A revisión catastral deixa sen becas de estudos ós fillos de gandeiros

A convocatoria do Ministerio de Educación marca un límite para o valor das fincas rústicas que excederán a maioría das explotacións tras incluirse no Catastro as granxas e naves. Unións Agrarias pide que o Ministerio modifique ese criterio

A revisión catastral deixa sen becas de estudos ós fillos de gandeiros

Unións pide un cambio dos criterios na concesión de becas.

Cando se remate en Galicia a actualización do Catastro de Rústica, agora en revisión, o valor catastral das granxas, pendellos e invernadoiros pasará a incorporarse de xeito formal ó patrimonio de agricultores e gandeiros, tanto ós que estean en activo coma ós xubilados. Esa inclusión no patrimonio das granxas, que antes non se viñan considerando a efectos de Catastro, terá consecuencias directas para os fillos e fillas dos profesionais do agro, pois impediralles o acceso ás becas de estudo do Ministerio de Educación. Unións Agrarias demanda a inmediata modificación da norma.

“É falso que ter unha nave gandeira, moitas veces con graves débedas, sexa un privilexio que faga innecesaria a beca”

A convocatoria 2015 de becas de estudos establece que, para optar a unha bolsa, a suma dos valores catastrais das fincas rústicas da unidade familiar, dividida entre o número de membros da familia, non pode superar os 13.130 euros por cada membro computable. É dicir, por exemplo, unha unidade familiar de catro membros que teña instalacións gandeiras valoradas en 100.000 euros tocaría a 25.000 euros por persoa, co que superaría amplamente o límite marcado por Educación.

A revisión catastral estase a acometer en Galicia desde fai un par de anos. Xa hai concellos nos que concluiu e outros nos que está en marcha. Desde Unións Agrarias sinalan que nos concellos onde rematou a revisión, déronse xa casos de fillos de gandeiros que perderon a beca no curso 2015-2016, un problema que se podería extender para os vindeiros cursos.

Valoracións
“O límite establecido por Educación é un absurdo” -valora o secretario de Desenvolvemento Rural de Unións, Jacobo Feijoo-. “É falso que o feito de contar cunha nave no patrimonio da explotación, moitas veces en situación de grave endebedamento ou de falta de rendibilidade da actividade agrogandeira, supoña ningunha situación de privilexio económico que faga innecesaria a beca”, critica. “Ó contrario, a situación de crise pola que pasa o sector agrario fai precisas as becas para que os fillos dos gandeiros poidan ter acceso á Educación en condicións de igualdade con calquera cidadán do ámbito urbán”.

Unións Agrarias pide unha urxente corrección dos criterios do Ministerio para evitar que a discriminación na concesión de becas se repita na convocatoria 2016.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información