
A poda de respecto parte de catro ideas principais: permitir a ramificación, respectar o fluxo de savia, efectuar poucos cortes e de pouco tamaño e deixar madeira para que a desecación non altere o sistema vascular da planta. Aplicando eses conceptos, as videiras vivirán máis tempo e producirán uvas de máis calidade e mellor estado sanitario.
Para desenvolver eses conceptos, o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE) xunto co resto de membros do proxecto europeo Interreg Poctep 0035_Circular Ecosystems_6_E organizaron unhas xornadas teóricas e prácticas orientadas a adegueiros e viticultores. Santiago Pèrez, enxeñeiro agrícola que exerce na Denominación de Orixe (DO) Valdeorras, e Ricardo Dobao, director técnico da adega A Coroa, foron os encargados de desenvolver as xornadas.
Os dous técnicos subliñaron que a poda é o labor máis importante de cantos se realizan no viñedo, algo que xa tiña claro hai vinte séculos o romano Lucio Junio Moderato Columela. Sen embargo, nas últimas décadas a poda é cada vez máis agresiva e orientada a obter grandes rendementos en pouco tempo.
Un dos piares da poda de respecto é coidar as polas. “A ramificación é a propiedade natural de máis valor na poda en vaso. Permite que o viñedo vaia medrando de xeito gradual e respectando o crecemento orgánico e natural das videiras”, sinalaron os técnicos.
A poda de respecto ben executada logra que as cepas vivan cen ou máis anos, cando agora a media está en trinta
Durante a xornada proxectáronse vídeos gravados en diferentes zonas vitivinícolas de toda España nas que diferentes profesionais puxeron en valor a poda de respecto. A principal conclusión é que un viñedo ben xestionado consegue que as videiras teñan unha vida útil de 100 ou máis anos, cando actualmente non soen superar os 30.
A poda realizada con eficacia regula os fluxos de savia, de modo que a alonxan dos puntos de desecación que causan os cortes. Así conséguese un fluxo máis estable e uniforme e, polo tanto, un maior equilibrio no interior da planta e un mellor estado sanitario. “Sen esquecer que as viñas vellas reforzan a imaxe das adegas nos mercados e, polo tanto, supoñen máis valor económico”, dixeron.
Nesa liña de circulación da savia, os técnicos fixeron unha comparación ilustrativa coas mangueiras: “Para que a auga flúa polas mangueiras é preciso que non faga codos, que non forme nos e que non presente cortes. Co sistema circulatorio sucede o mesmo e podemos evitar todos eses problemas cunha poda de respecto axeitada.”

Pérez (esquerda) e Dobao explicaron que a tradición da poda de respecto non está reñida coas novas tecnoloxías
O que os técnicos deixaron claro é que non hai receitas que valgan para todos os viñedos. Cada un precisa dun tipo de poda condicionado pola caste, o solo, o clima, a conformación da planta, as prácticas de poda previas…aínda que si que existen principios de aplicación xeral.
Unha das claves é seleccionar ben os cortes. Teñen que ser poucos, de pequeno tamaño e moi ben definidos segundo a parte da planta
Un deses principios é o de ser o menos agresivo posible coa videira. Porque calquera poda supón unha ferida e a planta sofre. Así, débense realizar cortes pequenos e respectando a coroa. Ademais, as incisión deben situarse no mesmo lado e teñen que efectuarse sobre madeira de un ou dous anos.
Pérez e Dobao sinalaron que a poda de precisión reduce enormemente a área da ferida exposta e, por conseguinte, diminúe o risco de entrada de enfermidades da madeira. “O bon profesional é un podador e non un cortador de paus”, explicaron.
Tamén é un principio de aplicación común o deixar na planta madeira de respecto. É decir, manter un anaco de madeira para que a desecación que se vai crear non afecte o sistema vascular da planta. É o que se coñece como “podar en bruto”, e que ofrece uns resultados que poden parecer pouco estéticos. “Pero a apariencia da viña non vai facer que viva máis anos.”
Pérez e Boado puxeron énfase no concepto de “acrotonía”. Un termo que fai referencia a propiedade fisiolóxica das videiras que consiste na tendencia a brotar primeiro polas xemas das puntas ou apicais. Hai que ter en conta que a cepa é botanicamente unha liana.
E é que o instinto de supervivencia das videiras fai que busquen de forma natural trepar para alcanzar as zonas máis luminosas. Sabendo eso, vese que as xemas máis afastadas da base teñen máis vigor e brotan antes que as demais. Así, o viticultor terá que regular ese crecemento desigual para manter unha produción e unha estrutura equilibradas.
As videiras teñen os brotes con máis vigor nas partes máis alonxadas da base, hai que telo en conta para buscar o equilibrio estrutural e produtivo
Entender a acrotonía permite ao podador saber como vai responder a planta tras o corte, mentres que a poda de respecto asegura que esa resposta sexa saudable. E conséguese que as videiras non estean colapsadas por feridas internas e que o sistema vascular estea san e a planta resista mellor as pragas, enfermidades e estreses hídricos.
A sombra que proxecta o viñedo é un excelente indicador do seu estado e das súas posibilidades de durabilidade. Coa poda de respecto búscase controlar a sombra para optimizar a maduración. Para que sexa eficaz, ten que limitar o crecemento natural, axustando as xemas co vigor da cepa.
O obxectivo é que a luz solar penetre de xeito que se consiga unha maduración uniforme da uva e, ao mesmo tempo, evitar a sombra excesiva que perxudica a maduración e favorece a aparición de enfermidades. Esa correcta xestión da sombra aumentará a lonxevidade da viña.

