A Rosaleira, grelos de Galicia que saben como os da casa

Visitamos A Rosaleira, unha empresa de conservas vexetais que ten o grelo como o seu produto estrela. Inscrita en Galicia Calidade dende o ano 2011, a súa estratexia pasa por sacar ao mercado novos produtos e incrementar as exportacións.

Publicidade
A Rosaleira, grelos de Galicia que saben como os da casa

Poder degustar un cocido galego ou un revolto de grelos en calquera lugar do mundo e durante todo o ano. Iso é posible dende hai máis de corenta anos grazas a A Rosaleira, unha empresa do Grupo Terras Gauda, situada no municipio pontevedrés de O Rosal e adicada á elaboración de conservas vexetais ao estilo tradicional. O grelo ao natural é o seu produto estrela e supón máis do 70% da súa facturación.

Para Susana Jardón, responsable de calidade de A Rosaleira, “a clave do noso éxito penso que está na calidade dos nosos grelos e que son elaborados como os cociñados na casa”. “De feito -subliña- temos realizado catas a cegas e a xente non nota a diferencia cos caseiros”.

Este ano A Rosaleira prevé seguir aumentando as súas vendas arredor dun 8% nos principais canais de distribución: supermercados, hostalaría e aprovisionamento de buques. Ofrecen grelos en conserva en distintos tamaños (425 gramos, 850 e 2.650 gramos) para adaptarse ás demandas dos clientes. “É un produto saboroso, nutritivo e fácil de preparar -só se precisa abrir a lata e quentalos- que se adapta ao estilo de vida actual”, salienta Susana Jardón.

Desde os navais de Ordes ás mesas de todo o mundo

A materia prima coa que traballan é a variedade “Grelo de Santiago” e procede de Ordes, unha comarca “greleira” por excelencia, onde aínda hoxe as labregas manteñen a venda directa de grelos ás beiras da estrada Santiago-A Coruña. A compra é directa aos produtores, cos que A Rosaleira traballa dunha forma estable, asesorándoos sobre abonado, momento óptimo de corte..etc.

“Os produtores deben estar certificados na IXP Grelo de Galicia, levar un control exhaustivo dos seus libros de aplicación de produtos fitosanitarios e, sobre todo, que nos aseguren unha produción de grelo tanto no verán como no inverno para as dúas campañas de envasado: de outubro a abril e de mediados de maio e mediados de xullo”, salienta Susana Jardón. A empresa compra sobre 400 kilos diarios de grelo a cada produtor, o que supón un importante ingreso para a economía do medio rural.

 “A gran cualidade dos nosos grelos é que saben como se foran feitos na casa”

O proceso de elaboración das conservas é moi manual e dá emprego durante a campaña a 22 mulleres da comarca do Rosal. O primeiro paso é un control de entrada dos manoxos, cada un dos cales leva unha identificación da produtora, para poder seguir en todo momento a trazabilidade da agricultora que os cultivou. Unha vez realizado un control de calidade dos grelos, as traballadoras da planta de envasado córtanlles o talo e desbotan as follas que non reúnen as calidades óptimas. A continuación, o produto pasa por un proceso de lavado para despois sometelo a un escaldado. O seguinte paso é un arrefriado para que os grelos non sigan recocendo. Por último, procédese ao seu envasado, un proceso que se realiza de forma manual. “Só lles engadimos auga e sal, pechamos e envasamos ao baleiro no autoclave”, explica Susana.

E listos para desfrutalos en cocido, en revolto, en lasaña, en crema….“A gran cualidade dos nosos grelos é que saben como os caseiros e vemos como cada vez máis xente quere comelos todo o ano e en calquera parte de España”, salienta a técnica de Calidade de A Rosaleira.

Plans de futuro: desenvolvemento de novos produtos

En canto aos plans de futuro, Antón Fonseca, vicepresidente do Grupo Terras Gauda asegura que “a estratexia na que traballamos é ter unha continuidade durante todo o ano, e non depender só do grelo, que representa arredor do 70% das nosas vendas”.

Así, ademais da liña de tomate en conserva, tanto á zaragallada (tomate con pemento e cebola) como á fritada (tomate con pemento), A Rosaleira ven de sacar ao mercado unha conserva de cebola en aceite de oliva. “Todo sen aditivos, sen colorantes e 100% natural”, salienta Antón Fonseca. Ademais, están a traballar en novos produtos que esperan presentar ao longo deste ano.

Recepción dos grelos

O CSIC confirma os efectos anticanceríxenos dos grelos

¿Cal é a mellor forma de conservar os grelos e como conseguir as variedades máis nutritivas? Para dar resposta a esta pregunta e mellorar a calidade das súas conservas, A Rosaleira traballa dende o ano 2010 no Galiat 6+7, un proxecto conxunto co Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Os primeiros resultados conclúen que o enlatado é o proceso que mellor mantén nos grelos os compostos fenólicos, que actúan como antioxidantes, atrasando de forma natural o avellentamento.

“Os grelos teñen unha concentración moi destacada de glucosinolatos, uns compostos anticanceríxenos”

Ademais, unha segunda liña de investigación do Grupo de Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas da Misión Biolóxica de Galicia, dependente do CSIC, confirmou que os grelos teñen unha concentración “moi destacada” de compostos anticanceríxenos, en concreto os glucosinolatos e os seus derivados, os isotiocianatos. Neste sentido, os investigadores do CSIC recomendan incluír os grelos na dieta habitual, xa que ademais son ricos en proteínas e vitaminas A, E e C e fonte de minerais como o ferro, o potasio ou o calcio.

Por último, A Rosaleira está estudando en colaboración co CSIC a busca de subvariedades do grelo cun maior valor nutricional e con máis compostos antioxidantes.

A Rosaleira: elaborando conservas vexetais dende o ano 1936

Conservas A Rosaleira naceu no ano 1936 da man do antigo alcalde e mestre do Rosal, José Sánchez García. A súa intención era darlle unha saída comercial aos produtos hortícolas da zona, creando emprego e riqueza na contorna. “El introduciu o mirabel desde Alemaña e para comercializar a produción utilizou a conserva. Hoxe seguimos elaborándoo pero só representa arredor do 2% da facturación”, explica Susana Jardón. O grelo empezouno a comercializar a segunda xeración da familia Sánchez García nos anos 70 do pasado século.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información