A producción de leite en Italia: Fortalezas e retos dunha potencia a nivel mundial

Son moitos os problemas comúns ás ganderías leiteiras de Italia e de Galicia, pero tamén son importantes as diferenzas. Acompañando a EFA Fonteboa, visitamos as instalacións da Asociazione Nazionale Allevatori della Razza Frisona Bruna Jersey Italiana (ANAFIBJ) para coñecer as cifras, a realidade actual e as expectativas de futuro da produción de leite e derivados no país transalpino. Man de obra, traballo xenético, fauna salvaxe, forraxes, plantas de biogás, custos de produción...analizamos as claves dun modelo que, malia os problemas comúns e particulares, non deixa de medrar.

AMAFIBJ_VISITA_FONTEBOA_ITALIA_2

Entrada ás instalacións de ANAFIBJ

Case 9.000 granxas e por riba de un millón cen mil vacas forman parte da Asociazione Nazionale Allevatori della Razza Frisona Bruna Jersey Italiana (ANAFIBJ. Unhas cifras que a converten no principal referente da produción leiteira italiana e unha das máis importantes de Europa. Compartimos con Luis García, director institucional da federación EFA Galicia, unha xuntanza nas instalacións de ANAFIBJ facilitada polo presidente de CONAFE e FEFRIGA, Manuel Sandamil Cabana. No acto estiveron presentes Martino Cassandro, director xeral de ANAFIJB, e Raffaella Finocchiaro, do departamento de mellora xenética e saúde.

Malia que as vacas frisoas supoñen máis do 90% do censo total dos animais da asociación, dende hai anos, e en aplicación da regulación europea sobre control de razas, tamén se fai seguemento xenealóxico e produtivo das razas jersey e pardo alpina (aquí chamada “bruna”). A meirande parte das granxas (o 81%) concéntranse no norte do país, cun total de 7.286 no último reconto e un millón de vacas. A rexión Centro abrangue só 254 aziendas e 30.000 vacas e a Sur conta con 1.039 explotacións e 68.000 animais. Nas illas -Cerdeña e Sicilia- están rexistradas 324 granxas e 31.800 vacas. Por eso, as instalacións de ANAFIBJ están situadas no norte. Lombardía abrangue o 45% da produción total italiana e, dentro da Lombardía, a provincia de Cremona supón o 11% do país.

A cantidade de vacas por explotación tamén marca unha notoria diferenza entre rexións. Así, o norte ten grandes granxas intensivas e unha media de 139 animais por granxa mentres que no sur quedan en 62 e no centro e as illas en 120 e 98 respectivamente. E é que, como en Galicia, conviven pequenas explotacións de pastoreo de entre 20 e 30 animais con granxas de estabulación permanente e máis de 500 vacas en produción. Outro dato é que o 13% das granxas abranguen o 50% dos animais. Como media, cada vaca produce 10.786 litros de leite por cada lactación (40 litros por vaca e día), o que supón algo máis de 13 millóns de toneladas anuais.

“Estamos traballando para seleccionar exemplares máis pequenos de frisoa”

“En canto á raza jersey, a poboación é moi estable dende hai anos e apenas sobrepasa ou se reduce de 7.000 exemplares. Nós temos o libro xenealóxico e facemos medición de índices pero non temos un programa de selecciòn como tal porque a meirande parte das doses dos touros proceden de exemplares de fóra de Italia.”, explica Finocchiaro. Nos últimos anos medra a diferenza morfolóxica entre as vacas frisoas de concurso e as de produción. “Porque estamos traballando para seleccionar exemplares máis pequenos de frisoa. A cabana estaba adquirindo un tamaño excesivo, que provocaba problemas de podoloxía e de incomodidade nos espazos comúns e nos cubículos. Preferimos perder algo de produción pero gañar en saúde e benestar animal.”, conclúe a técnica de ANAFIJB. Con todo, os concursos son algo sagrado e chegan a organizar ata 16 certames nacionais por todo o territorio onde compiten vacas de todo tipo e manexadores, ademais doutros concursos rexionais.

