“A produción de cogomelos en montes de piñeiro supón para os propietarios un ingreso adicional de máis de 150 euros por hectárea e ano”

Entrevista a Ignacio Vizcaíno Álvarez, responsable do Departamento de Planificación Forestal e I+D Servitec Medioambiente, empresa galega que participa no grupo operativo COGOMELOS+ , que avaliou no últimos tres anos a produción conxunta de madeira e cogomelos nun monte veciñal en man común lucense de Pinus Radiata

Ignacio Vizcaíno Álvarez, responsable do Departamento de Planificación Forestal e I+D Servitec Medio, empresa galega que participa no grupo operativo COGOMELOS+

Ignacio Vizcaíno Álvarez, responsable do Departamento de Planificación Forestal e I+D Servitec Medioambiente, empresa galega que participa no grupo operativo COGOMELOS+

O grupo operativo COGOMELOS+ avaliou durante os últimos 3 anos a produción conxunta de madeira e cogomelos en piñeirais galegos. O proxecto chega agora ao seu fin e supuxo a colaboración do ámbito académico da Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible da USC, de FEUGA e da empresa de servizos forestais SERVITEC Medioambiente. Falamos con Ignacio Vizcaíno Álvarez, responsable do Departamento de Planificación Forestal e I+D desta última para coñecer os traballos que realizaron e os resultados que se extraeron desta investigación.

-Que é SERVITEC Medioambiente e cales son as súas principais áreas de actividade, e en concreto no sector forestal?
Servitec Medioambiente é unha empresa de enxeñaría forestal con sede en Galicia, con mais de 25 anos de experiencia, enfocada en axudar aos propietarios forestais na xestión dos seus montes para optimizar os seus recursos (madeira, cogomelos, proxectos de absorción de CO2, gando,…).

O noso departamento de obra forestal plantou mais de 70 millóns de árbores e ten podado e rozado ducias de milleiros de hectáreas. No departamento de Planificación Forestal e I+D ordenamos mais de 30000 ha en Galicia, polo que ofrecemos un servizo integral aos propietarios forestais, principalmente Comunidades de Montes Veciñais en Man Común.

-Que vos levou a participar no grupo operativo Cogomelos+?
As ciencias forestais son un campo moi interesante, e os proxectos de investigación nesta área achegan coñecementos que teñen inmediata aplicación á xestión real do monte, e polo tanto á maior satisfacción dos nosos clientes. Sempre estamos abertos a colaborar con profesionais da investigación da Universidade, achegando a nosa experiencia, capacidade de execución e saber facer.

-Cales foron os vosos labores dentro do Grupo Operativo e que actuacións realizastes?
O Grupo operativo está integrado pola Universidade de Santiago de Compostela, Feuga e Servitec Medioambiente. Son tres patas que se complementan á perfección, cada unha no seu labor. Servitec Medioambiente executou as accións previstas no proxecto, entre elas realizáronse diversos tipos de roza; roza manual con cuadrillas; mecanizado con diversos tipos de tractor; con robots por control remoto,… en diferentes momentos e parcelas con densidades de arborado dispares, para analizar o rendemento en cada un dos métodos, avaliar a durabilidade dos tratamentos e detectar a influencia na produtividade dos cogomelos.  Realizáronse podas na masa, preparamos as parcelas de estudo con cerramentos perimetrais e levamos a cabo as medicións dasométricas, en colaboración, e baixo a supervisión da USC. Realizamos voos con dron baixo arborado para estimar a viabilidade e rendibilidade da caracterización selvícola con metodos fotográmetricos baixo copa.

As conclusións obtidas teñen unha aplicación directa na xestión de piñeirais con obxectivos de produción de cogomelos, polo que realizamos propostas de mellora nos proxectos de ordenación e modificacións do modelo selvícola para Pinus radiata con fins de produción de cogomelos. Por suposto colaboramos en todas as tarefas de divulgación asociadas a este proxecto.

