A rotación do trigo galego con outro cultivo mellora un 60% o seu rendemento

A tese de doutoramento realizada no Campus Terra da USC polo enxeñeiro agrónomo Fernando Almeida baixo a dirección de Santiago Pereira e Benigno Ruiz, demostra que rotación de cultivo de trigo local reduce as impurezas e as enfermidades, mentres que o monocultivo presenta incidencias negativas en todas as variables

Publicidade
A rotación do trigo galego con outro cultivo mellora un 60% o seu rendemento

A rotación do cultivo de variedades de trigo autóctono permite acadar importantes melloras no rendemento das producións, ao tempo que contribúe a reducir as impurezas relacionadas coa presenza doutro tipo de sementes e ata diminúe as enfermidades, segundo se desprende la investigación de doutoramento que vén de presentar na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC o enxeñeiro agrónomo Fernando Almeida García baixo o título ‘Avaliación do trigo autóctono panificable dentro dun sistema de rotación sostible’.

A investigación de doutoramento, co dirixida polos profesores Santiago Pereira Lorenzo e Benigno Ruiz Nogueiras, afonda na avaliación da resposta que ofrece o trigo autóctono (Triticum aestivum L.) en rotación con Lupinus albus L. doce, incluíndo un ano de barbeito fronte ao monocultivo. O traballo de experimentación e investigación realizado por Fernando Almeida prolongouse durante 3 anos e permitiu analizar 12 variables de resposta no terceiro ano, parámetros en gran medida vencellados ao rendemento e á calidade panadeira, ademais e estudar o balance económico global nas distintas sucesións de cultivos propostas.

As plantacións experimentais fixéronse na localidade de Tabeaio, no concello de Carral (A Coruña), onde se empregou un deseño de bloques completamente aleatorio con catro repeticións, 3 tratamentos (tres tipos de rotacións de cultivos con trigo local) e dous tipos de trigo autóctono, polo que se contabilizaron un total de 24 unidades experimentais.

Os resultados mostran como a rotación influíu no rendemento de gran, nas impurezas en forma de sementes doutras especies, no peso hectolitro e no peso de mil sementes. O monocultivo afectou negativamente ás variables anteriores, subliña o investigador. As conclusións desta tese de doutoramento advirten asemade da inexistencia de diferenzas significativas noutros parámetros relacionados coa calidade da panadería, tales como poden ser proteínas, glute húmido, forza panadeira (W), elasticidade (L), tenacidade (P) e grao de inchazón (G).

A calidade do solo, segundo se conclúe na investigación, inflúe na calidade do trigo independentemente da rotación, dado que un maior contido en materia orgánica e menor de fósforo redunda nun cereal con máis forza panadeira e máis tenacidade. Alén desta particularidade, Fernando Almeida salienta na súa tese de doutoramento que as rotacións teñen un efecto positivo no rendemento, un impacto positivo que chega ata o 62%, así como na redución de enfermidades e malas herbas.

Mellora económica

Respecto do balance económico, a investigación observa unha importante mellora económica na sucesión barbeito – Lupinus albus – trigo, con respecto á repetición de cereais, debido á importante baixada do rendemento do monocultivo no terceiro ano. Doutra banda, a avaliación do ciclo de vida de diferentes rotacións con variedades locais de trigo presenta un efecto positivo destas variedades nas rotacións e na produción de pan. A menor dependencia de fertilizantes e fitosanitarios, sumada ao beneficio da maior achega de residuos ao solo, confírenlle un mellor perfil ambiental, conclúe.

A temática da investigación desenvolvida por Fernando Almeida antóllase máis que pertinente na actual conxunta social, na que o trigo é a base da dieta de case tódalas sociedades. Cultivado na maioría das rexións fértiles do mundo, o trigo é o segundo cereal máis producido do planeta. As variedades autóctonas de trigo brando tiveron un importante papel no sector da panadería galega, aínda que, a pesar da súa escaseza, houbo empresas privadas e entidades públicas que apostaron por conservar e mellorar as calidades deste trigo, fomentando o seu cultivo e investigando o seu comportamento agronómico e a calidade panadeira. Asemade, cómpre non esquencer que o trigo autóctono tivo un papel importante na aprobación da recente Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego ratificada en 2020.

Tribunal de tese e cualificación

O profesor da Universidade de Oviedo José Alberto Oliveria Prendes presidiu o tribunal encargado de avaliar esta tese de doutoramento, un xurado do que tamén formaron parte a profesora da USC na EPS de Enxeñaría Belén Díaz Hernández e o investigador do CIAM (Agacal) Luis Urquijo Zamora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información