Os principais cultivos que se traballan son o millo (ata 65 toneladas por hectárea nun ano normal), a herba, a alfalfa e o trigo. Pero con especial relevancia para o millo, sobre todo no norte. Cómpre decir que a meirande parte das explotacións teñen que mercar tanto forraxes (soia principalmente) coma concentrados ata alcanzar o 50% do total da alimentación das vacas. A parte positiva é que esas forraxes e concentrados se producen na propia Italia. E é que o intenso traballo de recría, co conseguinte aumento de consumo de alimento, a escaseza de terras dispoñibles, o elevado prezo do leite e a diversificación de ingresos levan a que os gandeiros poidan mercar comida para o gando con certa solvencia. Na última medición comprobouse que, cun prezo base de 53,35 euros por 100 quilos de leite, o custo de alimentación supón só 26,95 euros. Esto implica un diferencial favorable de 27 euros fronte a paridade que había en outubro de 2021 e que puxo en serios apuros as granxas. Nos últimos tempos tamén se está a introducir o cultivo do sorgo porque precisa de menos auga e porque a praga da diabrótica causou importantes perdas nalgunhas plantacións de millo. E tamén por cumprir coas normativas da PAC que obrigan á rotación de cultivos.

ANAFIBJ_VISITA_FONTEBOA_ITALIA

Luis García con Martino Cassandro e Raffaella Finocchiaro

Outro problema común a Italia e Galicia é o impacto da fauna salvaxe. Dende 2017 hai un intenso debate no país transalpino sobre as medidas de protección do lobo. A zona norte, especialmente a alpina, vese afectada polos exemplares que están nos Alpes (arredor de 300) pero sobre todo das mandas asentadas nos Apeninos (máis de 2.800 animais) e que cada vez aparecen con máis frecuencia nas zonas leiteiras. “Ben sexa por falta de alimento no monte, ben sexa porque veñen detrás das mandas de xabarís e cervos, o caso é que cada ano causan máis perdas por ataques nas granxas. Dende hai uns meses, en Italia, reduciuse o nivel de protección do que gozaban, que era o máximo, pero aínda é cedo para valorar os resultados desa medida.” sinala Martino Cassandro. As últimas estatísticas oficiais falan de 8.700 cabezas de gando matadas polo lobo anualmente, das que o 14,2% eran vacas e o 80% ovellas. Tamén o xabaril provoca importantes perdas nas colleitas de millo e as capturas están suxeitas a autorizacións administrativas. Pero a grande praga que afecta na rexión de Cremona son as nutrias que, nalgúns casos, acaban con ata o 30% da colleita de millo das explotacións. Este animal anfibio apareceu na zona logo do peche e fuxida de granxas industriais para a produción de pel. Co paso do tempo, atoparon nas enormes canles de regadío dos ríos Po e Adda o mellor hábitat posible e, ademais de acabar cos animais acuáticos, están a botar man do cereal. A súa caza só está permitida con autorización administrativa e en determinadas épocas, malia non ser unha especie autóctona. Agora confíase en que o aumento da presenza dos lobos axude a reducir a poboación de nutrias.

A meirande parte da rexión de Lombardía foi declarada zona vulnerable por nitratos en 2016. Se ben é certo que hai grandes aziendas de vacas, tamén as hai de porcos e polos. Ademais dunha intensa actividade agroindustrial e metalúrxica. A esto hai que engadirlle que os solos na rexión son moi lixeiros, coa capa freática moi preto da superficie, o que fai que as augas asuman nitratos con moita facilidade.

Esa alta concentración de nitratos foi un dos motivos que levou a que vaia en aumento o número de plantas de biogás vencelladas ou directamente propiedade das explotacións; unhas instalacións que posibilitan reducir as emisións xa que os residuos úsanse para producir enerxía e reducen a carga tóxica. “Italia é o segundo país de Europa con máis plantas de biogás nas ganderías. Hai 2.200 a día de hoxe e van seguir medrando. Calculamos que máis do 50% das ganderías de ANAFIBJ son propietarias de plantas, ben en exclusiva, ben en consorcio con outras explotacións.”, explica Raffaella Finocchiaro. A meirande parte desas plantas xenera biogás, que se destina á produción de electricidade ou á rede gasística para calefacción. Unha pequena parte elabora biometano, que se emprega como combustible. A diferenza estriba en que o biometano só pode empregar residuos e lodos, mentres que o biogás -menos refinado- podería utilizar cultivos forraxeiros mesturados cos residuos animais, segundo explicou Stefano Cattaneo, do Instituto Superior Stanga (Cremona) no que se forma boa parte do persoal de ANAFIBJ.

