A rega do viñedo en Galicia non aporta melloras, agás na Treixadura

Segundo unha tese sobre os efectos da aplicación da rega e cubertas vexetais nos viñedos galegos. O enólogo xienense Emiliano Trigo conclúe que as cubertas vexetais melloran a calidade da uva Mencía

Publicidade
A rega do viñedo en Galicia non aporta melloras, agás na Treixadura

Emiliano Trigo Córdoba, segundo pola esquerda

A instalación de sistemas de rega en viñedo en Galicia non supón melloras produtivas nin cualitativas, agás para a variedade Treixadura. Esta é a conclusión da tese doutoral do enólogo xienense Emiliano Trigo que se ven de presentar na Escola Politécnica Superior de Lugo, cunha cualificación de sobresaliente cum laude.

Baixo o título ‘Resposta fisiolóxica e agronómica de variedades galegas de vide a diferentes prácticas de cultivo: cubertas vexetais e rega’, o enólogo xienense Emiliano Trigo Córdoba desenvolveu ensaios de rega en parcela para as castes Albariño, Godello e Treixadura nas denominacións de orixe Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras, ademais de facer un ensaio de diversas cubertas vexetais sobre a caste Mencía na DO Ribeiro. Nestes ensaios, o autor da investigación avaliou os efectos fisiolóxicos, agronómicos e cualitativos dos diferentes tratamentos durante tres campañas, as correspondentes aos anos 2012, 2013 e 2014.

As cubertas vexetais melloran a calidade da uva Mencía

As conclusións recollidas nesta tese, que acadou a mención internacional, sinalan que a rega en Galicia non supuxo melloras produtivas nin cualitativas fronte ao sequeiro, agás na Treixadura nun dos tres anos de estudo. Daquela, conclúese que é preciso realizar novos ensaios con diferentes doses de rega e diferentes períodos de aplicación durante o ciclo vexetativo do viñedo.

En canto ás cubertas vexetais, estas produciron unha redución da expresión vexetativa da videira, sen afectar á produción, pero si reducindo o tamaño da baia, o que amosa unha mellor aptitude para a obtención de viños de calidade da caste Mencía, segundo apunta Emiliano Trigo.

Tribunal de tese e cualificación

O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento ‘Resposta fisiolóxica e agronómica de variedades galegas de vide a diferentes prácticas de cultivo: cubertas vexetais e rega’ estivo formado por Luis S. Pereira, da Universidade de Lisboa; Jorge Pérez, do Intituto Nacional de Tecnoloxía Agropecuaria de Arxentina; Emilio Nicolás, do CEBAS-CSIC de Murcia, Enrique García-Escudero, do ICVV- Universidade da Rioxa, e o profesor da USC Xesús Pablo González, quen actuou en calidade de secretario.

Os membros da comisión responsable de cualificar a investigación de doutoramento desenvolvida na USC por Emiliano Trigo Córdoba acordaron conceder por unanimidade a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información