír directamente no seu valor nutricional? Grazas á tecnoloxía LED, hoxe é posible modular a calidade e a cantidade de luz que reciben os cultivos, logrando que produzan máis antioxidantes naturais.
A clave está en dous factores: o espectro da luz (é dicir, as lonxitudes de onda ou “cores” que se emiten, como a luz azul, vermella ou ultravioleta) e a intensidade lumínica (a cantidade de enerxía luminosa que chega á planta). A luz LED permite seleccionar as lonxitudes de onda e intensidade que estimulan os procesos fisiolóxicos que máis nos interesan nas plantas. Por exemplo, comprobouse que a luz azul estimula a produción de certos antioxidantes, mentres que a luz vermella potencia o crecemento da planta e a súa eficiencia fotosintética. Ao combinar estes factores de maneira estratéxica en contornas controladas —como cultivos verticais— os agricultores poden guiar o metabolismo das plantas para producir compostos desexados, mellorar a súa calidade nutricional, aumentar o rendemento do cultivo, mellorar o seu sabor e reducir o uso de químicos.

Iso si, non todas as plantas responden igual. Cada especie, e mesmo cada variedade, pode reaccionar de forma diferente a un mesmo tipo de luz. Por iso, non existe unha fórmula única: necesítase investigación e axustes específicos para cada cultivo.

Efecto da iluminación azul (esquerda) e vermella (dereita) sobre os roteiros metabólicas da nébeda.
Agricultura de precisión: O futuro do sector.
En Néboda Farms, a innovación é parte do día a día. Ademais de cultivar alimentos frescos de maneira sostible, o equipo está a levar a cabo experimentos para non só mellorar a calidade dos seus cultivos, senón que tamén os descartes e refugallos poidan ser revalorizados xerando o mínimo desperdicio.
Nas súas instalacións están a desenvolver cultivos baixo condicións experimentais controladas, nas que aplican distintas combinacións de luz artificial (como luces LED con diferentes espectros) e fertilizantes en diversas concentracións. A idea é atopar a fórmula perfecta: unha combinación de luz e nutrientes que non só favoreza o crecemento saudable da planta, senón que tamén potencie o seu perfil químico, é dicir, o seu contido en compostos beneficiosos como antioxidantes e aceites esenciais. E todo iso sen perder de vista o seu aspecto, recendo e frescura, calidades clave para a súa venda directa como produto fresco.
Este tipo de ensaios forma parte dunha tendencia global na agricultura de precisión, onde a tecnoloxía permite afinar cada variable da contorna de cultivo. No caso de Néboda Farms, o obxectivo é claro: ofrecer unha nébeda saborosa, saudable e cultivada de forma eficiente, á vez que se aproveitan todos os recursos producidos para xerar outros produtos que sirvan de solución aos problemas aos que se enfronta o sector agrícola e pesqueiro.
Este proxecto* conta cun orzamento de 140.000,00€ totalmente subvencionado e é liderado por Néboda Farms e inclúe a participación do grupo de investigación AgroBioTech for Health da Universidade de Vigo e de FEUGA, e como empresa subcontratada contan coa colaboración do Grupo Nueva Pescanova.

* O proxecto AGRI-RESVAL está financiado polas axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas nun 80% co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027 con fondos propios da Xunta de Galicia nun 14% e con fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 6%. A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega á que lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais no ámbito rural, e engloba as competencias en materia de agricultura, gandería, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais. Orzamento total de proxecto: 140.000,00 € (100% subvencionado).
Autores:
Samuel López Novoa, Néboda Farms.
Beatriz Giráldez Sanjuán, Néboda Farms.
Galego









Control OJD