ANAFIBJ_VISITA_FONTEBOA_ITALIA_3

Vacas en cama de residuos sólidos da produción de biogás

Paradóxicamente, toda a enerxía e combustible que producen as plantas de biogás e biometano das granxas vai para fóra, para as redes xerais, e non queda nada na explotación. O que fan as aziendas para abastecerse de electricidade é colocar paneis solares nos tellados de todas as naves dispoñibles. Un exemplo de que a enerxía é un problema menor nas aziendas puidémolo comprobar ao ver que en pleno marzo e con 10º C de temperatura, os ventiladores funcionan todo o día para reducir a humidade que emana das canles do Po e o Adda.

A falta de man de obra para traballar nas explotacións tamén chegou a Italia. “É moi difícil atopar traballadores para as granxas, e moito máis que estean especializados. Aquí no norte a muxidura faise sobre todo con persoal procedente de India e de Pakistán. E non sempre é doado atopalo e fidelizalo. Por eso proliferan os robots e as salas xiratorias.” Noutras provincias do norte tamén abundan traballadores exipcios ou procedentes de Moldavia e Romanía. Pero, indica o profesor Cattaneo, as segundas e terceiras xeracións deses inmigrantes optan por traballos no sector servizos e teñen as aziendas como última opción. E eso que os salarios nas granxas son máis elevados que noutros sectores, puidendo chegar un encargado a percibir 3.000 euros ao mes.

Como en toda Europa, o relevo xeracional, a súa falta, é un problema grave aquí. “Os xóvenes, incluso os fillos dos gandeiros, perciben o traballo nas granxas como algo pouco nobre. Prefiren formarse para traballar noutros sectores ou buscar empregos na industria e o turismo peor remunerados pero con mellores horarios. Nós estamos desenvolvendo estratexias para poñer en valor o traballo dos gandeiros e mellorar a súa imaxe e para mecanizar e dixitalizar os labores de xeito que non resulten tan duros nin requiran tantas horas de dedicación. Pero é un proceso lento.”, explica Cassandro. De feito, segundo relata o profesor Cattaneo, “Moitos rapaces van facer estadías en ganderías de Irlanda. Pero non para coñecer o traballo gandeiro senón para perfeccionar o seu inglés e ter máis facilidades para atopar traballos noutro sector.”. O aumento exponencial do número de robots de muxidura -xa hai 1.800- é un reflexo desa falta de man de obra e da necesidade de mecanizarse.

planta biogas

Italia importa o 15% do leite que consume, fundamentalmente para leite para brick

Malia a súa elevada produción, Italia necesita importar leite. Arredor dun 15% da que se consume. Porque o 80% da produción nacional destínase a elaborar queixo e non hai suficiente leite para brick. E a cantidade de leite destinada a derivados aínda podería ser maior se non fose porque no sur abunda o aceite de oliva e non se produce tanta manteiga coma no norte. O obxectivo italiano é ser autosuficientes e non ter que importar leite antes de que acabe esta década.

Dez anos despois da desaparición das cotas leiteiras que fixaba a UE, en ANAFIBJ fan unha valoración moi positiva da súa supresión. “Coas cotas só podiamos producir ao 60% da nosa capacidade e dependiamos das importacións para abastecer o mercado interno. A eliminación das cotas permitiu un grande crecemento das explotacións e agora traballamos co obxectivo de seguir medrando e acadar a soberanía alimentaria no tocante ao leite. Sen dúbida foi unha boa medida para os países do sur de Europa. Non así para os do norte, que tiñan aquí un mercado para o seu leite porque as súas cotas eran moi elevadas.”, sinala Cassandro.

Máis aló dos aspectos gandeiros, o sector da elaboración divídese en dúas partes moi diferenciadas, segundo explica o profesor Cattaneo. “Por un lado están as grandes industrias e as marcas tradicionais italianas. Manteñen o seu nome porque teñen boa saída comercial pero foron sendo todas adquiridas pola francesa Lactalis dende hai 25 anos. E por outro lado están os pequenos proxectos cooperativos e artesanais que elaboran maiormente manteiga e queixos do tipo Grana Padano e Provolone.”

As paisaxes en Cremona e en toda Lombardía dan idea da importancia do sector leiteiro. Porque todo o terreo que non é de uso industrial ou residencial está adicado á produción de forraxes. Como nos din os técnicos “aquí non se cultiva nada para consumo humano.”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información