O grupo operativo COGOMELOS+ avaliou durante os últimos 3 anos a produción conxunta de madeira e cogomelos nun monte veciñal en man común lucense, no que a USC estableceu hai xa 20 anos un sitio de ensaio de claras do arboledo. O proxecto chega agora ao seu fin e supuxo a colaboración do ámbito académico (Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible da USC) co das empresas de servizos forestais (SERVITEC Medio ) e entidades que perseguen a conexión entre o tecido empresarial e a universidade (FEUGA). Durante o proxecto executáronse distintas actuacións, como o cercado dunha das zonas de monte, o ensaio de sistemas novos de roza ou actuacións de poda do arboledo.

Os resultados mostran o bo potencial produtivo que manteñen moitos rodales de plantación de piñeiro radiata que, polo menos aínda, non están afectados por bandas. Neste caso, o inventario de 24 parcelas realizado cunha idade do piñeiral de 32 anos indica volumes en pé que superan lixeiramente os 610 m3cc/ha no caso do material neozelandés, mentres que o piñeiral de procedencia comercial galega alberga unhas existencias de 530 m3/ha. Á diferenza de resultado segundo a procedencia da semente empregada súmase o efecto dos tratamentos de clara, notablemente favorables á realización destas curtas intermedias. O vigor do arboledo vai acompañado ademais de bos niveis de produción de cogomelos de especies micorrízicas.

Recolección de níscalo nunha das parcelas de ensaio durante un inventario en momento de máxima micetación. / Javier Pereira-Espinel.
Así, nas parcelas testemuña en que non se realizaron claras, a densidade do arboledo é de 770 pés/ha, case o dobre que nos tratamentos de clara forte e clara de selección. A elevada densidade provoca unha acumulación de arboledo morto en pé que progresivamente rompe e cae ao chan, o que supón unha perda de produción por podremia da madeira. Isto explica o resultado dunha maior produtividade global nos tratamentos de clara, se se suma ao volume en pé o que se extraeu nas claras previas.

Nas parcelas aclaradas prodúcese por tanto máis en cantidade de madeira, pero especialmente en calidade, o que deriva dun volume da árbore media moi superior nas parcelas aclaradas (para a procedencia neozelandesa, 1,6 m3/árbore nas claras fortes e tan só 0,85 m3/árbore nas parcelas testemuña). A cubicación con clasificación de produtos usando as ferramentas dispoñibles en www.uxafores.com e a aplicación dos prezos actuais da madeira indican que ou–na taxación razoable da madeira en pé sería de 24200 €/ha para a procedencia neozelandesa e de 19500 €/ha para a galega.
O estudo da produción micolóxica nas últimas campañas lanza valores moi relevantes neste piñeiral, cun abanico de especies produtivas que van desde os boletos (Boletus pinophilus e Boletus edulis), níscalos (Lactarius quieticolor neste caso), a lingua (Hydnum repandum) e outras especies de menor relevancia produtiva pero que igualmente están incluídas no grupo de comercializables atendendo ao Real Decreto 30/2009: Suillus luteus, Imleria badia e Tricholoma portentosum, e aínda que non foi o caso das parcelas de estudo, é conveniente resaltar que en moitos piñeirais galegos é tamén relevante a produtividade das especies comerciais Craterellus tubaeformis e Cr. lutescens (angulas de monte).
No noso caso, as dúas especies máis relevantes en termos de produtividade son ambos os boletos, que globalmente suman 30 kg/ha ano como media global de 24 parcelas avaliadas durante un a cinco anos. Hydnum repandum sería a segunda especie, achegando 10,5 kg/ha ano e os níscalos ocuparían o terceiro posto, cun 7 kg/ha ano. Existe unha produtividade adicional de especies comestibles que non resultan comercializables, como son a chivata (Clitopilus prunulus), lacarias (Laccaria amethystina) ou Amaniata rubescens, especie que só debe consumirse ben cociñada.

Boletus pinophilus nas parcelas de estudio. / Julián Alonso.
Os traballos derivados do proxecto achegaron moita información da coñecida variabilidade tanto espacial como temporal (duns anos a outros) da produtividade micolóxica. Así, das especies mencionadas, as que mostraron produtividade en máis do 80% das 24 parcelas mostreadas foron Boletus pinophilus e Hydnum repandum. A variabilidade interanual foi relativamente moderada (coeficiente medio de variación do 28%) en comparación cos datos que se citan para outras comunidades autónomas, resultado moi positivo porque mostra unha maior constancia na produtividade anual.
Como avaliación final do proxecto aplicouse unha análise económica á produción conxunta de madeira e cogomelos, comprobando se unha prolongación da quenda de 5 anos en piñeirais deste tipo resultaría unha decisión acertada. Os resultados indican que claramente é así, non só porque o piñeiral mantén uns bos crecementos dos 27 aos 32 anos, senón tamén porque a taxación da madeira mostra unha tendencia á alza (incremento en 5 anos de 6580 €/ha na procedencia neozelandesa e na galega de 5376 €/ha) e a decisión posibilita manter o aproveitamento micolóxico nunhas idades en que a obtención de boletos de boa calidade resulta óptima.

Boletus edulis recollidos en piñeiro. / Julián Alonso.
É coñecido que os boletos do grupo edulis, denominados andoas en galego, presentan os mellores niveis de produtividade en piñeirais xa adultos. A curta do piñeiral a quenda reducida supoñería loxicamente a perda da produción micolóxica durante varios anos, polo menos 10 ata que a nova reforestación desenvolveuse o suficiente. Trátase por tanto de decisións relevantes para as comunidades de montes e que deben quedar recollidas nos instrumentos de ordenación e xestión, como é o caso do monte que nos ocupa.
No noso caso, unha avaliación económica do ingreso que poderían ter os comuneiros por venda dos cogomelos a empresas comercializadoras, considerando as variacións de prezo en función do momento de recollida e da calidade dos carpóforos (en boletos é habitual dividir en 3 calidades) indica que a prolongación da quenda podería achegar un valor actualizado neto adicional de 600 a 800 €/ha durante eses 5 anos. Se se suma o valor indicado ao incremento do valor en pé da madeira, obtense que a decisión de prolongar a quenda ten sentido mesmo con taxas de actualización do 7%.
Eses resultados poderían mesmo mellorarse en caso de optar pola venda directa a froitarías e restaurantes e/o a certificación ecolóxica, iniciativas que se desenvolveu algúns anos no MVMC de Carballo (Friol) ou As Negradas (Guitiriz). As opcións das comunidades de montes son diversas pero deben ter claro que calquera recollida con fins comerciais debe contar coa autorización da comunidade, mesmo se non hai limitación. En montes con limitación a comunidade pode optar por un sistema de expedición de permisos de recollida, por arrendar o aproveitamento micolóxico a empresas ou simplemente por reservar a recollida aos propios comuneiros. En todo caso debe considerarse que un aproveitamento óptimo require de rozas con certa frecuencia, sendo unha alternativa moi interesante e positiva para o aforro do custo destas actuacións o silvopastoreo con gando lixeiro.
COGOMELOS+ está financiado polas axudas para a execución de grupos operativos da Asociación Europea de Innovación (AEI), cofinanciadas nun 75% o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Orzamento total 179.996,95€ (100% subvencionado). A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao cal lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais no ámbito rural, e engloba as competencias en materia de agricultura, gandería, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais. Orzamento total: 179.996,95€ (100% subvencionado).
Orzamento total: 179.996,95 €; Subvención: 179.996,95 €; Cofinanciamento UE: 75% FEADER

Galego





Control OJD