– O grupo operativo COGOMELOS+ avaliou durante os últimos 3 anos a produción conxunta de madeira e cogomelos nun monte veciñal en man común lucense. Que características ten o monte no que se realizou o ensaio?
É un piñeiral de Pinus radiata, con dúas procedencias diferentes plantadas hai 32 anos, polo que se atopan próximos a quenda de corta. A masa sufriu diferentes tratamentos de clara, o que permite avaliar en cada unha das 24 parcelas de mostraxe expostas as diferenzas produtivas e o grao de afección das distintas densidades. Cunha orografía amable, escasa pendente e ben comunicada é o lugar óptimo para realizar este proxecto de investigación.

-A investigación realizástela en piñeiro radiata, comparando dúas sementes: unha galega e outra neozelandesa. Como influíron as sementes na produción de madeira?
Nas medicións realizadas obsérvase un maior volume e crecemento nos pés de Pinus radiata con procedencia de Nova Zelandia.

Boletus edulis recogidos en pinar. / Julián Alonso.

Boletus edulis recogidos en pinar. / Julián Alonso.

-A modo de resumo, cales serían as túas recomendacións para optimizar os ingresos nun piñeiral compatibilizando a produción de madeira e cogomelos?
As recomendacións pasan por mellorar o hábitat dos cogomelos e a accesibilidade do recolector, para iso sería recomendable realizar rozas frecuentes, podar as árbores, o que mellora, á vez a accesibilidade e a calidade do fuste, e dado que algúns tipos de cogomelos de maior valor van asociados con piñeirais de maior idade, sería útil pospor a curta final uns anos, o que pode ampliar o período de produción deses tipos de cogomelo de maior valor.

Outras recomendacións complementarias pasarían por acoutar mediante cerramentos para controlar o acceso e establecer un sistema de venda de permisos de recollida.

O gando no monte é un uso, compatible e desexable polo que leva de control da vexetación arbustiva.

-Que argumentos económicos lles dariades a un propietario forestal para apostar por este dobre aproveitamento?
É común e desexable realizar aproveitamentos múltiples no monte, o que non é tan común é pór un valor económico a eses aproveitamentos. No camiño da profesionalización da xestión dos montes, a obtención de múltiples aproveitamentos é necesaria para mellorar a rendibilidade dos montes, e por tanto a riqueza da contorna rural, o que redunda na súa conservación e a satisfacción dos seus propietarios. Nos tres escenarios de posible xestión; comercialización por comuneiros individuais, pola comunidade para venda directa, ou pola expedición de permisos de recollida a terceiros, supón un ingreso adicional que puidera superar os 150 € por hectárea e ano.

-Por que consideras que non se está aproveitando este potencial?
En xeral a xestión dos montes particulares é unha materia a mellorar. Investir en xestión implica mellorar a calidade da madeira, e por tanto o seu prezo, aumentar a produtividade de cogomelos, a absorción de CO2 e a protección fronte a incendios forestais. É habitual pensar que non gastar no monte é mellor que investir pequenas cantidades para mellorar os ingresos obtidos no futuro. Os avances neste sentido están moi relacionado coa profesionalización da xestión e o apoio técnico que damos as empresas do sector e a administración aos propietarios.

-Algo máis que queiras engadir?
No noso papel de expertos forestais recomendamos aos propietarios dos montes buscar a multifuncionalidade dos seus aproveitamentos, investir en mellorar os ingresos futuros baseados en diferentes recursos, complementarios á madeira, como os cogomelos, a resinación ou o crecente mercado de dereitos de absorción de CO2 entre outros. Planificando as actuacións en consonancia con estes obxectivos múltiples. Proxectos de investigación como o COGOMELOS+ son extremadamente útiles para avaliar a influencia da xestión nos rendementos dos aproveitamentos de cogomelos e teñen unha utilidade clara para a planificación en masas de piñeirais de Pinus radiata.

COGOMELOS+ está financiado polas axudas para a execución de grupos operativos da Asociación Europea de Innovación (AEI), cofinanciadas nun 75% o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Orzamento total 179.996,95 € (100% subvencionado). A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao cal lle corresponde propor e executar as directrices xerais no ámbito rural, e engloba as competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais.

Orzamento total: 179.996,95 €; Subvención: 179.996,95 €; Cofinanciación UE: 75% FEADER

logos financiacion GOs 2022

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información