A Plataforma anuncia un bloqueo a Gadis tras rematar o das industrias

O sector inicia accións selectivas contra as empresas reticentes a acordos, entre as que sinala a Gadis. A Fruga, sen embargo, asegura que esta cadea comprometeu unha suba de prezos

A Plataforma anuncia un bloqueo a Gadis tras rematar o das industrias

As industrias desbloqueáronse na tarde de onte.

A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo anunciou que iniciará un bloqueo en Gadisa, en Betanzos, tras levantar o bloqueo das industrias. Con esta acción, os gandeiros pasan a centrarse de xeito selectivo naquelas empresas que consideran reticentes a chegar a acordos, neste caso nunha cadea de supermercados. O bloqueo de Gadisa estaba previsto para a mañá de hoxe, aínda que finalmente desde a Plataforma aseguran que se iniciará á tarde. Doutro lado, o Ministerio de Agricultura anuncia a sinatura do acordo do sector lácteo para o próximo mércores 23.

O bloqueo das industrias foise levantando progresivamente na tarde de onte, tras a rolda de prensa na que a Plataforma comunicou a súa decisión. Entre os gandeiros á porta das factorías, faltou información sobre o desbloqueo durante horas, o que retrasou o proceso e provocou desconcerto. Tamén trascendeu o desacordo de parte dos produtores co desbloqueo, que foi decidido por unanimidade pola Plataforma.

Desconcerto
O desconcerto e a descoordinación son as notas predominantes da protesta gandeira nas últimas horas. En tanto desde a Plataforma se anuncia para esta tarde un bloqueo de Gadisa, unha das organizacións agrarias que participa da Plataforma, a Fruga, asegura que Gadisa comprometeu unha suba de 4 céntimos nos pagos ás industrias lácteas, coa idea de que esa suba revirta nos gandeiros.

Doutro lado, se onte a Organización de Productores de Leche (OPL) daba por seguro en rolda de prensa que o Ministerio de Agricultura aceptaba as enmendas ó acordo lácteo presentadas polas organizacións agrarias, hoxe o Sindicato Labrego sinala en nota de prensa que se coñecerá o día 23 se o Ministerio acepta as alegacións do sector produtor. Desde o Sindicato Labrego sosteñen que a mobilización continúa tras o desbloqueo das industrias, agora con obxectivos centrados nas empresas que non queiran chegar a acordos.

Rolda de prensa da Plataforma
Así as cousas, o entendemento entre as distintas partes do sector lácteo semella máis preto tras case cinco días de bloqueo ás industrias. A Plataforma do Sector Lácteo acordou na tarde de onte o desbloqueo das factorías ó dar por segura unha suba inmediata dos prezos do leite. O sector tamén valora en positivo os cambios que está disposto a introducir o Ministerio de Agricultura na proposta de acordo presentada o pasado xoves.

O fin do bloqueo anunciouse nunha rolda de prensa na que compareceron representantes de dúas das organizacións que compoñen a Plataforma, Román Santalla, por Unións Agrarias, e Manuel Iglesias, pola Organización de Productores de Leche (OPL), se ben ambos destacaron que o acordo de desbloqueo fora unánime e compartido por toda a Plataforma. “Daquí saímos máis unidos e fortalecidos. Se hai industrias ou cadeas de distribución que incumpren o acordo que se asine no Ministerio o día 22, que saiban que imos pedirlles contas”, advertiu Santalla.

O sector destaca o que entende como logros do bloqueo ás industrias. “É seguro que os prezos van subir” -asegurou Santalla-. “Viñemos para aquí cunha man diante e outra detrás e hoxe ímonos para a casa cunha suba dos prezos. Os de Lugo, en cambio, marcharon sen solucións e eu diría que engañados”, criticou o representante de Unións Agrarias, que tamén cuestionou a actuación na presente crise dunha industria láctea francesa, en alusión a Lactalis. “Que saiban que neste país imos establecer un xeito de traballar e ímolo establecer nós, co Goberno, co resto da industria e coa distribución”.

Na rolda de prensa na que se anunciou o desbloqueo das industrias, a Plataforma non cuantificou as melloras que agarda, pero os representantes do sector dan por segura unha suba xeralizada de 3 céntimos a curto prazo (2 céntimos por boa parte da distribución e 1 céntimo por parte das industrias -pola retirada dos contratos á baixa actuais). Son cifras que non convencen ós gandeiros, pero as negociacións proseguirán tras o desbloqueo das factorías, tanto para consolidar esa mellora como para intentar aumentala.

Preacordo ministerial
Por parte da Organización de Productores de Leche (OPL) compareceu na rolda de prensa o seu presidente, Manuel Iglesias, que se felicitou polas melloras pactadas co Ministerio de Agricultura en relación á proposta inicial de acordo presentada o pasado xoves. “Conseguimos que o Ministerio aceptase as nosas enmendas”, destacou Iglesias. “Vanse derogar os contratos existentes e a partir do 1 de outubro haberá un novo modelo de contrato que terá que ter en conta os índices da Interprofesional Láctea para determinar un prezo sostible”, valorou Iglesias. “Tamén se porá en marcha un decreto que establecerá sancións en caso de incumprimentos”.

O presidente da OPL considerou que o bloqueo lograra “melloras importantes”, se ben recoñeceu que o acordo é aínda insatisfactorio para os gandeiros. “Manteremos a presión como sector unido e forte. Fixemos unha folga de entregas histórica e deixámoslle un recado ós que incumpran o acordo que se asine o día 22. Se incumpren van topar con nós”, advertiu Iglesias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información