A selección das partes de madeira que hai que cortar é un proceso laborioso e que require de moita observación
“Se a sombra é moi tupida e non presenta interrupcións, podería haber un exceso de vigor, que aumenta o risco de enfermidades fúnxicas por falta de aireación. Añarte de que se estará a reducir a cantidade de luz solar sobre a uva”, dixeron os técnicos.
Para que a poda de respecto invernal sexa eficaz no tempo hai que combinala coa poda en verde do final da primavera
Ademais, a escaseza de sombra proxectada polo viñedo pode indicar estrés hídrico ou falta de nutrientes, co que se pode deter o crecemento vexetativo. E a disposición das sombras aclara se as follas captan a luz sen sombrearse entre elas, algo esencial na maduración.
As enfermidades da madeira, aínda que non son as máis frecuentes, si que son as máis agresivas para as viñas. “Son doenzas estruturais que non sempre se detectan a tempo porque non están visibles ata que efectuamos cortes. E en pouco tempo poden levar por diante viñedos enteiros.”
Por eso, insistiron os expertos, hai que realizar poucos cortes, de pouco tamaño e moi ben seleccionados. “Para que as enfermidades teñan o menor espazo posible para entrar na videira e para que ésta manteña un sistema inmunitario forte, unha estrutura cargada de nutrientes e unha circulación constante e dinámica da savia.”
Tamén é moi importante avaliar correctamente o patrón ou portaenxertos sobre o que imos traballar. “Non se trata só de comprobar que a súa madeira estea en bon estado, tamén hai que constatar que é a máis axeitada para as cates coas que imos traballar e se se adapta ao solo e ao clima.”
Dobao e Pérez explicaron que a poda de respecto só ten sentido se leva aparellada a poda en verde – eliminar brotes para mellorar a aireación e concentrar nutrientes nos acios de calidade- xa que así se reforza o traballo sanitario que se exerce coa poda invernal de respecto.
A poda de respecto pode ocupar moito tempo e traballo. Pero sempre será máis barata que unha poda agresiva de busca de rendemento inmediato
Finalmente, na xornada aludiuse á parte económica da poda de respecto. “Poden ser técnicas que precisen de máis tempo de traballo porque conlevan máis observación e selección de brotes e polas. Pero, a medio e longo prazo, estaremos reforzando a saúde da viña e, por tanto a súa produción e duración.”

Os participantes na xornada practicaron a poda na finca do INORDE en Monterrei
Os especialistas sinalaron que cada vez é máis habitual que haxa que arrincar viñedos enteiros ao cabo de sete ou oito anos por non coidar eses aspectos. “Se forzamos as videiras para que produzan moito en pouco tempo, estaremos perxudicando o seu sistema radicular e quedarán estancadas. Ou collerán enfermidades que se propagarán con moita facilidade e que non poderemos atallar máis que cortando polo pé e introducindo cepas novas. E eso supón unhas perdas enormes”.
“A economía circular supón novas posibilidades de negocio e de creación de emprego”
A xerente do INORDE, Emma González, agradeceu a participación de adegueiros e viticultores na actividade formativa e lembrou que estaba integrada no marco do programa Interreg Poctep 0035_Circular Ecosystems_6_E, adscrito ao Interreg España-Portugal, e que ten por obxectivo e que ten por obxectivo implementar solucións sistémicas de economía circular para previr a contaminación.
A xerente lembrou que, grazas a programas similares anteriores, dispoñen dun espazo na sede do INORDE no que se poden testar produtos e proxectos de economía circular, que puxo a disposición dos participantes.
“A elección da viticultura para este proxecto piloto veu motivada polo carácter eminentemente rural da provincia de Ourense e pola importancia histórica que o viño tivo sempre, como proba o feito de que catro das cinco Denominacións de Orixe vinícolas galegas estean total ou parcialmente. Para actividades coma esta optamos pola viticultura rexenerativa”, dixo González.
A viticultura na provincia de Ourense é milenaria e por eso queremos vencellala coa economía circular
Precisamente foi na finca experimental do INORDE, en Monterrei, onde se desenvolveu a parte práctica da xornada e onde se puideron aplicar e ver aplicados os principios da poda de respecto. “Ás veces semella que os proxectos con nomes complexos non acaban callando en nada concreto pero algo como a poda de respecto demostra que non é así.”

Emma González e Servando Álvarez representaron ao INORDE nas xornadas
A xerente agradeceu os esforzo dos ponentes e dos adegueiros e viticultores por participar nunha xornada que se celebrou en plena fase de poda dos viñedos e sendo que a poda deste ano xa viña moi atrasada por causa das chuvias.
Dentro do proxecto hai outras actividades programadas como a formación en aproveitamento de residuos da viña ou creación de subprodutos do viñedo que poderían supoñer novas iniciativas económicas e a creación de postos de traballo no rural.
Galego









Control OJD